luns, 27 de marzo de 2023

Alumnado de 2º e 3º da ESO acode á estrea do documemtal "Muller no Rural", na Casa da Cultura de Becerreá





A visita a esta actividade, desenvolta na Casa da Cultura de Becerreá, foi organizada dende as titorías destes cursos e o Departamento de Orientación do centro, en colaboración con Servizos Sociais do Concello de Becerreá. O documental está protagonizado por veciñas do concello de diferentes xeracións que contan a súa historia persoal sobre a conciliación da súa vida persoal coa laboral: facerse cargo do coidado de fillas/os e maiores, afrontar á vez traballos en diferentes sectores como a gandería ou a hostelería, e sen esquecer a xestión e organización da casa.

 O documental pon de manifesto os cambios sociais acontecidos nos últimos anos, ao tempo que resalta a necesidade de desenvolver avances aínda pendentes cara a unha igualdade real no referenta ás responsabilidades cotiás e a conciliación. Con anterioridade á asistencia ao documental, o alumnado coñeceu o concepto de "conciliación" e algunhas alumnas prepararon preguntas e comentarios sobre o tema para participar activamente nun foro-conversa coas mulleres participantes e as traballadoras sociais do concello despois do visionado. Sen dúbida unha experiencia formativa para todos e todas, baseada na realidade da nosa contorna.

mércores, 22 de marzo de 2023

 Concurso de esopías en galego e francés no IES no IES de Becerreá

Alumnado fronte a exposición de esopías, no vestíbulo do centro.


Por primeira vez organizouse no noso centro, coordinado polo Departamento de Matemáticas, un concurso de esopías, en lingua galega e francés, no que o alumnado participante tiña que elaborar un relato, comentario ou poema cun máximo de 141 carácteres, onde cada palabra leva un número de letras (non está permitido o uso de cifras) igual ás sucesivas cifras do número Pi. Estas son as primeiras cifras do número Pi:3.14159265358979323846264338327. A lonxitude de cada unha das palabras que formen a esopía será cada un destes sucesivos números, que en total suman 141 (a primeira palabra tería 3 letras, a segunda 1, a terceira 4, ...). O concurso organizouse en dúas categorías. Nunha delas participou alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO; na outra, o de 4º e 1º de Bac. Houbo tamén un premio especial para unha esopía elaborada en francés polo alumnado da materia de 3º da ESO.





martes, 21 de marzo de 2023

Xustiza Poética polo día da Poesía

A celebración do día 21 de Marzo, Día Internacional da Poesía, na biblioteca do IES de Becerreá, estivo chea de sentido da xustiza poética.

As Sufraxustas visitaron as aulas do IES de Becerreá reivindicando xustiza poética a través do dereito ao verso. Explicaron que a través dun só verso podemos explicar todo un mundo, reivindicar o que nos pete, expresar os nosos sentimentos, berrar aquilo que nos doe ou preocupa. E convidaron a todo o alumnado da ESO a escribir un ou varios versos e reunirse en torno a unha urna no recreo na biblioteca.

O alumnado exerceu dito dereito de xeito solemne, responsable, libre e gratuito. Tamén grande parte do profesorado e do PAS. Foi toda unha celebración. Nas sesións seguintes cada grupo-clase na biblioteca realizou unha actividade de escrutinio, valorando en pequenos grupos os versos emitidos e combinándoos para crear poemas. Tamén se lle proporcionaron poemarios de autores e autoras galegas para escoller versos que mesturar cos da urna.

As creacións resultantes foron ben suxerentes e sorprendentes e estiveron expostas na biblioteca e nas redes sociais.

venres, 10 de marzo de 2023

 Celebracións do 8 de marzo no IES de Becerreá


Exposición mulleres nas letras, na música e na ciencia no IES de Becerreá



Foron varias as actividades realizadas polo 8 de marzo no IES de Becerreá, a primeira a  exposición do vestíbulo coordinada polo EDL do IES de Becerreá na que se recollían figuras femininas da literatura galega, no mundo da música e no da ciencia, ademais da exposición dos traballos realizados polo alumnado de Física e Química de 2º da ESO.

 



Desde o Equipo da Biblioteca , un grupo de alumnas voluntarias levou a cabo un bibliopicnic titulado "Anónimo era unha muller" .Invocando á primavera, con cestas de vimbio e flores, levaron parte da biblioteca polas aulas da ESO homenaxeando a escritoras de todos os xéneros, tanto de Galicia como de fóra.


No seu paso polas aulas, ademais de realizar lecturas en voz alta de fragmentos que elas mesmas escolleron e presentacións de obras, reivindicaron a visibilidade das mulleres no eido literario a través dun manifesto, no cal se referiron á dificultade no pasado das mulleres para ser publicadas, razón pola cal recorrían ao anonimato ou a pseudónimos. Tamén mencionaron o estereotipo que segue vixente na sociedade sobre a “literatura para mulleres” segundo o cal as mulleres só escriben para mulleres e sobre “cousas de mulleres” (unha literatura máis emocional, sobre temas como o amor romántico, a maternidade, etc) cando en realidade as escritoras levan abordando todo tipo de xéneros e dende hai moito tempo. Libros como Frankestein ou Harry Potter foron escritos por mulleres, e coñecelo para grande parte do alumnado resultou sorprendente.

Alumnas de ESO no bibliopicnic.


Para rematar as actividades realizouse un acto no que alumnas pertencentes ao EDL leron un emotivo manifesto pola igualdade, e o alumnado de 2º da ESO expuxo os traballos realizados  na materia de Física e Química. 


PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO DO ACTO