xoves, 27 de febreiro de 2025

AS CURUXAS DA REBOLA E ESCOLA DE PRENSA

As Curuxas da Rebola traballan en obradoiros literarios e na Escola de Prensa da revista escolar






Obradoiro de lettering no Día de Rosalía

As Curuxas da Rebola e a Escola de Prensa son dous proxectos nados no IES de Becerreá que teñen como finalidade promocionar o uso da lingua galega, sobre todo, na escrita. A través de diversos talleres de creación literaria, o alumnado participante pode achegarse á  nosa lingua dunha maneira creativa. 
Estes talleres botaron a andar en xaneiro e contan con alumnos e alumnas de varios niveis da ESO e Bacharelato. 
As Curuxas (nome que recibe o grupiño) xúntanse nos leceres na Biblioteca, acompañados do profesorado voluntario que axuda a dar forma ós pensamentos, emocións e ideas a través de diferentes exercicios literarios.
Como non hai a presión propia dunha aula, o alumnado marca os seus propios tempos e deixa voar a súa imaxinación de xeito único, dando lugar a creacións persoais e sen limitacións.  Estes traballos serán incluídos na revista escolar A Rebola e tamén presentados a concursos (por exemplo, o concurso de microrrelatos da RAG, ou o concurso do instagram #namórate). 
Nestes obradoiros aproveitamos para idear pezas relacionadas con días conmemorativos, como o Día da Paz, Día de Rosalía, Día da Muller...), que ademais son expostas en diversos puntos do centro. Ditos obradoiros son variados, dende a escrita propiamente dita, como a práctica do lettering, ata o uso da IA para realizar cancións e o deseño de marcapáxinas ou carteis.
Pero non só iso! Tamén son parte activa do equipo de alumnado do EDL, que vela porque as diferentes actividades se desenvolvan de xeito axeitado: gravan os vídeos, edítanos, montan os decorados, os puntos de lectura...
A Escola de Prensa, pola súa parte, encárgase de compilar información para redactar a revista (escriben artigos, compoñen críticas de obras lidas, realizan entrevistas a diferentes membros da comunidade educativa...) e tamén axudan a maquetala.

Todas estas tarefas, ademais, axudan a desenvolver o seu sentido crítico e autonomía. Feitos que, sen dúbida, lles serán de proveito para o futuro!

As Curuxas da Rebola (4º da ESO)



domingo, 9 de febreiro de 2025

A CANDELORIA 2025 IES DE BECERREÁ

 O IES de Becerreá conmemora este día con unha exposición fotográfica e do refraneiro popular sobre as Candelas

O 2 de febreiro celébrase o día das Candelas, unha festa que é de gran importancia na vila, posto que a virxe que leva ese nome é a patroa do lugar. Adoita celebrarse unha misa cunha procesión na que os fregueses portan candeas acesas.
Máis alá do significado relixioso, no noso centro quixemos dar visibilidade a esta festa que tamén ten un significado simbólico: a tradición di que é o momento no que se comeza a deixar atrás o duro inverno e comeza a achegarse a primavera, e con ela, o bo tempo. 
A primavera trae luz e cor, e é cando casan os paxariños. Existe unha gran cantidade de refráns a propósito deste suceso, que nos gustou recoller nunha exposición para que todo o alumnado puidese lelos e lembralos. 
Na exposición tamén se apuntou á orixe romana da festividade, xa que ó comezo foi unha festa pagá da fertilidade onde a luz e o lume tamén tiñan unha gran relevancia.



