No seguinte vídeo tedes un resumo da xornada, coa lectura do manifesto, o recitado con música e imaxes do mural das bolboretas e das siluetas feitas na Biblioteca:
Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o IES de Becerreá organizou diversas actividades para sensibilizar e promover o rexeitamento á violencia de xénero.
O alumnado de 3º e 4º da ESO creou un mural que permanecerá no centro, recordando a loita contra a violencia machista. A obra homenaxea ás mulleres vítimas de violencia e pretende manter viva a súa memoria, fomentando a reflexión diaria entre a comunidade educativa.
Na biblioteca, colocáronse dúas siluetas: unha representando a muller e outra o maltrato. O alumnado deixou mensaxes positivas na silueta da muller e negativas na do maltrato, para reflexionar sobre as relacións saudables e a violencia que hai que combater.
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Música organizaron unha lectura do manifesto contra a violencia e un recital poético con música en directo, unindo voces na loita común contra a violencia de xénero.
Agradecemos a toda a comunidade educativa, alumnado, profesorado e persoal, polo seu compromiso e participación activa neste importante día.
XOGOS TRADICIONAIS POLO MAGOSTO NO IES DE BECERREÁ
O IES de Becerreá celebrou un ano máis o seu xa habitual magosto, unha cita moi especial na que alumnado, profesorado e demais membros da comunidade educativa gozaron dunha tarde cargada de tradición, sabor e bo ambiente.
Nesta edición contamos coa participación da empresa XOTRAMU, procedente de Muimenta, que trouxo unha fantástica selección de xogos tradicionais galegos. Grazas á boa labor de Pepe e Quico, o patio encheuse de actividade, ledicia e colaboración, ofrecendo ao alumnado a ocasión perfecta para redescubrir e practicar xogos que forman parte do noso patrimonio cultural.
As castañas asadas, protagonistas da festa, fixeron as delicias de todas e todos os presentes, acompañadas por unha ampla variedade de doces típicos preparados polo alumnado de 4º da ESO. O seu traballo e implicación foron fundamentais para crear un ambiente cálido e festivo.
A música tamén tivo presenza destacada, envolvéndoo todo nun aire de celebración que reforzou o espírito de convivencia e participación.
Como é tradición, o IES de Becerreá e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizaron este encontro co propósito de fortalecer o vínculo do alumnado coa cultura e coas tradicións galegas, mantendo viva unha práctica que forma parte esencial da nosa identidade.
Para ver como se desenvolveu a actividade, preme aquí.
O alumnado de 4° da ESO deu vida a un conxunto de personaxes moi curioso: unha meiga galega, unhas bruxas romanas do século I, un cura, un espírito do bosque... Non vos perdades a representación dunhas peciñas teatrais nas que os alumnos e alumnas trataron de darlle visibilidade á orixe latina da lingua galega, e a valorar o galego como a lingua propia de Galicia. Podedes velas premendoaquí.
Parabéns a todos os participantes polo esforzo e a creatividade!
SAMAÍN 2025: PERSONAXES MISTERIOSOS FEMININOS NA CULTURA GALEGA E NA CULTURA CLÁSICA
CELEBRACIÓNS DE SAMAÍN NO IES DE BECERREÁ
A semana do Samaín no centro estivo repleta de actividades! Aquí vos deixamos unha mostra dunha delas: a exposición de personaxes de terror e misterio da cultura galega e da cultura romana e grega, feita en colaboración o EDL e o departamento de Latín, coa axuda do resto do profesorado e alumnado.
Todo o mundo sabe xa que o Samaín é unha tradición ben antiga en Galicia, de orixe celta. Coincide coa noite de defuntos, aínda que en realidade era, antigamente, a data do final das colleitas e o comezo do inverno. A crenza era que o vivos e os mortos se xuntaban e facían certos rituais para pedir protección ante as almas malvadas. As cabazas (que tamén traballaron no noso centro os alumnos coa axuda do profesor de Debuxo, Miguel) usábanse baleiras con luces dentro, e as familias xuntábanse arredor dunha fogueira.
Na época romana, salvando as diferenzas, existía a festividade do Mundus Patet, que conmemoraba o paso aberto do mundo dos vivos ó dos mortos a través dun gran buraco no centro da cidade de Roma. As familias tamén se xuntaban para celebrar e pedir protección e saúde.
Así, o Samaín galego e as festas romanas comparten unha mesma esencia: o respecto pola natureza, polos ciclos do tempo e pola memoria dos que xa non están. Porén, cada un deles teñen os seus propios personaxes e divindades. Aquí podedes premer para saber máis sobre isto!
