Alumnado de 2º e 3º da ESO acode á estrea do documemtal "Muller no Rural", na Casa da Cultura de Becerreá
A visita a esta actividade, desenvolta na Casa da Cultura de Becerreá, foi organizada dende as titorías destes cursos e o Departamento de Orientación do centro, en colaboración con Servizos Sociais do Concello de Becerreá. O documental está protagonizado por veciñas do concello de diferentes xeracións que contan a súa historia persoal sobre a conciliación da súa vida persoal coa laboral: facerse cargo do coidado de fillas/os e maiores, afrontar á vez traballos en diferentes sectores como a gandería ou a hostelería, e sen esquecer a xestión e organización da casa.
O documental pon de manifesto os cambios sociais acontecidos nos últimos anos, ao tempo que resalta a necesidade de desenvolver avances aínda pendentes cara a unha igualdade real no referenta ás responsabilidades cotiás e a conciliación. Con anterioridade á asistencia ao documental, o alumnado coñeceu o concepto de "conciliación" e algunhas alumnas prepararon preguntas e comentarios sobre o tema para participar activamente nun foro-conversa coas mulleres participantes e as traballadoras sociais do concello despois do visionado. Sen dúbida unha experiencia formativa para todos e todas, baseada na realidade da nosa contorna.