mércores, 18 de novembro de 2020

 

Visita á paisaxe mediterránea de Cruzul:entre calizas e aciñeiras



    O 18 de novembro saímos do instituto o alumnado de 2º e 3º de ESO – acompañados por Ignacio, Antía, Luz e Fernanda- con destino Cruzul, para visitar un bosque de aciñeiras único nas nosas latitudes, que se debe, en parte, ao solo calizo e, en parte, á orientación sur da ladeira e ao cambio climático.

    Dende o instituto ata a aldea de Cruzul percorremos tres quilómetros: atravesamos o centro de Becerreá ata o Mercado Gandeiro, e alí deixamos a estrada de Quiroga tomando o desvío á dereita ata a rúa Triacastela -na zona dos chalés do Rivera-; ao rematar o pavimento collemos un fermoso sendeiro que se coñece como Camiño das Cerradas no que puidemos ver as primeiras mostras de calizas e aciñeiras.

    Xa en Cruzul fomos polo Camiño de San Martín ata a capela e voltamos sobre as nosas pegadas para dirixirnos ao noso destino final: O Aciñeiral e a Ponte de Carlos III.

    Sobre a Ponte de Cruzul Ignacio explicounos a súa historia que se remonta ao reinado de Carlos III cando modernizou as infraestruturas de España creando os camiños reais, base das 6 estradas nacionais de estrutura radial. Precisamente a Nacional VI Madrid- A Coruña foi o xerme da nosa vila, ata entón unha parroquia menor dentro da Comarca.

    Tamén aprendemos que o aciñeiral é raro nunha latitude tan septentrional como a nosa. A pesar de que o microclima de Cruzul fai posible a aciñeiras (árbore característica do clima mediterráneo), non se terían dado sen a presenza de solo calizo, parte da veta chamada Caliza de Vegadeo que atravesa o noso Concello de Norte a Sur.

    Despois de tomar a parva neste lugar tan especial, saímos cara o instituto seguindo a Vía Künnig pasando pola Venta de Cruzul, a gasolineira, Os Chafarotes, o Bar Correos, a Fonte dos Caños e Castelo. Entre os paseos por Cruzul e o camiño de volta completamos 10.5 quilómetros cunha metereoloxía de sol e calor impropia do mes de novembro, que xa anda ben entrado, nas vésperas da feira do 19.

PREME PARA VER O VÍDEO DA ACTIVIDADE





Ningún comentario:

Publicar un comentario