venres, 23 de decembro de 2022

CELEBRACIÓNS DE NADAL 2022 

Cada ano o EDL do centro realiza diversas actividades para conmemorar esta data


Neste vídeo podes disfrutar das actividdes desenvolvidas este ano.




Ademais da tradicional exposición que o EDL fai todos os anos, este mesmo equipo realizou un vídeo con música interpretada por alumnado e profesorado do centro, para feliciar o Nadal a toda a comunidade educativa. As imaxes son decoracións navideñas dos fogares do noso alumnado e da vila.



BO NADAL A TOD@S





venres, 16 de decembro de 2022

 Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

Antía Yáñez na Biblioteca do centro.





O pasado 16 dedecembro  visitounos a escritora Antía Yáñez para impartir un obradoro de escriturana biblioteca do centro.

Contounos o moito que lía na súa infancia e adolescencia e como empezou a escribir historias e publicalas. Aprendimos, grazas a ela, que as ideas xorden de lugares e situacións moi diferentes, que unha mesma idea pode dar lugar a mil maneiras de ser contada e, sobre todo, que escribir pode chegar a ser moi divertido.

No obradoiro houbo lectura de textos escritos por adolescentes que foron premiados en diferentes certames, tamén reflexión crítica sobre toda a literatura romántica que parte do alumnado le, así como creación de textos propios individuais feitos con moita imaxinación.

Libros como O Misterio de Portomarín, O Misterio do torque de Burela, Plan de Rescate, Senlleiras ou Non penses nun elefante rosa forman parte da nosa biblioteca, e desde a mesma animamos a que os leades todos. Por suposto, estaremos ben atentos ás novidades desta autora que tanto admiramos.


mércores, 7 de decembro de 2022

 CAMBIO CLIMÁTICO E SISTEMA ALIMENTARIO


  Todos os anos, no IES de Becerreá os Departamentos de Ciencias dedican varias xornadas para conmemorar  o Día da ciencia en Galego e reivindicar o uso da nosa lingua.

Luis Díaz Allegue é enxeñeiro químico pola USC e doutor pola URJC. Actualmente traballa en ANFACO como responsable de proxectos no eido da economía circular e a sustentabilidade. 
O cambio climático supón importantes retos para a seguridade alimentaria mundial. Os cambios a longo prazo de temperatura, humidade, patróns de precipitacións e a frecuencia dos fenómenos meteorolóxicos extremos xa están afectando ás prácticas agrícolas, á produción e á calidade nutricional dos cultivos. A sensibilidade dos xermes, microorganismos potencialmente produtores de toxinas e outras pragas aos factores climáticos suxire que o cambio climático pode afectar a aparición e intensidade dalgunhas enfermidades transmitidas por alimentos. Por iso hai que buscar medidas de mitigación ao mesmo tempo que se investigan fontes de proteínas alternativas, que poden converterse nos alimentos do futuro.

PREME PARA VER A CHARLA
   



O Día da Ciencia en Galego celebrou a súa primeira edición en 2010, promovido por sindicatos e asociacións de profesorado de ensino medio, como parte da contestación ao Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que obrigaba a impartir nas clases de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química en castelán. Así, no encontro "Sumemos en galego" celebrado en xuño de 2010 en Compostela, no que participou profesorado destas materias convocados pola CIG-Ensino e a Plataforma Queremos Galego, tomouse, entre outros, o acordo de promover "unha semana da ciencia galega e un día da ciencia galega".

martes, 6 de decembro de 2022

Becerreá en contra da violencia ás mulleres

O pasado mércores no IES  de Becerreá celebramos con diversas actividades o rexeitamento da violencia contra as mulleres

  O número de mulleres asasinadas por violencia de xénero ascende a 37 en 2022 e a 1.1167 dende 2003



Exposición de post realizados polo alumnado, para rexeitar a violencia machista.


    Para conmemorar o día internacional pola eliminación da violencia contra a muller, quixemos recordar ás 37 mulleres que perderon a vida este ano. No IES de Becerreá organizáronse diversas actividades de protesta e recordatorio destas mulleres, que non son unha cifra, son ou foron mulleres cunha vida chea de sufrimento e dolor. Nós no IES de Becerreá non calamos por elas, polas vítimas da violencia contra as mulleres. Coa implicación e a participación dos distintos departamentos didácticos, a Dirección do centro, o Equipo de Dinamización Lingüística, o Equipo da Biblioteca, alumnado e profesorado do centro leváronse a cavo diversas actividades para rexeitar esta lacra, e dar visibilidade a este grave problema que ten a sociedade.


