luns, 30 de novembro de 2020









 

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO2020 NO IES DE BECERREÁ


O venres 25 de novembro, todo o alumnado e profesorafo do centro recordou ás 41 mulleres que faleceron asasinadas este ano, cunha marcha cargada de espírito deportivo e de loita pola causa



     No que vai de ano 41 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou ex-parellas. Dende que comezaron a contarse no 2003 son xa 1.074 mulleres mortas pola violencia de xénero.

    Estas mulleres non son só números. Detrás de cada número hai unha historia persoal, unha familia, un proxecto de vida truncado. Como o caso de Mónica Linde, de 28 anos, de Esplugues de Llobregat a primeira vítima deste ano, que levaba só uns meses no seu novo traballo de coordinadora  para unha aeroliña. O seu Instagram está repleto de viaxes, sorrisos e fotos cos seus amigos e sobre todo fotos coa súa filla Ciara, de tres anos, que neste caso tamén foi asasinada polo seu pai. Estas mulleres asasinadas deixan familias detrás, tamén vítimas  do machismo, 23 menores quedaron orfos este ano.

    No IES de Becerreá quixemos  homenaxear a estas 41 mulleres mortas no que vai de ano, facendo unha carreira polas vítimas, e a cada número puxémoslle  nome e apelidos para que non se quede nunha cifra máis. Para lembrar que cada unha destas mortes é unha traxedia persoal e familiar de dor e de inxustiza.

    A carreira tivo lugar dentro do cento, por parellas. Antes da saída, cada parella nomeaba a viva voz o nome, idade e lugar do falecemento de cada vítima, ademais os participantes  portaban un dorsal cos datos da asasinada e a causa da morte. Con esta iniciativa queríamos visibilizar que a violencia non ten fronteiras: hai mulleres mortas por todas as comunidades de España, de todas as idades e de todas as condicións sociais. O director do centro nomeou en voz alta, a cada unha das falecidas antes de iniciar a marcha, para que quedara  claro por que corríamos por cada unha delas. 

    Aínda que fomos camiñando, non foi unha carreira, xa que marchamos con espírito deportivo de loita e superación para combater e rexeitar calquera forma de violencia machista, no nome destas vítimas, para que non haxa máis.

    Ao rematar, gardamos 1 minuto de silencio por estas 41 mulleres, e  por todas as mulleres que sofren algún tipo de violencia de xénero. 1 minuto de silencio para dicir NON a violencia de xénero. 


PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO 

IMAXES DO ACTO

Natalia, Daniela Elba e Zaira lendo Manifesto.

Lectura do manifesto.
Fernando nomeando ás falecidas.



AFernada, Johana e Noe preparando as dorsais. 








Iris  pegando as dorsais.




mércores, 25 de novembro de 2020

 NON SÓ MATA O VIRUS

BECERREÁ EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO

O IES de Becerreá manifesta  o rexeitamento á violencia contra as mulleres compartindo con toda a comunidade educativa, e co  Concello de Becerreá este vídeo realizado polo alumnado de 3º da ESO





PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO


    Son varias as actividades desenvoltas no IES de Becerreá, para expresar o rexeitamento á violencia machista, entre elas o traballo do alumnado do EDL "FARTAS DE PRINCESAS", que se expón no vestíbulo do centro, e que trata sobre a violencia de xénero, e os estereotipos nos contos infantís.  O alumnado de 3º da ESO realizou un vídeo no que se manifestan en contra da violencia ás mulleres e a prol da igualdade. Ademais o próximo  venres 27, nas instalacións exteriores do centro, terá lugar unha carreira solidaria.


Exposición Violencia de Xénero 2020
Exposición Violencia de Xénero 2020


"FARTAS DE PRINCESAS"

Bicos non consentidos, cambios físicos para atraer ao home, unha vida enteira dedicada a limpar... A maior parte de contos infantís e tradicións coinciden en dúas cousas: un mundo de fantasía e personaxes femininos secundarios.

Os contos infantís outorgan ás mulleres papeis secundarios, pasivos e caracterizados pola súa beleza. Mentres, os homes son valentes, salvadores e fortes.


A maioría de contos infantís teñen dúas características comúns: desenvólvense nun mundo de fantasía e os personaxes femininos son figuras pasivas e secundarias. Un dos exemplos máis claros pódese atopar en 'A Bela Durminte', esa historia na que unha fada malvada enfeitiza á filla do rei e a condena a tocar o uso dunha roca (coser é algo ao que ningunha muller se resistiría), e a quedarse profundamente durmida ata que un príncipe lle dea un “bico de amor verdadeiro”, curiosa expresión.

De pequenas ensináronos que o «amor verdadeiro» é aquel no que unha parella se quere e respecta un ao outro; non no que el che dá un bico sen o teu consentimento e ¡sen cruzar unha palabra antes!, pero tamén aprendemos a non ter que esperar a que ningún príncipe nos resolva a vida.

As «malas» dos contos infantís adoitan perseguir un obxectivo: a beleza. Ese é o motivo para facerlle a vida imposible á fermosa princesa.

