Alumnado de 2º e 3º da ESO asiste a un Obradoiro de Portugués no IES de Becerreá
A Associaçom Galega da Língua (AGAL) desenvolveu un obradoiro de achegamento ao
portugués no IES de Becerreá, da man da área de cultura da Deputación de
Lugo.
O Obradoiro tivo como obxectivo descubrir ao alumnado a vantaxe do galego para aprender portugués e acceder ao mundo que se expresa nesa lingua, a sexta do mundo en falantes. A actividade de cen minutos de duración, ofrécenos unha formación básica en portugués con actividades amenas, en que se usa a interactividade e ferramentas moi interesantes para o alumnado como a música, para mostrar que a aprendizaxe do portugués é moi fácil para os galegos.
Como falantes de galego, formamos parte dun sistema lingüístico compartido con 240 millóns de habitantes, unha porta aberta ao mundo que cremos que debemos empregar mais a todos os niveis, cultural, social, económico. O coñecemento que fomentan estes obradoiros de AGAL son un paso nesa dirección.
Os obradoiros contan con catro
bloques de contidos, que pretenden un achegamento á ortografía e ao
léxico portugués a través do coñecemento que proporciona o galego para amosar a
vantaxe competitiva que temos en termos de comprensión escrita á hora de
aprender portugués.
Ademais, informan do que a
lusofonía representa en termos xeográficos, culturais e económicos,
contribuíndo a tomar consciencia do que descoñecemos dos países que falan
portugués. Tamén fornecen recursos para que os alumnos e alumnas sexan autónomas
na aprendizaxe, poñéndoas en contactos con diferentes recursos culturais, desde
música ou cinema ata xornais e xogos.