mércores, 14 de xuño de 2023

Alumnas de 2º da ESO participaron no V Congreso Científico da Montaña


Noa, Cristina e Lucía, alumnas de segundo da ESO do IES de Becerreá, participaron no V Congreso Científico da Montaña 


   Como cada ano o IES de Becerreá participa neste Congreso Científico, este acto celebrouse no CPI Poeta Uxío Novoneyra, en Folgoso do Courel, o día 15 de xuño. As alumnas de segundo curso do noso centro expuxeron o seu traballo e falaron dalgúns restos arquitectónicos, e especialmente das fontes das que podemos obter información sobre eles. Concretamente estudaron construcións propias da nosa zona. As fontes poden ser primarias ou secundarias, poden ser documentos escritos ou restos arqueolóxicos. Entre eses monumentos, analizaron o miliario de As Pontes de Gatín, o agger de O Comeal, o baixo relevo de Vilarín e outros restos.



    O traballo coordinado polo profesorado de Xeografía e Historia expúxose no vestíbulo do centro, para  toda a comunidade educativa.  



Exposición no vestíbulo do traballo presentado ao V Congreso Científico da montaña.



 O CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel acolleu o V Congreso científico da Montaña, onde se presentaron ao longo de dúas xornadas 26 traballos de investigación realizados polo alumnado de primaria e secundaria de nove cetros educativos, tanto dos concellos da montaña como convidados doutras comarcas.

    O Congreso Científico é unha iniciativa dos CPIs de Cervantes, Pedrafita, O Courel e Navia de Suarna que pretende dar visibilidade aos proxectos que se realizan nas distintas áreas, pero sobre todo desenvolver as habilidades de expoñer en público entre un alumnado que normalmente realiza a súa actividade “en familia”.

    A esta iniciativa dos CPIs da Montaña, que participan con todo o alumnado, súmanse grupos do IES de Becerreá e A Fonsagrada, e nesta ocasión como centros convidados o IES Xoán Montes (Lugo), O IES Couto (Ourense) e o CFEA Sergude (Boqueixón). Os traballos teñen en común utilizar o método científico, sendo moitos deles experimentais e con propostas que chegan tamén dende as Ciencias Sociais e as Humanidades.

    A Estación Científica do Courel foi unha sé idílica para parte das exposicións, que tamén tiveron lugar nas instalacións do colexio, onde se desenvolveron as comidas, os tempos de lecer e a pernocta.

    A rapazada dos distintos centros tiveron ocasión de relacionarse tamén en actividades complementarias de carácter lúdico, entre elas un fermoso roteiro pola beira do río Lor, na que puideron disfrutar da fermosura do Courel.



Ningún comentario:

Publicar un comentario