O IES de Becerreá conmemora este día con unha exposición fotográfica e do refraneiro popular sobre as Candelas
O 2 de febreiro celébrase o día das Candelas, unha festa que é de gran importancia na vila, posto que a virxe que leva ese nome é a patroa do lugar. Adoita celebrarse unha misa cunha procesión na que os fregueses portan candeas acesas.
Máis alá do significado relixioso, no noso centro quixemos dar visibilidade a esta festa que tamén ten un significado simbólico: a tradición di que é o momento no que se comeza a deixar atrás o duro inverno e comeza a achegarse a primavera, e con ela, o bo tempo.
A primavera trae luz e cor, e é cando casan os paxariños. Existe unha gran cantidade de refráns a propósito deste suceso, que nos gustou recoller nunha exposición para que todo o alumnado puidese lelos e lembralos.
Na exposición tamén se apuntou á orixe romana da festividade, xa que ó comezo foi unha festa pagá da fertilidade onde a luz e o lume tamén tiñan unha gran relevancia.
Ademais, como adoita suceder en moitas ocasións, esta data tamén se conmemora noutros lugares do mundo, así que o alumnado do centro, procedente doutros lugares (como Colombia ou Perú) tamén se viu representado nesta mostra con imaxes da Candeloria neses países, e outros.
Finalmente, o alumnado do equipo do EDL é o protagonista dun vídeo sobre unha enquisa realizada ás familias acerca de como viven nas súas casas esta festividade. As conclusións resultan moi interesantes, non volas perdades! Para velas, premede no vídeo:
Ningún comentario:
Publicar un comentario