luns, 30 de xuño de 2014


Un premio pioneiro e único.
O PREMIO “IES de BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA
E A CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES” 
é un proxecto do Equipo de Dinamización Lingüística
destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes,
traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou
entidades comprometidas coa promoción e dignificación
social do noso patrimonio lingüístico e cultural
pertencentes á comarca de influencia do Instituto.


PREMIADOS "A PIPA DE BECERREÁ" E A
COOPERATIVA "A CARQUEIXA" POLA
DEFENSA DA LINGUA E CULTURA GALEGAS
Na primeira edición do Premio IES Becerreá á promoción
da Lingua e Cultura galegas a comisión do Insitututo que
o organiza decidiu maioritariamente outorgar os premios
á Asociación Cultural “A Pipa de Becerreá” (modalidade
de asociacionismo cultural), polos 25 anos de intenso
labor cultural que desenvolve na comarca a través do
Certame Literario que promove desde 1990 e no que ten
participado moitas xeracións de persoas da Comarca dos
Ancares e de fóra dela. Tamén pola celebración de “As
Noites Poéticas” desde o 1996, que trouxeron a Becerreá
aos máis salientables persoeiros da cultura galega, dende
Uxío Novoneira ou Manuel María, ata Manuel Rivas ou
María do Cebreiro. Por estas e outras actividades, a
Comisión decidiu outorgarlle o premio desta 1ª edición.


Dentro da modalidade da iniciativa privada, o premio
foille concedido por maioría á Cooperativa “A
Carqueixa”, con sede en San Román de Cervantes e con
ámbito de actuación no resto da Comarca dos Ancares.
Nesta caso, os méritos alegados foron a utilización da
lingua galega en toda a súa actividade corporativa e,
sobre todo, por defender un modelo de vida e produción
dentro da nosa Comarca que supón a defensa e
supervivencia dunha cultura propia.
O venres 13 de xuño, procedeuse á entrega nun acto
público dos galardóns.

Aquí tes o vídeo deste acto e aquí unha selección de fotos.