luns, 17 de xuño de 2024

Exposición de acrósticos compostos polo alumnado de 3º da ESO no vestíbulo do IES de Becerreá 





    Un acróstico (do grego ákros: «extremo», e stikhos: «liña», «verso» ou «estrutura») é unha composición poética ou prosaica cuxas letras iniciais, medias ou finais de cada verso ou oración, son lidas en sentido vertical e forman un vocabulario ou unha locución. Por extensión, chámase tamén acróstico á palabra ou frase formada coa composición acróstica.
    O alumnado de 3º da ESO de Lingua Galega, dentro do marco de actividades desenvoltas na materia realizou  as composicións inspirándose en diferentes temáticas, o traballo foi compartido co resto do centro cunha pequena exoisicón no vestíbulo.  Tamén as podedes disfrutar na conta de calameo do EDL, aquí abaixo tedes o enlace.

xoves, 13 de xuño de 2024

CELEBRACIÓN DA  8ª EDICIÓN DO PREMIO IES DE BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E A CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES


O grupo musical feminino Son de Cores gañadoras do 8º edición do premio.


    Hoxe, no salón de actos do centro tivo lugar a entrega do premio singular no ámbito educativo galego, orixinal e único. É este un premio para aqueles que no sector cultural e non cultural favorecen e impulsan a o noso idioma e a nosa cultura nesta comarca.

O PREMIO  “IES de BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E A CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES” nace no 2014 como proxecto do Equipo de Dinamización Lingüística  destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico e cultural e pertencentes á comarca de influencia do Instituto. O Premio  quere contribuír a ese obxectivo de recoñecer aos que no seu labor teñen en conta o noso e tamén implicar o conxunto da comunidade educativa na súa consecución, este ano o Premio foi concedido a un grupo de persoas cunhas fortes raíces na nosa comarca, raíces persoais, profesionais, culturais,  un colectivo cultural de MULLERES dos Ancares que deron moito pola comarca e decidiron seguilo dando dende a música propia, recuperándoa e manténdoa, elas son o grupo Son de Cores.

Son de Cores son un colectivo de mulleres que botan a andar no 2012 co obxectivo de colaborar na recuperación dun instrumento emblemático dos Ancares: “a pandeira”, son mulleres, mulleres concienciadas sobre a importancia de todas aquelas que século tras século foron o elemento fundamental de transmisión e supervivencia da literatura popular, da música popular dos Ancares, elas compoñen o círculo que (como din elas) afonda na “historia da nosa comunidade, entendendo como operan as desigualdades, por que saber como afectaron ás que nos precederon é unha lección de vida, de supervivencia e de superación”. Despois de toda unha vida sendo activistas seguen bulindo, cantando as súas propias historias, reivindicando con naturalidade a súa condición, reclamando ese espazo que lles corresponde por compromiso e historia. Estes sinais de identidade son os que decidiron que elas foran as premiadas por que representan o espírito do noso premio: comprometidas co idioma, comprometidas coa historia en feminino, coa nosa cultura e coas raíces ben chantadas  na nosa comarca.

Moitas grazas por agasallarnos coa vosa música que tamén é nosa.

PREME ABAIXO PARA VER O VÍDEO DO ACTO.






venres, 31 de maio de 2024

 

MARÍA REIMÓNDEZ NO IES DE BECERREÁ


    Este venres 24 de maio, a escritora María Reimóndez compartiu co alumnado de 2º e 3º da ESO do noso instituto unha hora de confidencias arredor da súa obra, do seu constante activismo e, como non, das súas orixes en Becerreá e como o noso concello aparece reflectido na súa obra.
 



    O coloquio entre maría e o alumnado tratou, en primeira instancia, da novela Corredora lida polo alumnado de 3º. A preguntas destes, María foi desvelando a inspiración, as experiencias e os porqués desa historia. Como ela viviu un tempo en Etiopía, como quería visualizar as mulleres que trunfan no deporte e tamén a dura vida en países que teñen serias dificultades para sobrevivir e non contan coa suficiente axuda do mundo chamado “rico”, ao contrario, seguen sendo tratados como colonias das que aproveitarse sen dar nada a cambio.
 
