luns, 24 de novembro de 2025

MAGOSTO 2025 CON XOGOS TRADICIONAIS

 XOGOS TRADICIONAIS POLO MAGOSTO NO IES DE BECERREÁ 

O IES de Becerreá celebrou un ano máis o seu xa habitual magosto, unha cita moi especial na que alumnado, profesorado e demais membros da comunidade educativa gozaron dunha tarde cargada de tradición, sabor e bo ambiente.

Nesta edición contamos coa participación da empresa XOTRAMU, procedente de Muimenta, que trouxo unha fantástica selección de xogos tradicionais galegos. Grazas á boa labor de Pepe e Quico, o patio encheuse de actividade, ledicia e colaboración, ofrecendo ao alumnado a ocasión perfecta para redescubrir e practicar xogos que forman parte do noso patrimonio cultural.

As castañas asadas, protagonistas da festa, fixeron as delicias de todas e todos os presentes, acompañadas por unha ampla variedade de doces típicos preparados polo alumnado de 4º da ESO. O seu traballo e implicación foron fundamentais para crear un ambiente cálido e festivo.

A música tamén tivo presenza destacada, envolvéndoo todo nun aire de celebración que reforzou o espírito de convivencia e participación.

Como é tradición, o IES de Becerreá e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizaron este encontro co propósito de fortalecer o vínculo do alumnado coa cultura e coas tradicións galegas, mantendo viva unha práctica que forma parte esencial da nosa identidade.

Para ver como se desenvolveu a actividade, preme aquí

Alumnas de 4º da ESO vendendo doces. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario