mércores, 28 de maio de 2025

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025

HOMENAXEAMOS AS CANTAREIRAS E RECOÑECEMEOS O LABOR DOS MAIORES QUE PRESERVARON A TRADICIÓN Ó LONGO DO TEMPO


O pasado 17 de maio celebramos un pequeno acto de conmemoración polo Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e á poesía popular. 

Quixemos tamén poñerlle nome e rostro a algunhas desas persoas anónimas que foron, durante séculos, a memoria viva do noso pobo.

O alumnado do IES de Becerreá que recolleu cantigas das súas casas (Álvaro Gómez de 1º ESO, Cristina e Lucía de 4º, Daniel García e Laura Nuñez de 1º BAC). Sabemos que esa tradición non é algo do pasado, senón algo que latexa, que se canta e se lembra nos camiños, nas cociñas, nos seráns dos  avós ou nos faladoiros ao pé da lareira. Carmen Digón, José Núñez, María Méndez, Iludina Martínez… e tantos outros nomes que nos emocionan porque son da nosa xente, xente brava, arroutada, que non calou cando había que cantar. Xente con sabedoría, con memoria, coa intelixencia de gardar e transmitir aquilo que hoxe é parte da nosa identidade. Eles e elas, sen saber quizais, alimentaron a Rosalía, a Curros, a Cunqueiro, a Fole... E tamén están nas músicas novas: nas voces das Fillas de Cassandra, da Banda da Loba, das Tanxugueiras.

Nese día quixemos dicirlles grazas, con todo o corazón. Grazas por manter viva a palabra cantada. A tradición oral non está nos libros. Está nas voces. 

Para ver e escoitar como os nosos maiores cantan cancións populares, preme no seguinte vídeo:

 

Ademais, completamos o acto coa actuación dun grupo de alumnado e da Asociación Son de Cores, que ademais de deleitarnos con mostras de música tradicional, concedéronnos unha pequena entrevista coa que puidemos coñecer mellor a estas mulleres comprometidas e amantes da tradición. 

Rematamos proxectando unha serie de vídeos que resaltan a lingua e a cultura galegas, no que os protagonistas son os membros da comunidade educativa do IES: o vídeo da nosa palabra favorita na nosa lingua materna, unha versión do "Dígocho eu!" (TVG) feita polo alumnado de Lingua Galega... 

Para ver un resumo do acto do Día das Letras Galegas, preme no seguinte vídeo:




Para ver o vídeo do "Dígocho eu!":




Ningún comentario:

Publicar un comentario