mércores, 8 de decembro de 2021

No IES de Becerreá conmemoramos o Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres


    O número de mulleres asasinadas por violencia de xénero ascende a 37 en 2021 e a 1.112 desde 2003, o número de menores orfos e orfas por violencia de xénero ascende a 19 en 2021 e a 323 desde 2013.


    Para conmemorar o día internacional pola eliminación da violencia contra a muller, quixemos recordar as 37 mulleres que perderon a vida en España este ano. No IES de Becerreá organizáronse diversas actividades de protesta e recordatorio destas mulleres, que non son unha cifra, son ou foron mulleres cunha vida chea de sufrimento e dolor. Nós no IES de Becerreá non calamos por elas, polas vítimas da violencia contra as mulleres.

              

Exposición "Eu non Kalho por elas"

 

    No vestíbulo do centro presentouse unha exposición, na que se representou con bolboretas as vítimas da violencia machista, e o propósito de cada unha delas non se converta nunha muller maltratada máis, senón nun reclamo para exixir que xa é suficiente, e que isto ten que cambiar.

               



    Coa implicación e a participación da Dirección do centro, os departamentos didácticos, o Equipo da Biblioteca, o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística, o alumnado e profesorado tiveron lugar diversas actividades para rexeitar esta lacra, e dar visibilidade a este grave problema que ten a sociedade.


PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO DOS ACTOS


                En primeiro lugar celebrouse un concurso de carteis organizado polo departamento de Orientación e Plástica , o cartel premiado expúxose no Concello, no Centro de Saúde e no Centro social de Becerreá, así como no vestíbulo do instituto. A alumna premiada foi Noa Digón Uría co cartel “O noso corpo non quere a vosa opinión”. Dada a calidade dos carteis realizados concedéronse tres accésits “Indomable” de  a Verónica López Rey, “Que non che pinchen a liberdade” de Iván Piélago, e “quero ser aquela marioneta que se arrincou os fíos e comezou a voar”.


                                


                O seguinte acto consistiu nun recital de poesía e música a  cargo de alumnas pertencentes ao EDL do instituto e a Vicedirectora  Yolanda Pérez Zapiain, que presentou a actividade.




                







            Para rematar, o Departamento de Educación Física organizou  unha carreira por parellas. Antes da saída, o  Director do centro, Fernando Cerecedo facía entrega dunha dorsal co nome, idade e lugar falecemento de cada vítima, o alumnado antes de emprender a marcha nomeou a viva voz, os nomes de todas as falecidas este ano. As dorsais penduráronse na pasarela que  une os dous edificios que forman o instituto. Con esta iniciativa queríamos  visibilizar que a violencia non ten fronteiras: hai mulleres mortas por todas as comunidades de España, de todas as idades e de todas as condicións sociais.

    Aínda que fomos camiñando, non foi unha carreira, xa que marchamos con espírito deportivo de loita e superación para combater e rexeitar calquera forma de violencia machista, no nome destas vítimas, para que non haxa máis.

 




     GRAZAS Á DIRECCIÓN DO CENTRO, DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN, DEPARTAMENTOS DIDÁCTICOS IMPLICADOS, ALUMNADO PARTICIPANTE, E SOBRE TODO AO ALUMNADO QUE TRABALLOU CON DEDICACIÓN E ESMERO POR ESTA CAUSA

 Laura Montaña Losada
Laura Nuñez Pérez
Clara López Calvo
Zaira Alba Novo
Elba Cordero Gómez
Maitane López Navia
Daniela Novo López
Noelia Caloto Ramos
Natalia Díaz Fernández
Javier González Corral


PARABÉNS A TOD@S




martes, 30 de novembro de 2021

 SAMAÍN 2021

    Lendas e vellas  historias, son comúns ou citan máis dun concello da comarca dos Ancares. Esta terra  agocha historias  de misterio,  que o alumnado do EDL recompilou para conmemorar o Samaín. As lendas expuxéronse no vestíbulo do centro nunha terrorífica exposición, xunto con recomendacións lectoras para o alumnado.




