martes, 27 de febreiro de 2018

ROSALÍA VIVE EN NÓS


"Rosalía vive en nós"  foi o acto organizado polo alumnado de Afondamento en Lingua Galega de 1º de BAC  para lembrar a Rosalía un ano máis.



Esther, Miguel, Celia, Xoel, Paula, Marcos e Nico leron o manifesto de María Reimóndez, ademais realizaron un video titulado "Rosalía vine en Nós", dirixiron a poxa literaria que resultou moi animada, cunha gran participacipación de alumn@s e profesor@s.
Como novidade Bilal Khoursa  recitou en árabe o poema de Rosalía "Airiños,  airiños aires", que el mesmo traduciu.







Abride a fiestra
Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.
María Reimóndez

















domingo, 18 de febreiro de 2018

ENTROIDO 2018 IES DE BECERREÁ


Como cada ano o IES de Becerreá celebra o Entroido dunha maneira especial, a decoración  para esta ocasión consistiu na realización de máscaras de Peliqueiro, na que cada alumno de 4º da ESO reflictiu a súa personalidade elixindo un animal co que se sentían identificados. Ademais o alumnado de 4º  organizou os actos de celebración do Entroido (concurso de disfraces, quiema do espantallo e concurso de doces), nos que participamos tod@s de moi de moi boa gana.

Este ano o alumnado escolleuse como espantallo aos membros de "La manada" , espantallo que eles mesmos elaboraron.




Aquí deixamos o vídeo para que vexades como foi todo, e quixeramos salientar, polo seu significado especial, a parte na que Fran (4º da ESO) fai referencia ao espantallo deste ano e ao significado especial da súa queima nesta ocasión.


domingo, 4 de febreiro de 2018

Celebración das Candelas

AS CANDELAS

Por primeira vez celebramos no IES de Becerreá a festividade das Candelas. 


  Os alumnos de 1º da ESO do centro fixeron un excelente traballo para amosarnos a orixe e tradición desta festividade da vila de Becerreá.
   A festa das Candela celébrase en Becerreá o 2 de febreiro, unha festa que se está a perder, e que queremos recuperar. Por iso o traballo dos nosos alumnos de 1º da ESO lévanos a reflexionar sobre a súa orixe e a celebración, que marca a metade do inverno, e a chegada dos días claros da primavera.