    Preguntada sobre o seu amplo activismo, ela devolveu a pregunta ao alumnado: “por que non sodes vós activistas con todo o que está ocorrendo ao voso redor e no mundo”.
 
    Tamén explicou que as súas raíces en Becerreá son profundas, que volve con frecuencia e que en varios dos seus libros aparece reflectida esta historia súa.
 
    María Reimóndez Meilán, nada en Lugo en 1975, é unha escritora galega, doutora en tradución e interpretación pola Universidade de Vigo. Cultiva tanto a narrativa e a poesía coma o ensaio e o teatro.
Leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realizou a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, todos na India, fundou a Organización Non Gobernamental de Cooperación ao Desenvolvemento Implicadas no Desenvolvemento que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral.
Como narradora, no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora. No ano 2005 quedou finalista do Premio Xerais con O club da calceta, que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano por Attilio Casteluci e o castelán por María José Vázquez Paz, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. A partir de aí publicou as novelas Pirata e En vías de extinción. Esta última dá inicio ao Ciclo dos elementos , unha serie de novelas independentes pero interconectadas, á que tamén pertencen A música dos seres vivos e o Premio Xerais 2014 Dende o conflito, ademais de As cousas que non queremos oír . En 2020 recibe o Premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero do Concello de Pontevedra por Cobiza.
    Tamén ten publicados numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil. No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha , personaxe ao que retornou con Volvo! O regreso de Usha. Ademais, publicou  seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest, Lía e as zapatillas de deporte -Premio Frei Martín Sarmiento 2010- e O Monstro das palabras . Para o público infantil publica tamén O xeito das froitas. Premio Frei Martín Sarmiento 2019 e A formiga destemida. En 2017 publica Corredora , dirixida ao público xuvenil e gaña o I Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade por Fóra do normal.

 

 

 

 Dúas alumnas do IES de Becerreá gañan o III Certame Escolar de IlustrarNÖS da Deputación de Lugo







As gañadoras Noa Digón Uría de 3º da ESO  e Noa López Villares de 1º de Bac asistiron ao acto que a Vicepresidencia da Deputación convocou e que tivo lugar no Pazo de San Marcos, 22 de maio.

    Co obxectivo de promover entre o alumnado a creatividade artística e plástica e achegarlle o gusto pola arte de ilustrar, o Departamento de Plástica do IES de Becerreá sumouse a esta iniciativa presentando varios traballos realizados polo alumnado, o resultado foi moi satisfactorio acadando dous traballos premiados neste III Certame.

Cada 30 de xaneiro, desde 2014 a área de cultura da Deputación de Lugo celebra o Día da Ilustración como xeito de impulsar esta arte, popularizar a obra de diferentes profesionais e animar á creación artística como punto de partida para novos valores da ilustración galega. Esta efeméride coincide co aniversario do nacemento de Castelao. O que outrora fora membro do Seminario de Estudos Galegos e do grupo Nós, creativo e divulgador a través de múltiples formas de expresión, deixou a súa pegada plasmada en numerosas ilustracións, caricaturas e escritos que o converten na cabeceira dunha grande lista de artistas que a nosa ilustración foi dando ao longo do tempo e que este 2024 lembra a figura do humorista gráfico, xornalista e publicista, Chichi Campos.

Parabéns ao alumnado pola participación e polo traballo desenvolto. Aquí podesdes ver os traballos premiados.



xoves, 30 de maio de 2024

O autor viveirense Primitivo Marcos imparte unha charla para o alumnado da ESO do centro





No marco de actividades programadas no centro para a participación  no proxecto da Deputación de Lugo Ilustrar-nós o autor viveirense Primitivo Marcos achegou o proceso creativo da banda ilustrada ao IES de Becerreá co ciclo “A aventura de ilustrar”.