Para ver as lendas recompiladas polo alumnado  PREME AQUÍ

 

luns, 4 de outubro de 2021

 

O pasado 28 de setembro, o alumnado de 1º de BAC do IES de Bececerreá participou no obradoiro de poesía desenvolto pola Fundación  Uxío Novoneyra
 

Organizado pola Fundación  Uxío Novoneyra, e impulsado pola Xunta de Galicia dentro da programación “O teu Xacobeo”, as lecturas e obradoiro que o alumnado tivo a oportunidade de descubrir tiveron como fonte de inspiración  as  rotas descritas no libro Arrodeos e Desvíos do Camiño de Santiago, último poemario de Uxío Novoneyra.



  



     A Fundación Uxío Novoneyra desenvolve de xeito anual a convocatoria de residencias poéticas itinerantes no Camiño de Santiago  «Ámeto Mítico», un  proxecto que forma parte da programación «O teu Xacobeo» impulsada pola Xunta de Galicia.

    «Ámeto Mítico» ten como obxectivo actualizar e dialogar co legado da poesía trobadoresca galego-portuguesa, caracterizada polo influxo da lírica provenzal e doutras influencias que, coma a poesía sufí, chegaron a terras de Galicia polos camiños de peregrinación xacobea. Toma como inspiración as  rotas descritas no libro Arrodeos e Desvíos do Camiño de Santiago, último poemario de Uxío Novoneyra, quen foi tamén un recoñecido actualizador da poesía trobadoresca. «Ámeto Mítico» foi precisamente o nome co que o poeta nomeou este volume elixido para pechar a súa obra. 

    Estas residencias internacionais de escrita buscan achegármonos a ese «ámeto mítico» que imaxinou Novoneyra. Con elas a Fundación quere contribuir recuperar a temática xacobea para a poesía actual ao tempo que convidar ao recoñecemento entre a mocidade do Camiño de Santiago, primeiro Itinerario Cultural Europeo.

    «Ámeto Mítico» reactiva este legado. Acompaña a poetas interesadas/os na experiencia da peregrinación co obxectivo de divulgar o Camiño como espazo mítico sobre o que continuar a escribir poesía.


venres, 18 de xuño de 2021

O Equipo de dinamización e Normalización lingüística do IES de Becerreá realiza unha enquisa sobre o uso de galego no centro

Este curso por iniciativa do EDL do centro elaborouse  unha enquisa, para  alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO, cuxo  obxectivo principal  foi coñecer o nivel de uso do galego dos alumnos de 1º, 2º, e 3º de ESO do IES. A intención e seguir realizando esta enquisa en anos sucesivos para ter o coñecemento do nivel de normalización lingüística do centro.

    A hora de interpretar os resultados, hai que ter en conta o pequeno tamaño da mostra, 36 alumnos, o que supón que un só alumno represente un 3 %, polo que pequenas porcentaxes non van ser significativas,

    O nivel do uso do galego nos alumnos do IES é sensiblemente superior ó nivel de uso que se dá na franxa de idade semellante na provincia de Lugo, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). 




    Os alumnos amosan un nivel de uso do galego no Instituto semellante ó do ambiente familiar, aínda que neste ámbito hai unha certa tendencia ó monolingüismo, é dicir, na maioría das familias fálase só galego ou só castelán


    Non sendo no ambiente familiar, o uso do galego é maior no ámbito do Instituto que fóra del.





    Tamén se aprecia un nivel de uso maior que na Ensinanza Primaria.



                                 


    O alumnado do Instituto percíbense cun dominio oral do galego maior do que se perciben os que se da franxa de idade semellante en Galicia segundo os datos do (IGE).