    Para comezar o Equipo de Dinamización Lingüística, xunto co Departamento de Música do centro abriron os actos coa lectura dun manifesto con acompañamento de piano interpretado polo do alumnado de 1º de Bac.




    Seguidamente, o Departamento de Orientación organizou un concurso de post titulado "Posteando en contra da violencia ás mulleres", no que participaron alumnado e profesorado do centro, o resultado do traballo levou a facer unha pequena exposición coa colaboración do Departamento de Plástica dos post finalistas do concurso, os gañadores recibiron un diploma e un pequeno agasallo. Para rematar todo o alumnado e profesorado gardaron un minuto de silencio polas vítimas.





PREME AQUÍ PARA VER COMO FOROS OS ACTOS



































martes, 15 de novembro de 2022

Magosto no IES de Becerreá

       Con máis ganas que nunca, como se facía en tempos prepandemia, celebramos o magosto organizado polo alumnado de 4º da ESO. Castañas asadas polas cociñeiras do centro, concurso de chistes, xogos populares fixeron da tarde unha xornada de convivencia entre o alumnado da ESO e o  profesorado, que a piques estivo de  vencer no tradicional xogo das cadeiras.

PREME NO VÍDEO PARA VER AS ACTIVIDADES


E AQUÍ PODES VER IMAXES DA CELEBRACIÓN

















mércores, 9 de novembro de 2022

 SAMAÍN 2022


Exposición sobre o mundo das ánimas e  os defuntos.

     Como todos  os  anos, e iso resulta moi agradable dicilo, volvemos  celebrar o Samaín cunha chea de actividades. Para comezar o alumnado de plástica  elaborou un cruceiro a   escala para ambientar a exposición do vestíbulo, que este ano trataba  sobre o mundo das ánimas  e os defuntos. O  cruceiro, en cuestión tratábase do Cruceiro en San Cibrán de Barcala (A Coruña).

    Na exposición "O MUNDO DAS ÁNIMAS E DOS DEFUNTOS" recóllense crenzas e tradicións sobre a noite de defuntos, a morte e o mundo das ánimas. A crenza de que existen determinadas datas do ano no que é máis fácil o transo entre ámbolos dous mundos, o do Alén e o terreal, segue presente en moitos lugares do noso territorio e no  acervo popular.

    Os actos comezaron coa actuación do grupo de teatro do centro que  representou unha pequena obra teatral na que se contaba unha historia sobre a Santa Compaña, e unha exposición sobre a orixe e tradicións populares de Samaín.


Grupo de teatro do IES de Becerreá.




    Ademais o departamento de Lingua Estranxeira organizou un concurso de cabazas, e a lectora de Inglés do centro, Melissa Álvarez amosounos como son as celebracións de Defuntos en Os Ánxeles de California e México.







Melissa Álvarez


Concurso de Cabazas.























Para rematar o alumnado de 1º  de BAC e  de 3º da ESO realizou un audiolibro de lendas na  comarca dos Ancares.



PARABÉNS A TOD@S POLO TRABALLO

xoves, 20 de outubro de 2022

Alumnado de 3º da ESO colabora b¡na limpeza de vertedoiros e treitos do río Ser en Vilela 


Alumnado de 3º da ESO con Jesús Folgueira e Fernando Cerecedo.


    O alumnado de 3º da ESO completou unha xornada de traballo cooperativo e solidario en Vilela (Navia de Suarna), nunha actividade organizada pola Asociación Ser, consistente na limpeza de dous antigos vertedoiros utilizados polas xentes que no seu día vivían nesta aldea ancaresa; na valoración das calidade das augas do Río Ser por medio da análise dos macroinvertebrados que se desenvolven no río e que son perfectos bioindicadores da calidade da auga (actividade levada a cabo por Ramsés e Lucía, membros de Adega); e, finalmente, na retirada de plásticos nun treito do río, que foron utilizados en tempos para a construción e mantemento de regas (PREME AQUÍ) para ver algunhas imaxes da xornada). Para o cumprimento destas actividades, tivemos a colaboración de veciños e membros da asociación (Pepé, Oliver, Ida, Suso, Mara, Mª Carmen, ...) a quen agradecemos a súa acollida, colaboración e ensinanzas, nunha xornada que resultou ser moi enriquecedora e na que o noso alumnado amosou un encomiable compromiso coa actividade durante toda a xornada e a pesar desa chuvia que nos visitou durante o descanso da comida (nunca uns bocadillos de tortilla e unhas castañas asadas foron tan saborosos).