Ademais, como adoita suceder en moitas ocasións, esta data tamén se conmemora noutros lugares do mundo, así que o alumnado do centro, procedente doutros lugares (como Colombia ou Perú) tamén se viu representado nesta mostra con imaxes da Candeloria neses países, e outros. 
Finalmente, o alumnado do equipo do EDL é o protagonista dun vídeo sobre unha enquisa realizada ás familias acerca de como viven nas súas casas esta festividade. As conclusións resultan moi interesantes, non volas perdades! Para velas, premede no vídeo:



ACTIVIDADES DO DÍA DA PAZ 2025 NO IES DE BECERREÁ

O alumnado de Becerreá conmemorou este día recitando unhas cantigas en galego

No vestíbulo do IES de Becerreá presentouse o 30 de xaneiro unha exposición para conmemorar o Día da Paz e a non violencia. A temática versaba sobre as cantigas de amigo, e a decoración (coa colaboración co Departamento de Debuxo) estaba baseada na recreación dun pergamiño e unha serie de miniaturas. 

A este respecto, podemos destacar a Martín Codax, ó que tomamos como referencia, que é especialmente coñecido polas súas Cantigas de amigo, que se conservan no Pergamiño Vindel, un dos máis importantes manuscritos medievais galegos. Este pergamiño, datado no século XIII, contén sete cantigas de Codax e é unha das poucas fontes que preservan a súa obra. O Pergamiño Vindel é un tesouro literario e musical, pois ademais de recoller as letras das cantigas, tamén inclúe notación musical, o que permite reconstruír a melodía das pezas. As Cantigas de amigo de Codax son especialmente destacadas pola súa expresividade e pola súa capacidade de transmitir os sentimentos de amor e tristeza da protagonista feminina, á que se presenta como unha figura apaixonada e profundamente emotiva. A súa obra, transmitida grazas a este pergamiño, representa un fito na poesía medieval galega e na música da época.
O alumnado de 3º da ESO, guiados polo profesorado de Lingua Galega, elaborou as súas propias cantigas e recitounas diante de todo o centro!

Alumnado do IES de Becerreá no tempo do lecer, acudindo ás actividades do Día da Paz 

Á parte disto, o alumnado de Latín e Grego de 2º de BAC preparou unha serie de lecturas que teñen como temática principal, entre outras, a paz. Por unha parte, Lisístrata, que expón a particular solución grega para paz dunha serie de mulleres atenienses e espartanas para rematar coa guerra entre ambos bandos. Por outra, a Eneida e en especial a figura do heroe troiano Eneas, que encarna os valores do respecto entre pobos, a boa convivencia e a solidariedade. Tras reflexionar sobre as lecturas, redactaron unhas conclusións e expuxéronas a todo o centro no Día da Paz.
Por último, tamén se leron en voz alta unha serie de propósitos para a paz que todo o alumnado foi depositando ó longo da semana na Biblioteca, e rematamos escoitando a canción "Lisístrata", do grupo galego Fillas da Casandra


Para ver o desenvolvemento das actividades, preme no vídeo!




martes, 4 de febreiro de 2025

MAGOSTO EN COMPAÑÍA DE ALUMNADO DO CEIP SAN XOÁN

MAGOSTO 2024 NO IES DE BECERREÁ



Como non podía ser doutro xeito, nunha xornada de outono celebrouse no IES de Becerreá o Magosto, unha das festividades máis esperadas do alumnado pola diversión que a caracteriza. Os alumnos e alumnas de 4º da ESO organizaron un concurso baseado en xogos tradicionais galegos que remataba cunha tómbola na que cambiar os puntos acadados por premios. Entre estes pasatempos típicos podemos mencionar, entre outros, o xogo das cadeiras, a rá, a pesca con anzó, a mariola... No vídeo que presentamos aquí podédelos ver máis detalladamente. 
Pero isto non é todo! Este ano, ademais, contamos coa presenza dos nenos e nenas de 5º e 6º de primaria, que nos acompañaron e o pasaron xenial. A finalidade desta actividade, promovida polo ENDL, coa colaboración dos diversos departamentos e a implicación do alumnado organizador, non é outra que gozar dunha xornada lúdica e á vez fomentar elementos típicos da cultura galega como os xogos tradicionais. Xogos que, sen dúbida, a maioría coñece pero certo alumnado estranxeiro nunca tivera contacto con eles. 
Finalmente, os momentos de diversión remataron coa degustación de doces. Certamente, para repetir!