                                                                     














                                                              










martes, 25 de maio de 2021

 Alumnado de 2º e 3º da ESO  asiste a un Obradoiro de Portugués no IES de Becerreá

A  Associaçom Galega da Língua (AGAL) desenvolveu un obradoiro de achegamento ao portugués no IES de Becerreá, da man da área de cultura da Deputación de Lugo.
 






    O Obradoiro tivo como obxectivo descubrir ao alumnado a vantaxe do galego para aprender portugués e acceder ao mundo que se expresa nesa lingua, a sexta do mundo en falantes. A actividade de cen minutos de duración, ofrécenos unha formación básica en portugués con actividades amenas, en que se usa a interactividade e ferramentas moi interesantes para o alumnado como a música, para mostrar que a aprendizaxe do portugués é moi fácil para os galegos.

     Como falantes de galego, formamos parte dun sistema lingüístico compartido con 240 millóns de habitantes, unha porta aberta ao mundo que cremos que debemos empregar mais a todos os niveis, cultural, social, económico. O coñecemento que fomentan estes obradoiros de AGAL son un paso nesa dirección.

    Os obradoiros contan con catro bloques de contidos,  que pretenden un achegamento á ortografía e ao léxico portugués a través do coñecemento que proporciona o galego para amosar a vantaxe competitiva que temos en termos de comprensión escrita á hora de aprender portugués.

   Ademais, informan do que a lusofonía representa en termos xeográficos, culturais e económicos, contribuíndo a tomar consciencia do que descoñecemos dos países que falan portugués. Tamén fornecen recursos para que os alumnos e alumnas sexan autónomas na aprendizaxe, poñéndoas en contactos con diferentes recursos culturais, desde música ou cinema ata xornais e xogos.







luns, 17 de maio de 2021

LETRAS GALEGAS NO IES DE BECERREÁ 


Durante esta semana terán lugar as actividades para conmemorar a figura de Xela Arias. O alumnado que elaborou os materiais será o encargados e amosar os traballos realizados


    Zaira Alba Novo, Lucía Rodríguez, Mencía Gegunde Fernández, Daniela Novo López, Javier González Corral, Maitane López Navia, Ainara Pereira Álvarez, Noelia Caloto, María Alexandra Popa, Iván Piélago González, e Alejo Díaz Rodrigez foron os encargados e encargados de levar a cabo estes traballos que acontinuación podedes decubrir.

PARABÉNS A TODS EL@S 


Exposición no vestíbulo do centro realizada polo alumnado encargado desta efeméride.


    Xela Arias convértese este 17 de maio na quinta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas. Aínda que a data escolleuse por ser o día que se publicaron cantares galegos de Rosalía de Castro, desde a súa primeira edición, en 1963, moi poucas mulleres foron homenaxeadas polo seu papel na literatura galega, trátase da quinta en case 60 anos  de historia cuxa primeira celebrada fora  Rosalía.


    O papel da autora no mundo editorial, pioneira á hora de traducir os grandes clásicos da literatura ao idioma propio, e a súa vocación docente, ademais da súa importancia na poesía contemporánea, foron as razóns para este recoñecemento por parte da Real Academia Galega (RAG).
 

    O alumnado encargado produciu dous vídeos para divulgar nas redes do centro, o primeiro de carácter didáctico no que se achega a vida e a obra de Xela Arias, e un vídeo poema con recitado dun fragmento da obra “Denuncia do equilibrio”.