Os contos infantís teñen un gran compoñente machista nas súas historias, algo que é fácil identificar se se presta atención aos roles que exercen as figuras masculinas (os protagonistas que exercen a acción), e as femininas (seres secundarios e pasivos). «Eles son os que triunfan superando todos os obstáculos e elas son as rescatadas. Non son só escenas ou detalles, é a formulación xeral».  

Estas historias en realidade reflicten a esencia da época na que se inventaron; con todo, resistiron ao paso do tempo e chegaron ata os nosos días. Os nenos e nenas len e ven estes contos nos que aparecen estereotipos de xénero que poden dificultar que os máis pequenos se proxecten noutros modelos diferentes.

Pero o machismo nos contos infantís non se atopa unicamente nas historias de príncipes azuis. Grandes títulos como 'A ratiña presumida' reducen á figura feminina a un simple e fermoso aparello de limpeza. Hai que recordar que a ratiña estaba limpando, como de costume, e atopouse unha moeda coa que, por suposto, puidera mercar un precioso lazo para ser a máis bela da cidade e conseguir marido. Tiña tantos pretendentes que tivo que realizar algún descarte, finalmente casouse cun gato que evidentemente intentou comela ,e ademais matala.

Haberá quen escuse estas historias dicindo que se desenvolven nun mundo utópico no que só importa o poder do amor. Afortunadamente na actualidade estes universos de fantasía parecen estar cheos de estereotipos erróneos, e os pais e nais esixen historias nas que as mulleres teñan relevancia e non se limiten a ser meros suxeitos pasivos aos que salvar.

Os “clichés” dos contos infantís non son negativos só para as nenas, senón que os personaxes masculinos; proxectan roles que son imposibles: homes belos, valentes, fortes... Por non falar da nula existencia de personaxes do colectivo LGTBI . Non hai unha soa referencia á posibilidade de que a un home lle atraia outro home ou que unha muller poida estar con outra.

Nas películas de Frozen prodúcese un cambio de roles: as protagonistas son dúas mulleres e hai un home sensible que ocupa un segundo plano. Aínda así, Ana e Elsa continúan tendo un aspecto físico estereotipado.

Empatizamos máis con aqueles/as que máis se parecen a nós. Se as mulleres non temos exemplos de mulleres valentes, protagonistas e independentes non poderemos valorarnos na nosa xusta medida. Do mesma xeito que os homes, si non teñen referentes como coidadores, sensibles e colaboradores en lugar de competidores».

Con todo, todos estes contos forman parte da nosa infancia, crecemos con eles e, aparentemente, non saímos tan mal. «O máis importante é ter coñecemento de perspectiva de xénero si non é imposible velo. Unha vez que adquires ese coñecemento podes identificar a desigualdade normalizada.

venres, 20 de novembro de 2020

Só a ciencia nos rescatará da pandemia




  Sonia Villapol Salgado, neurocientífica e profesora no departamento de Neurocirurxía do Centro de Neurorexeneración do Instituto de Investigación Metodista en Houston, TX, impartiu unha conferencia telemática para o IES de Becerreá o pasado 16 de novembro



  
Sonia Villapol Salgado, forma parte do Equipo de Investigación Internacional da COVID-19. 
Naceu en Bretoña (Lugo). Estudou BUP no instituto de Meira Licenciada en Bioloxía Molecular pola Universidade de Santiago de Compostela (2003), é Doutora en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona (2007). Traballou coma investigadora postdoutoral en laboratorios do Centro Nacional de investigación científica (CNRS) da Universidade Pierre e Marie Curie VI e no Instituto Nacional de sanidade e investigación médica (INSERM) do Hospital Robert Debré, en París (Francia). No ano 2010 trasladouse un EEUU, traballou nos Institutos Nacionais de Saúde (NIH) e no Centro de Neurociencias e Medicina Rexenerativa, en Maryland (EEUU). Foi profesora de Neurociencias na Universidade de Georgetown en Washington DC (EEUU).

    A súa investigación científica céntrase no estudo de danos cerebrais, tanto infartos cerebrais, coma traumatismos craneoencefálicos, experimentando distintos tratamentos e explorando os mecanismos de resposta a múltiples procesos relacionados coa morte das neuronas.

    Destacamos especialmente, a súa capacidade para compartir o seu saber, pois participa en numerosas actividades de divulgación científica no ámbito educativo e cultural.

    O alumnado de ciencias de 4ª da ESO e 1º de Bachalerato do centro tivo a oportunidade de asistir a esta charla telemática, que resultou do máis interesante tanto para o alumnado coma o profesorado.


Alumnado asistente á conferencia.


