ROSALÍA VIVE EN NÓS
"Rosalía vive en nós" foi o acto organizado polo alumnado de Afondamento en Lingua Galega de 1º de BAC para lembrar a Rosalía un ano máis.
Como novidade Bilal Khoursa recitou en árabe o poema de Rosalía "Airiños, airiños aires", que el mesmo traduciu.
Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que
as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis
pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade,
emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces
das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e
abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado,
a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se
nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das
montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da
nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila
para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes
do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa
clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da
xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos
os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que
cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a
lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa
contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o
termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de
eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela
utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a
sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende
o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que
sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista,
contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a
fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das
que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos
mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada
dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a
fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo
de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a
fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se
abre se o abrimos.
María
Reimóndez