Velaí o seu traballo


PREME AQUÍ PARA VER O VIDEOPOEMA




    
PREME AQUÍ PARA CONOCER A BIOGRAFÍA DE XELA ARIAS




    Tamén se deseñaron uns marcapáxinas para repartir entre toda a comunidade educativa, e expuxéronse  varios exemplares de libros da autora.



venres, 14 de maio de 2021

 

Rosalia e o IES de Becerreá unidos nun graffity


    Aproveitando a iniciativa desenvolta e sufragada desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo, pensada para a celebración do Día de Rosalía, o muro frontal do noso centro foi o lenzo no que os artistas do Colectivo Circo (http://www.conceptocirco.com/) ligaron a figura da nosa poetisa co nome do  centro, nun graffiti que impresiona pola súa orixinalidade, calidade artística e polo rapidez coa que foi creado (apenas un par de horas). 




domingo, 7 de marzo de 2021

 

 Dia Internacional das Mulleres  IES de Becerreá

Exposición "Nós  Outras" sobre as mulleres nas letras, na ciencia e na música.

    Celebramos un novo 8 de marzo. Dia Internacional das Mulleres. Unha data cun gran significado: o que lle damos as mulleres que día a día loitamos por conseguir o lugar que nos corresponde na sociedade. É un día de celebración, pero tamén de reivindicación. A nosa loita debe ser  vista como motor de cambio, combativo e transformador. Sempre no camiño, a prol da igualdade de xénero!

    A exposición que este ano nos ocupa,  visibiliza figuras femininas  de distintos  eidos, mulleres de hoxe e antano, que moitas veces quedaron esquecidas,  ou ben, no caso de hoxe descoñecidas, darlles o seu lugar parécenos un labor fundamental.  O traballo realizouse desde distintos departamentos: Física e Química, Lingua Galega, Música,  Equipo  de Dinamización Lingüística e o Equipo da Biblioteca. O Alumnado participante pertence a distintos cursos, a saber: Noelia Caloto Ramos, Daniela Novo López, Maitane López Navia, María Alexandra Popa, Ainara Pereira Álvarez, Natalia Díaz Fernández, Iris González López, Zaira Alba Novo, Paula López Rosón, Kevin Armesto Brea, Javier González Corral, Lucia Rodríguez Díaz, Iván Piélago González.

    Durante esta semana os departamentos didácticos traballarán na elaboración e divulgación  de vídeos sobre este traballo que axudará ao alumnado  a coñecer mellor a estas mulleres.

    Para ver o vídeo do traballo  "Escritoras galegas", preme aquí:



 

venres, 12 de febreiro de 2021


DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA 2021 NO IES DE BECERREÁ



    O día 11 de febreiro conmemorouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data establecida en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para promover a participación plena e equitativa das mulleres, adolescentes e nenas na ciencia



Exposición realizada por Antía Barcia Varela, profesora de  Física, e o alumnado de 2º da ESO.


Durante séculos moitas mulleres científicas foron privadas de estudos, discriminadas, invisibilizadas e, incluso, sufriron a negación das súas aportacións e descubrimentos, dándolle a autoría dos mesmos aos seus compañeiros de investigación, ou a outros homes que fixeron os mesmos descubrimentos posteriormente. Esta discriminación denomínase Efecto Matilda, en referencia á activista en pro dos dereitos das mulleres Matilda Joslyn Gage.

Un reflexo desta falta de visibilidade é que só aparecen mulleres nun 7.5% dos libros de texto de calquera materia de educación secundaria, o que se traduce nunha falta de referentes femininos das nenas e adolescentes impactando nas súas aspiracións profesionais e facendo que teñan unha menor presenza nas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, e Matemáticas). Segundo estatísticas do Ministerio de Educación, en 2019 a porcentaxe de mulleres matriculadas en carreiras científicas en España foi do 28.5%.

No IES de Becerreá queremos homenaxear ás Matildas esquecidas pola historia, elaborando unha exposición onde facemos un pequeno percorrido pola súa biografía centrándonos nos seus descubrimentos e na discriminación que sufriron.

 O alumnado de 2º de ESO de Física e Química foi o encargado de deseñar e elaborar os carteis de presentación de cada científica, finalizando a xornada con unha pequena exposición na aula na que todas e todos puideron coñecer estes exemplos de perseveranza e vocación científica.







