BLOG DO Equipo de Dinamización Lingüística do
IES DE BECERREÁ
"A REBOLA"
venres, 20 de novembro de 2020
Só a ciencia nos
rescatará da pandemia
Sonia Villapol Salgado, neurocientífica e profesora no departamento de Neurocirurxía do Centro de Neurorexeneración do Instituto de Investigación Metodista en Houston, TX, impartiu unha conferencia telemática para o IES de Becerreá o pasado 16 de novembro
Sonia Villapol Salgado, forma parte do Equipo de Investigación Internacional da COVID-19.
Naceu en Bretoña (Lugo). Estudou BUP no instituto de Meira Licenciada en Bioloxía Molecular pola Universidade de Santiago de Compostela (2003), é Doutora en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona (2007). Traballou coma investigadora postdoutoral en laboratorios do Centro Nacional de investigación científica (CNRS) da Universidade Pierre e Marie Curie VI e no Instituto Nacional de sanidade e investigación médica (INSERM) do Hospital Robert Debré, en París (Francia). No ano 2010 trasladouse un EEUU, traballou nos Institutos Nacionais de Saúde (NIH) e no Centro de Neurociencias e Medicina Rexenerativa, en Maryland (EEUU). Foi profesora de Neurociencias na Universidade de Georgetown en Washington DC (EEUU).
A súa investigación científica céntrase no estudo de danos cerebrais, tanto infartos cerebrais, coma traumatismos craneoencefálicos, experimentando distintos tratamentos e explorando os mecanismos de resposta a múltiples procesos relacionados coa morte das neuronas.
Destacamos especialmente, a súa capacidade para compartir o seu saber, pois participa en numerosas actividades de divulgación científica no ámbito educativo e cultural.
O alumnado de ciencias de 4ª da ESO e 1º de Bachalerato do centro tivo a oportunidade de asistir a esta charla telemática, que resultou do máis interesante tanto para o alumnado coma o profesorado.
Alumnado asistente á conferencia.
Todos os anos, no IES de Becerreá os Departamentos de Ciencias dedican varias xornadas para conmemorar o Día da ciencia en Galego, con diferentes actividades e actos para reinvindicar o uso galego, por iso, ademais da charla de Sonia Villapol Salgado, o día 19 de novembro, dentro das
actividades da semana da Ciencia en Galego o alumnado de 3º e 4º de ESO, e os de
1º BAC asistiron á videoconferencia titulada “Vídeoprodución na
educación. Proxecto XeoClip. Primeiros pasos para ser youtubeiro científico” a
cargo de profesor Xacobo de Toro Cacharrón, onde nos contou como é o proceso
creativo da videoprodución dun vídeo científico. Xacobo desglosounos os
distintos pasos que debemos seguir á hora de crear un vídeo dende a fase
creativa, elección da temática do vídeo e elaboración do guión, pasando pola
fase de realización e por último a fase de montaxe e lanzamento do vídeo.Así mesmo, mostrounos numerosas ferramentas
dixitais ao noso alcance que podemos utilizar para a realización de vídeos.
Xacobo é profesor no ensino secundario de bioloxía
e xeoloxía no IES Agra de Leborís, ademais de doutor pola Universidade da
Coruña cunha tese sobre o uso do e-learning na ensinanza secundaria. No 2018
foi premiado como o quinto mellor profesor de Secundaria de España e Miac
(Mestres Innovadores, Alumnos Competentes) outorgoulle un premio pola súa
maneira diferente de impartir as súas clases de ciencias.
Este docente comprometido cas novas tecnoloxías
dispón dunha canle en Youtube e lidera o proxecto audiovisual Xeoclip contribuíndo
así á divulgación científica en galego na área de xeoloxía e bioloxía. Este
proxecto conta con varias ferramentas multimedia nas que destacan os vídeos
curtos en formato de lección, onde nos acercan os contidos dunha maneira amena
e distendida contextualizados en Galicia e polo tanto nun entorno próximo ao
noso alumnado.
SE QUERES VER A INFORMACIÓN DE XACOBO DE SOBRE A FORMACIÓN DE PLIEGUES, PREME NO SEGINTE VÍDEO
O Día da Ciencia en Galego celebrou a súa primeira edición en 2010, promovido por sindicatos e asociacións de profesorado de ensino medio, como parte da contestación ao Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que obrigaba a impartir nas clases de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química en castelán. Así, no encontro "Sumemos en galego" celebrado en xuño de 2010 en Compostela, no que participou profesorado destas materias convocados pola CIG-Ensino e a Plataforma Queremos Galego, tomouse, entre outros, o acordo de promover "unha semana da ciencia galega e un día da ciencia galega".
Ningún comentario:
Publicar un comentario