xoves, 19 de febreiro de 2026

ENTROIDO 2026

 CONCURSO DE COMPARSAS E DEGUSTACIÓN DE DOCES DE ENTROIDO 


No IES de Becerreá celebrouse o Entroido cunha xornada chea de alegría, creatividade e compañeirismo, con música e disfraces grazas á participación do alumnado no tradicional concurso de comparsas.

Cada grupo sorprendeu co seu enxeño, coidando tanto a posta en escena como a caracterización e a coreografía. Houbo temáticas de todo tipo: propostas divertidas, reivindicativas e mesmo algunhas inspiradas na en sucesos dos nosos días, proba de que o alumnado está ao tanto do que sucede no mundo! A grande implicación dos grupos fixo moi difícil a elección do xurado. 

Tras as actuacións, celebrouse a entrega de premios, un dos momentos máis agardados da xornada. Recoñeceuse o esforzo, a orixinalidade, o vestiario e a posta en escena das comparsas participantes (mesmo o profesorado participou!)

Como non podía ser doutro xeito, o Entroido rematou cunha deliciosa degustación de doces tradicionais. Filloas, orellas e outras sobremesas típicas puxeron o toque final a unha xornada inesquecible, na que non faltaron nin o bo humor nin o sabor máis auténtico destas datas.

Sen dúbida, foi un día para lembrar,  ¡viva o Entroido!












DÍA DA PAZ 2026

 CANTIGAS PARA A PAZ E LECTURA DO MANIFESTO A FAVOR DA BOA CONVIVENCIA

O pasado 30 de xaneiro, o IES de Becerreá volveu participar na celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, unha data moi relevante no ámbito educativo, na que se destaca a importancia de educar na tolerancia, na solidariedade, na boa convivencia, no respecto aos Dereitos Humanos e na resolución dialogada dos conflitos.

Esta conmemoración coincide co aniversario do falecemento de Mahatma Gandhi, símbolo internacional do pacifismo e da loita non violenta contra as inxustizas. O seu exemplo continúa a servir de guía para promover, desde a escola, valores de paz, diálogo e entendemento entre persoas con diferentes orixes e maneiras de pensar.

Desde hai seis anos, o Departamento de Lingua Galega implicáse nesta data a través dun recitado literario inspirado na lírica trobadoresca medieval, unha das épocas de maior esplendor da nosa lingua. Nesta edición, o alumnado de 1º de Bacharelato deu un paso adiante ao converterse en autor das súas propias creacións, elaborando cantigas inéditas nas que o eixo central deixou de ser o amor ou a saudade para centrarse na paz.



As obras presentadas manteñen elementos característicos das cantigas medievais, como o paralelismo, o leixaprén ou o refrán, adaptados a unha mensaxe actual, comprometida e claramente pacifista. A través da poesía, o alumnado reflexionou sobre a importancia do respecto mutuo, da convivencia e da construción dun mundo máis xusto e solidario.

Todo o alumnado de 1º de Bacharelato tomou parte no Concurso de Cantigas pola Paz organizado polo centro. As persoas premiadas foron:

• 3º premio: Alejandra Arse e Elena Ulloa
• 2º premio: Candela Arrojo, Naiara Veiga e Noa Digón
• 1º premio: Cristina Fernández e Lucía Freijo

Desde o IES de Becerreá queremos expresar os nosos parabéns a todo o alumnado participante polo seu esforzo, imaxinación e compromiso, e felicitar especialmente ás persoas gañadoras. Esta iniciativa forma parte doutras propostas literarias que se desenvolven ao longo do curso co propósito de incentivar o gusto pola escrita, potenciar a creatividade e promover o uso do galego como medio de expresión, reflexión e implicación social.


VELAQUÍ O VÍDEO DA ACTIVIDADE: