domingo, 2 de marzo de 2025

DÍA DE ROSALÍA 2025 NO IES DE BECERREÁ

Este ano celebramos o Día de Rosalía con diferentes actividades no noso centro 


O 23 de febreiro celébrase o día do nacemento desta célebre autora galega. Coma sempre, creouse unha exposición sobre unha temática determinada para que todos puidesen vela nada máis entran no IES e, concretamente, este ano versou sobre as paisaxes na súa obra. A mostra contiña diferentes imaxes que reflectían, por unha banda, os sentimentos e emocións que expresa Rosalía nas diferentes obras e, por outra, amosaban alusións directas que fai a autora de diferentes lugares polos que pasou ou que lembra. Algunhas das imaxes estaban elaboradas seguindo o traballo "Herbario de Rosalía", da USC.

Exposición "Paisaxes na alma", na entrada.


Durante os leceres desa semana, os alumnos e alumnas voluntarios asistiron á Biblioteca para participar nun taller de lettering con poemas dela. Dende logo, temos todos uns artistas no IES de Becerreá! Ademais, tanto profesorado como alumnado contribuíron a confeccionar unhas pulseiras que se entregaron ó final dos actos dese día con motivos da obra da autora: follas, corazóns, estrelas... 
Igualmente, traballaron con Intelixencia Artificial para crear cancións a partir da súa poesía: con esta aplicación os estudantes elixían o ritmo e a música e, ó introducir a letra, daba lugar a un resultado moi bonito e curioso. Dende logo que lles gustou moito esta actividade!
No lecer dese día, na biblioteca, procedeuse á lectura dunha carta elaborada polo alumnado, dedicada a Rosalía, na que lle expresan como perciben a época actual e lle comentan algúns cambios significativos da actualidade que, sen dúbida, lle chamarían a atención. Porén, en realidade, no substancial as cousas non cambiaron tanto! Esta carta expúxose nuns paneis na biblioteca, acompañada de traballos do alumnado que fixeron nas materias de Plástica. Tamén se leron algúns dos seus poemas, os máis recoñecibles e outros menos, nos que destacaba a paisaxe.

Puxéronse, ademais, diferentes puntos de lectura no centro coa súa obra. 


Mostra do taller de lettering con poemas da autora

Para ver o vídeo coas imaxes e os actos dese día, PREME AQUÍ

Para escoitar as cancións realizadas con Intelixencia Artificial acompañadas da carta, AQUÍ




Ningún comentario:

Publicar un comentario