luns, 30 de outubro de 2023

O grupo de teatro Down Lugo representou no IES de Becerreá a obra 21/3. 

Grupo de teatro Down Lugo.



     O alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO, e o profesorado do centro tiveron a sorte de disfrutar da actuación desta compañía de teatro o pasado 27 de outubro. A obra que interpretaron  "21/3",  trata sobre cada un dos membros deste grupo, sobre as súas inquedanzas: como nos ven?, como nos gustaría que nos visen?, somos aceptados?, porque temos que ser aceptados?, non somos como os demais? ou somos como Segismundo buscando o motivo do seu castigo?

      Os textos creados no taller de teatro, son eses retazos que unha vez cosidos cobraron vida. Xógase coa numeroloxía: 21 escenas en tres actos, 21 de marzo e o triple cromosoma 21. As imaxes, as atmósferas e os corpos son primordiais na posta en escena. Unha obra para enternecer, rir e chorar. Como a vida mesma.

      O  grupo formouse en decembro de 2004 a partir dun obradoiro de achegamento ao teatro que de inicio contaba con 7 participantes. No 2007 o grupo ampliou o seu número de membros consolidándose como tal. Na actualidade está formado por 16 actrices e actores afeccionados, todos eles con capacidades diferentes, de idades comprendidas entre os 22 e os 55 anos.

     Ao longo da súa traxectoria, o Grupo de teatro Down Lugo representou obras como “Eu respecto as normas, e ti?”, “A viaxe da vida”, “Down Up”, “Sono dun día”, “O circo dos doce puntos”, “Amor”, “Montaxe de terror”, “Gritos”, “O clube da comedia viaria”, “O bar da esquina”, “Televisión”, “Dimes e diretes”, “Conto de Nadal”, “Ti te me deixas querer”, “Ó redor dunha camilla”, “Soños”, “Performance Soño” e “Soño dunha noite de verán”.

    


 

Estrea do documental "LAR" no IES de Becerreá para alumnado e profesorado do centro

O IES de Becerreá acolleu a estrea do traballo auduovisual realizado pola Asociación Galega do Cambio Social 




     Lar é un documental social co obxectivo de previr a discriminación por motivos de idade. Foi rodado nos concellos galegos de Becerreá (Lugo) e Zas (A Coruña) e está protagonizado por tres avós e os seu netos. Nel pódense ver as súas historias de vida e cómo o vínculo existente entre eles fixo que tiveran unha vida mellor. O rural galego, os vínculos familiares e o paso do tempo son os tres eixes sobre os que vertebra. Pasado, presente e futuro, o lar é o lugar ao que sempre queremos volver. Este é un documental de Agareso financiado por a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dentro da convocatoria de axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do IRPF. Está protagonizado por: Adrián Otero e Ovidio Otero, Claudia Lema e Balbina Rial, Laura Núñez alumna do IES de Becerreá e José Núñez.

 



           A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), é unha organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais do mundo da comunicación en Galicia que cren no poder da comunicación como ferramenta de transformación social. O seu principal obxectivo é utilizar as ferramentas de comunicación para conseguir a esa transformación social positiva a través de proxectos de Cooperación Internacional, Educación para o Cambio e Acción Social.

ESTAS SON ALGUNHAS DAS IMAXES DA ESTREA NO IES DE BECERREÁ.













O IES de Becerreá acolle a charla "Toponimízate" a cargo de Vicente Feijoo

O alumnado do IES de Becerreá colaborará no proxecto Galicia Nomeada

Vicente Feijoo, no Salón de Actos do IES de Becerreá.


         O día 19 de outubro tivo lugar no noso centro unha charla organizada polo Concello de Becerreá e desenvolta polo filólogo da Real Academia Galega (RAG) Vicente Feijoo, dentro do programa de promoción da lingua galega  "Toponimízate", que está coordinado desde a RAG en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O alumnado de 2º, 3º da ESO e 1º de Bac tivo a oportunidade de coñecer os rasgos xerais da toponimia galega en xeral e do seu valor como patrimonio inmaterial, ademais de obter información clarificadora da orixe dalgún dos topónimos do propio concello de Becerreá. A partir desta experiencia, o alumnado do centro, coordinado polo departamento de Lingua Galega, colaborará activamente no coñecemento e pervivencia da microtoponimia local a través da plataforma Galicia Nomeada
















luns, 9 de outubro de 2023

Obradoiro de escrita a prol do galego, con Ana Carreira para o alumnado de 2º da ESO no IES de Becerreá
 



No marco das actividades do Correlingua cara ao 2024, o IES de Becerreá participou no obradoiro de escrita “Desata a Lingua”  impartido por Ana Carreira. Xenio e figura, chegou, veu e venceu. A rapazada entregada desde o primeiro momento: actividade creativa a partir dunhas imaxes e dunhas frases poderosas.


Esta muller luguesa, actriz, dramaturga, narradora, contacontos, monitora de teatro, etc, etc, deixou claro, unha vez máis, que a creación, a imaxinación, a sensibilidade combinan moi ben coa xente nova.

Os obradoiros de escrita son  unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar na reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.