mércores, 26 de marzo de 2025

OBRADOIRO DE REGUEIFAS 2025

Visita da regueifeira Lupe Blanco

Este pasado luns, día 24 de marzo, tivemos a honra de disfrutar no IES de Becerreá coa bergantiñá Lupe Blanco, gañadora en varias ocasión de mellor regueifeira de Galiza. 


Explicounos que é unha regueifa e cal é a súa orixe, que resulta ben curiosa: é un desafío oral improvisado en verso cunha orixe que, debido ao seu carácter basicamente oral, se perde na noite dos tempos. A súa referencia máis próxima a nós di que durante o banquete das vodas labregas era tradición que a parella ou a madriña dos acabados de casar puxese a disposición dos que non foran convidados á celebración un bolo de pan chamado "regueifa". Ademais, a maneira de ver quen era a persoa á que lle cabía o honor de repartir a regueifa entre os presentes era retarse dialecticamente entre eles, en verse, meténdose uns con outros, cos contraentes ou cos familiares destes, para ver quen facía gala do maior enxeño e mordacidade.

Co paso do tempo, esta tradición chegou a ser un elemento  máis de diversión e de entretemento nas tabernas -xa que logo era unha práctica eminentemente masculina- ou mesmo como modo de espectáculo nas festas patronais.

Como datos curiosos contounos que o récord de regueifas seguidas está en trece horas e  que  esta práctica, coas súas variantes, está presente en moitas culturas do planeta: Cuba (décimas), Portugal (desgarrada), Brasil (desafío), EEUU (freestyle rap), Euskadi (bertsolarismo)... 

Interactuou co alumnado e profesorado e entre todos compuxemos varias regueifas seguindo o esquema métrico da copla popular: estrofas de catro versos octosílabos con rima asonante ou consonante nos pares.



Ningún comentario:

Publicar un comentario