venres, 14 de outubro de 2022

O IES de Becerreá conmemora o Día da muller no rural 2022, coa celebración dun coloquio no salón de actos do centro


Como invitadas acudiron  Andrea Valle e María Osorio, que colaboraron desintaresadamente co instituto






    O alumnado de 1º de Bac asistíu ao coloquio organizado en dúas mesas, unha de experiencias formada por Andrea Valle, escritora exalumna do centro, que cursa o grao de Lingua e Literatura Galega e aplicacións teórico-comparadas na Universidade de Santiago de Compostela, María Osorio graduada en Filoloxía Clásica na USC e que desenvolve un proxecto agrogandeiro no concello de Becerreá,  e Elba Cordero Gómez alumna de 1º de Bac que participa no proxecto agrogandeiro que  leva a cabo a súa familia, por outra banda, a  mesa de espectativas formada por alumnas de 1º de Bac Zaira Alba Novo, Maitane López Navia, Daniela Novo López e Lucia Rodríguez Díaz. 
 
        O tema do coloquio foi “A muller no rural, servizos e autoestima”, xa que visibilizar a importancia que merece a achega económica, social e cultural que desenvolven as mulleres en áreas rurais, as dificultades que atopan á hora de conciliar a súa vida profesional e familiar no mundo rural con crecente despoboamento e envellecemento poboacional, require mellorar os servizos públicos e as medidas de apoio social.
 
       No acto, o alumnado de Antropoloxía de 1º de Bac presentou un estudo sobre a poboación galega segundo tamaño dos concellos  de residencia, que resultou revelador, xa que  se aprecia  que a poboación activa no rural é maioritariamente masculina entre  a  franxa de idade dos 25 ata os 54 anos, esta situación revírtese a partir  dos  55 anos, nos que a    poboación activa é  maioritariamente feminina.

     Queremos  agradecer  aos asistentes e colaboradoras o seu traballo e participación.









      

domingo, 9 de outubro de 2022

O alumnado de 3º da ESO participou na inauguración da exposición temporal "50 anos da Casa de Rosalía", na praza do Concello Becerreá


O alumnado de Lingua Galega ofreceu un recital poético  para conmemorar a apertura da exposición.



        O sete de outubro, o presidente da  FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO,  Anxo Angueira Viturro
presentou na praza do Concello de Becerreá a mostra a ceo aberto, que se pode visitar entre os días 4 e 17de outubro, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Muse, e fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle frontá vontade popular de recuperar esta Casa.

    Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.


    O alumnado de Lingua Galega do IES de Becerreá partricipou no acto de inauguración    asistindo coma convidados á charla de Anxo Angueira, e ofreceron aos asistentes un pequeno recitado de poemas de Rosalía. Velaí a súa actuación.

PREME PARA VER A SÚA ACTUACIÓN





xoves, 29 de setembro de 2022


Alumnado de 1º de BAC do IES de Becerreá participou no encontro poético Residencias Literarias «Ámeto Mítico»

Alessandro Burbank, Tamara Andrés e Mohamed Abdullah  foron os/as poetas que se achegaron ao centro para compartir as súas composicións, que recitaron no salón de Actos

 



    A Fundación Uxío Novoneyra desenvolve de xeito anual a convocatoria de residencias poéticas itinerantes no Camiño de Santiago  «Ámeto Mítico», un  proxecto que forma parte da programación «O teu Xacobeo» impulsada pola Xunta de Galicia.

    «Ámeto Mítico» ten como obxectivo actualizar e dialogar co legado da poesía trobadoresca galego-portuguesa, caracterizada polo influxo da lírica provenzal e doutras influencias que, coma a poesía sufí, chegaron a terras de Galicia polos camiños de peregrinación xacobea. Toma como inspiración as  rotas descritas no libro Arrodeos e Desvíos do Camiño de Santiago, último poemario de Uxío Novoneyra, quen foi tamén un recoñecido actualizador da poesía trobadoresca. «Ámeto Mítico» foi precisamente o nome co que o poeta nomeou este volume elixido para pechar a súa obra. 

     Estas residencias internacionais de escrita buscan achegármonos a ese «ámeto mítico» que imaxinou Novoneyra. Con elas a Fundación quere contribuir recuperar a temática xacobea para a poesía actual ao tempo que convidar ao recoñecemento entre a mocidade do Camiño de Santiago, primeiro Itinerario Cultural Europeo.

    «Ámeto Mítico» reactiva este legado. Acompaña a poetas interesadas/os na experiencia da peregrinación co obxectivo de divulgar o Camiño como espazo mítico sobre o que continuar a escribir poesía.

Alumnado de 1º do Bac participante do encontro poético.

luns, 6 de xuño de 2022

 A REBOLA 28 ANOS DE HISTORIA

Para conmemorar os 28 anos de historia da revista realizouse una exposición con todos os exemplares da mesma no vestíbulo do centro


Daniela e Zaira presentando a exposición "A Rebola 28 anos de Historia"


             Este ano a Rebola  segue crecendo co seu equipo de redactores, alumnado e profesorado que traballan xuntos para a elaboración da revista.

              A Rebola nace hai 28 anos da man do Equipo de Normalización Lingüística do IES de Becerreá. Querían que fose a revista de todo o alumnado na que se reflectiran os seus sentimentos, inquedanzas, gustos, protestas, en fin, todo o que se quería dar a coñecer. Foron 28 anos de traballo en equipo pola lingua e polo centro.

                O nome da Rebola xurdiu  da variedade do carballo propia da comarca dos Ancares, cunhas características específicas desta zona, por iso as portadas adoitan inspirarse nesta imaxe, repetida ano tras ano.

         A Rebola comeza a súa andaina no curso 1994-1995, o seu nome procede da variedade de carballo da zona dos Ancares, que posúe unhas características propias da comarca. Son 25 anos de traballo feito con ilusión e compromiso coa lingua, por iso compre recoñecer o traballo realizado ano tras ano e impulsar este proxecto no que esperamos sigamos participando tod@s. O primeiro prototipo tratábase dun exemplar, a modo de folleto, que se publicou no ano 1994, pero en 1995 publicouse a primeira “Rebola 1995”.

         Este ano a Rebola segue crecendo co seu equipo de redactores, alumnado e profesorado que traballan xuntos para a elaboración da revista. Durante o curso 2021-22 o o equipo de redacción está formado polo seguinte alumnado:

        Zaira Alba Novo, Daniela Novo López, Maitane López Navia, Lucía Rodríguez, Mencía Gegunde Fernández, María Alexandra Popa, Samar Norti Hannachi, Iván Piélago González, Alejo Díaz Rodríguez, Verónica López Rey, Laura Montaña, Laura Núñez, Clara López Calvo.












PARA VER TODAS AS NOSAS REVISTAS PODES FACELO NESTE BLOG Á DEREITA, ESTAS SON AS PORTADAS REALIZADAS DURANTE OS PASADOS ANOS.





domingo, 29 de maio de 2022

ACTOS CONMEMORATICOS 

LETRAS GALEGAS 2022 


                O Día das Letras Galegas é unha celebración para homenaxear a persoas que destacaron polo aporte literario e reivindicativo do  noso idioma . Desde 1963, cada 17 de maio a Real Academia Galega dedica esta celebración a unha personalidade diferente.

                A data de celebración deste evento, o 17 de maio, débese a que en tal día como ese, en 1863, publicouse en Vigo o primeiro exemplar da obra Cantares galegos, de Rosalía de Castro, que marcaría o inicio do "Rexurdimento" ou renacemento cultural de Galicia.

            A celebración do Día dás Letras non é un acto rutinario, é unha xornada de orgullo colectivo, celebración da lingua galega e de reivindicación dos nosos dereitos lingüísticos, porque o dereito a falar en todos os espazos da nosa vida non está garantido, garantir o dereito a falar é garantir o dereito de saber.


Exposición Florencio Delgado

     Este ano a Real Academia Galega decidiu honrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán,  militante galeguista a todo o exilio republicano en México, onde viviu entre a fin da Guerra Civil e a súa morte en 1987. Poeta, tradutor ou impulsor de iniciativas como a fundamental revista Vieiros, a Academia salienta o seu “labor literario e activismo político e cultural, un dos capítulos máis destacados das letras galegas na diáspora”.

Alumnado e profesorado pertencente ao EDl do centro presentaron unha exposición no vestíbulo do centro para dar a coñecer a Florencio Delgado.


    No IES de Becerreá  non só quixemos homenaxear a Florencio Delgado, para o EDL do centro esta festividade é máis ca un personaxe, trátase de reivindicar a nosa lingua e a persoas que senten  orgullo e paixón por ela. A nosa identidade empeza pola lingua, por iso este ano no IES de Becerreá quixemos dar visibilidade a escritoras galegas que usan o galego con vangloria. 