    Todos os anos, no IES de Becerreá os Departamentos de Ciencias dedican varias xornadas para conmemorar o Día da ciencia en Galego, con diferentes actividades e actos para reinvindicar o uso galego, por iso, ademais da charla de Sonia Villapol Salgado, o día 19 de novembro, dentro das actividades da semana da Ciencia en Galego o alumnado de 3º e 4º de ESO, e os de 1º BAC asistiron á videoconferencia tituladaVídeoprodución na educación. Proxecto XeoClip. Primeiros pasos para ser youtubeiro científico” a cargo de profesor Xacobo de Toro Cacharrón, onde nos contou como é o proceso creativo da videoprodución dun vídeo científico. Xacobo desglosounos os distintos pasos que debemos seguir á hora de crear un vídeo dende a fase creativa, elección da temática do vídeo e elaboración do guión, pasando pola fase de realización e por último a fase de montaxe e lanzamento do vídeo.  Así mesmo, mostrounos numerosas ferramentas dixitais ao noso alcance que podemos utilizar para a realización de vídeos.

Xacobo é profesor no ensino secundario de bioloxía e xeoloxía no IES Agra de Leborís, ademais de doutor pola Universidade da Coruña cunha tese sobre o uso do e-learning na ensinanza secundaria. No 2018 foi premiado como o quinto mellor profesor de Secundaria de España e Miac (Mestres Innovadores, Alumnos Competentes) outorgoulle un premio pola súa maneira diferente de impartir as súas clases de ciencias.

Este docente comprometido cas novas tecnoloxías dispón dunha canle en Youtube e lidera o proxecto audiovisual Xeoclip contribuíndo así á divulgación científica en galego na área de xeoloxía e bioloxía. Este proxecto conta con varias ferramentas multimedia nas que destacan os vídeos curtos en formato de lección, onde nos acercan os contidos dunha maneira amena e distendida contextualizados en Galicia e polo tanto nun entorno próximo ao noso alumnado.

SE QUERES VER A  INFORMACIÓN DE XACOBO DE SOBRE A FORMACIÓN DE PLIEGUES, PREME NO SEGINTE VÍDEO






    O Día da Ciencia en Galego celebrou a súa primeira edición en 2010, promovido por sindicatos e asociacións de profesorado de ensino medio, como parte da contestación ao Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que obrigaba a impartir nas clases de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química en castelán. Así, no encontro "Sumemos en galego" celebrado en xuño de 2010 en Compostela, no que participou profesorado destas materias convocados pola CIG-Ensino e a Plataforma Queremos Galego, tomouse, entre outros, o acordo de promover "unha semana da ciencia galega e un día da ciencia galega".







mércores, 18 de novembro de 2020

 

Visita á paisaxe mediterránea de Cruzul:
entre calizas e aciñeiras



    O 18 de novembro saímos do instituto o alumnado de 2º e 3º de ESO – acompañados por Ignacio, Antía, Luz e Fernanda- con destino Cruzul, para visitar un bosque de aciñeiras único nas nosas latitudes, que se debe, en parte, ao solo calizo e, en parte, á orientación sur da ladeira e ao cambio climático.

    Dende o instituto ata a aldea de Cruzul percorremos tres quilómetros: atravesamos o centro de Becerreá ata o Mercado Gandeiro, e alí deixamos a estrada de Quiroga tomando o desvío á dereita ata a rúa Triacastela -na zona dos chalés do Rivera-; ao rematar o pavimento collemos un fermoso sendeiro que se coñece como Camiño das Cerradas no que puidemos ver as primeiras mostras de calizas e aciñeiras.

    Xa en Cruzul fomos polo Camiño de San Martín ata a capela e voltamos sobre as nosas pegadas para dirixirnos ao noso destino final: O Aciñeiral e a Ponte de Carlos III.

    Sobre a Ponte de Cruzul Ignacio explicounos a súa historia que se remonta ao reinado de Carlos III cando modernizou as infraestruturas de España creando os camiños reais, base das 6 estradas nacionais de estrutura radial. Precisamente a Nacional VI Madrid- A Coruña foi o xerme da nosa vila, ata entón unha parroquia menor dentro da Comarca.

    Tamén aprendemos que o aciñeiral é raro nunha latitude tan septentrional como a nosa. A pesar de que o microclima de Cruzul fai posible a aciñeiras (árbore característica do clima mediterráneo), non se terían dado sen a presenza de solo calizo, parte da veta chamada Caliza de Vegadeo que atravesa o noso Concello de Norte a Sur.

    Despois de tomar a parva neste lugar tan especial, saímos cara o instituto seguindo a Vía Künnig pasando pola Venta de Cruzul, a gasolineira, Os Chafarotes, o Bar Correos, a Fonte dos Caños e Castelo. Entre os paseos por Cruzul e o camiño de volta completamos 10.5 quilómetros cunha metereoloxía de sol e calor impropia do mes de novembro, que xa anda ben entrado, nas vésperas da feira do 19.



PREME PARA VER O VÍDEO DA ACTIVIDADE









SAMAÍN 2020


Exposición  Samaín 2020.

        Coma é tradición, O Samaín é a primeira actividade de cada novo curso no IES de Becerreá. Este ano a exposición no vestíbulo recollía tradicións  sobre a morte e o Día de Defuntos na comarca dos Ancares. Para poder ver mellor todo o documentado nela, o alumnado e profesorafo do centro realizou este vídeo, onde podes disfrutar virtualmente do traballo realizado.

    Ademáis temos que anunciar a estrea en breve dunha  curta de terror que está en proceso de edición, e que  poderedes desfrutar en breve.