 

sábado, 30 de xaneiro de 2021

 

Celebración dos cen anos do grupo nós. “nós de onte a hoxe, cen anos de historia.”, co alumnado de 4º da eso.

O alumnado de 4º da ESO participou na actividade sobre o centenario do Grupo Nós organizado pola asociación Federación Galiza Cultura, coa colaboración da Deputación de Lugo. 

Exposición “Nós de onte a hoxe, cen anos de historia” no IES de Becerreá.

   


 O programa “Nós de onte a hoxe, cen anos de historia”  desenvolveu durante unha semana as seguintes accións:

    - Entrega de 150 exemplares do libro O Grupo Nós. Unha obra maxistral nun tempo decisivo. Entrega de 150 exemplares do libro Amigo Carvalho. Do Halley ao Hubble. Entrega de 20 exemplares do caderno Nós de onte a hoxe. Cen anos de historia.


Alumnado de  4º da ESO  co libro do Grupo Nós










Videoconferencia María Pilar García Negro.
 - Realización, mediante videoconferencia, dunha visita virtual á exposición “Nós de onte a hoxe. Cen anos de historia” levada a cabo o día 22 de xaneiro ás 12 horas con Dna. María Pilar García Negro. Durante esta videoconferncia o alumnado de 4º tivo ocasión de conversar coa profesora Pilar García Negro. Durante a conversa xurdiron moitas e interesantes preguntas sobre a historia do grupo Nós pero mesmo outras de carácter particular sobre como ela mesma chegou ao interese pola lingua e cultura galegas.




    Organización da  exposición “Nós de onte a hoxe. Cen anos de historia”, que no IES de Becerreá se atopa no vestíbulo do centro, e que ademáis podes visitar de forma virtual neste vídeo.



                        
PREME PARA VER O VÍDEO





 BO  NADAL E MELLOR 2021

O alumnado de Afondamento en Lingua do centro foi o encargado da celebración de Nadal 


   Con moita ilusión os alumnos e alumnas de 1º de BAC, que cursan a materia de  Afondamento en Lingua Galega, felicitaron o Aninovo a todo o alumnado do centro, cunha visita polas aulas facendo un concurso de adiviñas e recitado a coral  cantigas de Nadal e Reis, que recolleron previamente, e que forman parte do acervo máis antigo da cultura popular ligada a estas festas. Son cantigas pouco coñecidas que, despois dun labor de investigación e procura, adaptaron e prepararon para o recitado, con cariño e moita gracia.  Aínda que este ano as celebracións  non puideron ser tan cercanas coma noutros, non quixemos deixar pasar esta data. 

Agradecermos ao alumnado de 1º de BAC  a súa dedicación e traballo, por facernos pasar este rato. Velaí a súa actuación.



PREME PARA VER O VÍDEO


     Para felicitar o Nadal a toda a comunidade educativa o EDL e o alumnado de Afondamento elaborou este vídeo  para desexar Bon Nadal Seguro a todas e todos, e coa esperanza de que o próximo ano viviremos tempos mellores e poderemos, coma sempre, vernos os sorrisos!




                                                                PREME PARA VER O VÍDEO

 CORRELINGUA 2020

Celebración da festa final do CORRELINGUA 2020 no IES  de Becerreá

    Como remate da campaña de actividades desenvoltas ao redor do Correlingua 2020, no IES de Becerreá tivo lugar o 21 de decembro a última destas actividades cun acto presentado polo actor Anxo Manoel Lamelo (do grupo Lucecús Teatro), e no que actuou (marabillosamente) o grupo musical Biribirlocke

    O acontecemento foi retransmitido en directo desde Youtube. O acto contou coa participación directa do alumnado de 1º de Bac, non podendo facerse extensible a tod@s por mor da situación de emerxencia sanitaria. O peche das actividades da festa final do Correlingua 2020 correu a cargo da Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro. 


PREME NO VÍDEO para ver o acto (a partir do minuto 10:25)