xoves, 27 de febreiro de 2025

AS CURUXAS DA REBOLA E ESCOLA DE PRENSA

As Curuxas da Rebola traballan en obradoiros literarios e na Escola de Prensa da revista escolar






Obradoiro de lettering no Día de Rosalía

As Curuxas da Rebola e a Escola de Prensa son dous proxectos nados no IES de Becerreá que teñen como finalidade promocionar o uso da lingua galega, sobre todo, na escrita. A través de diversos talleres de creación literaria, o alumnado participante pode achegarse á  nosa lingua dunha maneira creativa. 
Estes talleres botaron a andar en xaneiro e contan con alumnos e alumnas de varios niveis da ESO e Bacharelato. 
As Curuxas (nome que recibe o grupiño) xúntanse nos leceres na Biblioteca, acompañados do profesorado voluntario que axuda a dar forma ós pensamentos, emocións e ideas a través de diferentes exercicios literarios.
Como non hai a presión propia dunha aula, o alumnado marca os seus propios tempos e deixa voar a súa imaxinación de xeito único, dando lugar a creacións persoais e sen limitacións.  Estes traballos serán incluídos na revista escolar A Rebola e tamén presentados a concursos (por exemplo, o concurso de microrrelatos da RAG, ou o concurso do instagram #namórate). 
Nestes obradoiros aproveitamos para idear pezas relacionadas con días conmemorativos, como o Día da Paz, Día de Rosalía, Día da Muller...), que ademais son expostas en diversos puntos do centro. Ditos obradoiros son variados, dende a escrita propiamente dita, como a práctica do lettering, ata o uso da IA para realizar cancións e o deseño de marcapáxinas ou carteis.
Pero non só iso! Tamén son parte activa do equipo de alumnado do EDL, que vela porque as diferentes actividades se desenvolvan de xeito axeitado: gravan os vídeos, edítanos, montan os decorados, os puntos de lectura...
A Escola de Prensa, pola súa parte, encárgase de compilar información para redactar a revista (escriben artigos, compoñen críticas de obras lidas, realizan entrevistas a diferentes membros da comunidade educativa...) e tamén axudan a maquetala.

Todas estas tarefas, ademais, axudan a desenvolver o seu sentido crítico e autonomía. Feitos que, sen dúbida, lles serán de proveito para o futuro!

As Curuxas da Rebola (4º da ESO)



Ningún comentario:

Publicar un comentario