    O noso particular homenaxe a estas mulleres foi a realización dunha exposición no vestíbulo do centro, que recollía figuras femininas relevantes da literatura galega do século XX e XI. Ademais o alumnado pertencente ao EDL fixo unha presentación no salón de actos para todo o alumnado da ESO.





 O grupo de teatro do instituto actuou  coa estrea da obra "As meigas sempre atinan" para conmemorar o día da letras. A representación estaba baseada  no conto de Ánxel Fole, e o guión realizouno a alumna de 4º da ESO Daniela Novo.

 Parabéns aos actores e actrices por levar a cabo este divertido proxecto.


PARA VER COMO FORON OS ACTOS PREME PARA VER O VÍDEO







Alumnado de 3º da ESO participa no 

IV CONGRESO CIENTÍFICO DA MONTAÑA

Jesús, Laura e Fernanda co alumnado de 3º da ESO.



    O 28 de abril de 2022 celebrouse o IV Congreso Científico da Montaña. Este ano participaron finalmente cinco centros de ensino, o centro anfitrión que foi o CPI de Cervantes, o CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita, o CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel, o IES Plurilingüe San Lourenzo de Mondoñedo e o noso centro, o IES Becerreá.

     Por fin, despois de dúas edicións online, foi posible celebrar o congreso de xeito presencial. Temos que agradecer ao CPI de Cervantes o seu traballo para organizar unha xornada perfecta para todos os que tivemos a sorte de poder asistir. En total presentáronse vinte dous traballos. A charla inaugural titulábase  “As montañas de Galicia, unha historia de 500 millóns de anos” e foi impartida polo xeólogo Francisco Canosa quen de xeito sinxelo, procedeu a relatar os principais procesos que orixinaron as rochas e o relevo actual de Galicia.

    O noso traballo levaba por título “Investigación sobre o almorzo do alumnado da ESO no IES de Becerreá”. Foi realizado polo alumnado de 3º ESO e coordinado polos profesores de Inglés (Yolanda), de Educación Física (Fernanda), de Matemáticas (Laura) e de Bioloxía (Xesús). Sospeitabamos que moitos alumnos almorzaban mal ou incluso non almorzaban e fixemos unha enquisa para descubrilo. Para que o traballo fose máis interdisciplinar as enquisas realizáronse en inglés,  as respostas obtidas procesáronse na clase de matemáticas onde se elaboraron unhas gráficas para visualizar mellor os resultados. 

    E para presentar o traballo no congreso decidimos facer un vídeo expoñendo todo o proceso de investigación e as nosas conclusións. 

VELAÍ O NOSO VÍDEO






sábado, 28 de maio de 2022

DÍA  DA MULLER 2022 

Exposición "Mulleres en Becerreá"



                Foron varios os traballos desenvoltos no centro para conmemorar esta efeméride.

                A implicación correu a cargo da Dirección do centro, departamentos didácticos, Equipo de Dinamización Lingüística, Equipo da Biblioteca, do alumnado e Concello do de Becerreá.

                En colaboración co Concello, presentouse a exposición "Mulleres en Becerreá", na que as protagonistas eran mulleres traballadoras da vila, antigas alumnas do centro, nais de alumnas e alumnos, moitas das cales residen na comarca ou traballan nela.



                   O  Departamento de Física e Química propuxo unha actividade para o alumnado de 2º da ESO, "A actividade científica impulsada por mulleres". Tratouse de involucrar ao alumnado traballando sobre a vida e obra de distintas científicas ao longo da historia, mulleres  que non figuran  en case ningún libro de texto da etapa.

                A idea era dar visibilidade ao seu labor, traballo, investigacións, e como non, á súa figura,   que é tan importante coma a dos seus homólogos, coa diferencia de que elas nin sequera aparecen, quedando silenciadas.

 



             Ademais o Departamento de Orientación xunto co EDL do centro renderon homenaxe ás mulleres coa realización dun photocall inspirado na  famosa imaxe realizada por J. Howard Miller para unha empresa americana que, durante a Segunda Guerra Mundial, buscaba motivar e levantar o ánimo das traballadoras e unirse ao esforzo da guerra. Hoxe en día, esta imaxe transformouse nun  símbolo da loita feminista dada a mensaxe (We can do it- Podemos facelo) e a actitude  e postura de empoderamento da muller que aparece no cartel.

Aquí queda unha pequena mostra do resultado do traballo.