A X Edición celébrase este ano 2025 o 13 de outubro baixo o lema "1975: Escribide, compañeiras!". No IES de Becerreá quixemos achegar algunhas das escritoras galegas contemporáneas ao alumnado cunha exposición nas escaleiras que conducen á biblioteca, onde tamén se realizou unha exposición. É unha oportunidade para recoñecer o traballo e o talento das mulleres que escriben en galego. e de reflexionar sobre a importancia da igualdade tamén na creación cultural.
UN PROXECTO INNOVADOR E MULTIDISCIPLINAR QUE PRETENDE AUMENTAR A PRESENZA DO GALEGO EN BECERREÁ E A CONTORNA
O proxecto “Tamén en galego” ten como finalidade fomentar o uso do galego e darlle visibilidade tanto a nivel formal como escrito en todos os ámbitos públicos e privados, empresariais e comerciais.
O primeiro obxectivo céntrase en fomentar o uso do galego e promover o seu uso destacado en establecementos e lugares. Para conseguilo, propóñense identificar aqueles espazos que xa empregan o galego, facilitar a incorporación da lingua galega en materiais escritos destes ámbitos, e manter un diálogo continuo para garantir unha implantación sostible. Para medir o éxito, analizarase o número de locais que aceptan modificar ou incrementar o uso do galego, a cantidade de documentación traducida e a percepción social recollida mediante enquisas. Entre as actividades previstas atópase a elaboración dun mapa lingüístico de Becerreá no que o alumnado rexistrará o uso do galego nos establecementos, unha campaña con carteis e adhesivos para locais que se sumen á iniciativa, e charlas con empresarios para explicar os beneficios do uso do galego.
O segundo obxectivo céntrase en trasladar á práctica escrita o uso maioritario do galego na lingua oral. Para iso, realizarase a identificación e documentación dos locais onde o galego predomina oralmente pero non por escrito, concienciarase aos responsables da importancia da coherencia entre fala e escritura, e ofrecerase asesoramento lingüístico para facilitar esta transición. Como indicadores de logro, analizarase o aumento de materiais escritos en galego, a comparación do uso oral e escrito antes e despois do proxecto, e o número de consultas lingüísticas recibidas. Entre as actividades destacan un diagnóstico sociolingüístico a través de entrevistas, a elaboración polo alumnado de propostas para adaptar documentos e materiais ao galego, e a creación dun servizo de apoio lingüístico desde o EDL.
O terceiro obxectivo consiste en recoñecer os establecementos que destacan polo uso do galego na rotulación, información escrita, publicidade e redes sociais. Para iso, elaborarase unha listaxe destes locais, difundiranse mediante recoñecementos e promocións, e avaliarase o impacto para animar a máis locais a sumarse. Os indicadores inclúen o número de locais recoñecidos, o seguimento en redes sociais e testemuñas de comerciantes. As actividades serán a entrega de premios e distintivos, a difusión en medios e redes sociais, e a organización dun roteiro lingüístico para identificar e dar visibilidade aos locais comprometidos.
As áreas de actuación do proxecto divídense en dous ámbitos principais: o público e o privado. No ámbito público traballarase con institucións como o centro de saúde, concello, xulgado, correos, Garda Civil e centro social, enfocándose na documentación, formularios, informes e sinais informativos. No ámbito privado abarcaranse sectores diversos, como a hostalaría (cartas, menús, carteis, prezos), supermercados (seccións, propaganda, bolsas), tendas (textil, ferraxerías, librarías), talleres, gasolineiras, notarías, administracións de fincas, xestorías, autoescolas, actividades de culto e funerarias.
A temporización prevista comprende todo o curso 2024-2025 e cursos sucesivos. No curso pasado incidiuse principalmente nos ámbitos públicos mencionados, e no privado traballarase con 14 locais de hostalaría e dúas funerarias.
Aquí o vídeo que recolle a información compilada polo alumnado no curso anterior, coa que fixeron un diagnóstico da situación para o punto de partida sobre o que comezar a actuar:
FESTIVAL DE CURTAS E REPRESENTACIÓN DE PEZAS SOCIOLINGÜÍSTICAS
O pasado 19 de xuño tivo lugar o festival de fin de curso no IES de Becerreá. Como cada ano, tiveron lugar varias actividades protagonizadas polos nosos rapaces e rapazas. En primeiro lugar, o alumnado de 4º da ESO representou unhas pezas de teatro de temática sociolingüística que amosan a situación de minorización da lingua galega en diversos contextos. A risa e o humor mesturábanse co fondo das obras, que invitaban á reflexión sobre os prexuízos lingüísticos.
De seguido, proxectáronse as curtas tamén realizadas polo alumnado de 4º, e a continuación o xurado deliberou para acabar entregando uns premios ó mellor actor ou actriz, mellor película e mellor guión. Todos quedamos abraiados coa calidade técnica e configuración das curtas, e co talento que temos no noso centro! Para o ano máis e mellor!