domingo, 9 de febreiro de 2025

ACTIVIDADES DO DÍA DA PAZ 2025 NO IES DE BECERREÁ

O alumnado de Becerreá conmemorou este día recitando unhas cantigas en galego

No vestíbulo do IES de Becerreá presentouse o 30 de xaneiro unha exposición para conmemorar o Día da Paz e a non violencia. A temática versaba sobre as cantigas de amigo, e a decoración (coa colaboración co Departamento de Debuxo) estaba baseada na recreación dun pergamiño e unha serie de miniaturas. 

A este respecto, podemos destacar a Martín Codax, ó que tomamos como referencia, que é especialmente coñecido polas súas Cantigas de amigo, que se conservan no Pergamiño Vindel, un dos máis importantes manuscritos medievais galegos. Este pergamiño, datado no século XIII, contén sete cantigas de Codax e é unha das poucas fontes que preservan a súa obra. O Pergamiño Vindel é un tesouro literario e musical, pois ademais de recoller as letras das cantigas, tamén inclúe notación musical, o que permite reconstruír a melodía das pezas. As Cantigas de amigo de Codax son especialmente destacadas pola súa expresividade e pola súa capacidade de transmitir os sentimentos de amor e tristeza da protagonista feminina, á que se presenta como unha figura apaixonada e profundamente emotiva. A súa obra, transmitida grazas a este pergamiño, representa un fito na poesía medieval galega e na música da época.
O alumnado de 3º da ESO, guiados polo profesorado de Lingua Galega, elaborou as súas propias cantigas e recitounas diante de todo o centro!

Alumnado do IES de Becerreá no tempo do lecer, acudindo ás actividades do Día da Paz 

Á parte disto, o alumnado de Latín e Grego de 2º de BAC preparou unha serie de lecturas que teñen como temática principal, entre outras, a paz. Por unha parte, Lisístrata, que expón a particular solución grega para paz dunha serie de mulleres atenienses e espartanas para rematar coa guerra entre ambos bandos. Por outra, a Eneida e en especial a figura do heroe troiano Eneas, que encarna os valores do respecto entre pobos, a boa convivencia e a solidariedade. Tras reflexionar sobre as lecturas, redactaron unhas conclusións e expuxéronas a todo o centro no Día da Paz.
Por último, tamén se leron en voz alta unha serie de propósitos para a paz que todo o alumnado foi depositando ó longo da semana na Biblioteca, e rematamos escoitando a canción "Lisístrata", do grupo galego Fillas da Casandra


Para ver o desenvolvemento das actividades, preme no vídeo!




Ningún comentario:

Publicar un comentario