A proposta inclúe unha exposición baseada no último traballo do debuxante viveirense, a adaptación a banda deseñada da novela “O paso do Noroeste”, de Xavier Queipo. A través de cadros orixinais e paneis explicativos, a mostra explica, cun carácter pedagóxico e divulgativo,  cada unha das etapa creativa do proceso de ilustración, dende a creación en bosquexos sinxelos da idea inicial ao remate a cor dun debuxo xa finalizado.

A exposición compleméntase cunha conferencia na que Primitivo Marcos explica ao alumnado o proceso de ilustrar un texto, os pasos que este implica e as súas dificultades, incidindo nas posibilidades que ofrece a imaxe para narrar contextos históricos. Na charla, tamén aborda a  figura de Castelao como referente da ilustración en Galiza e  a súa obra, na que destaca a capacidade de crear imaxes sinxelas pero cargadas de simbolismo.

Con esta iniciativa ofrécese ao alumnado a posibilidade de achegarse á tarefa de ilustrar un texto, que, mais aló da banda deseñada, se aplica noutros ámbitos como o da creación publicitaria,  o da animación ou o deseño de moda.

Así, ademais de fomentar a creatividade e achegar ao alumnado á lectura de banda deseñada, a proposta ofrece recursos para  valoración e o fomento da mirada crítica das ilustracións que adoitan acompañar os textos.

 

 



martes, 23 de abril de 2024

 Rebeca Losada visita o IES de Becerreá



    A actividade na que participaron o alumnado de 3º, 4º ESO e dúas alumnas de 2º de BAC parte do programa IlustrarNÓS da área de Cultural da Deputación de Lugo, unha actividade coa que achegar a ilustración aos centros escolares de primaria e secundaria da provincia a través do fomento da  creatividade. A idea é achegar ás xeracións máis novas o traballo de creadoras e creadores galegos neste eido.

    O estudantado formouse coa charla a cargo da ilustradora Rebeca Losada, que visitou o centro o 9 de abril.

    Rebeca naceu en  Lugo en 1982 é ilustradora e deseñadora. Actualmente reside en Madrid.

    Bióloga de profesión, con 26 anos cambia o mundo científico polo das artes apostando pola súa gran paixón: debuxar. Centra a súa actividade no mundo textil e editorial pero o seu amor pola música a leva a realizar numerosas portadas de discos e cartaces para diferentes artistas (Xoel López, Love os Lesbian, Rozalén, Vetusta Morla, Wilco...) ou locais de referencia como O Náutico de O Grove.

    Da música da o salto ilustrando múltiples eventos como festas populares ou festivais (festas de Maria Pita 2022 en A Coruña ou festas de Nadal 2022 de Santiago de Compostela), campañas publicitarias (Ecologistas en Acción), colaboracións con ongs internacionais (Save a Girl ou IMBALA) ou campañas en colaboración co consulado de España en Jerusalem ou Israel. Isto acabará por convertela nun referente no deseño gráfico de pósters e a realizar numerosos talleres e exposicións polo ámbito nacional. Unha das últimas este pasado verán na Casa Museo de María Pita de A Coruña.

    Recentemente é seleccionada por Meta como gañadora da campaña #apoiamosasboasideas.


luns, 26 de febreiro de 2024

 Celebración do "Día de Rosalía de Castro no IES de Becerreá"


Exposición dos traballos realizados polo alumnado de 3º ESO de EPV e 4º ESO de expresión artística.


Somos dos poucos pobos do mundo que temos unha muller referente, porque temos a Rosalía de Castro. O 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía, coincidindo coa data na que naceu no ano 1837; con flores e poemas dela celebramos o seu día, que é o que merecemos os galegos e galegas que falamos no idioma no que compuxo os poemas máis bonitos do mundo. Por iso, o Equipo de Dinamización da Lingua e o departamento de Lingua Galega do IES de Becerreá, agasallaron a todo o centro cun caravel e un libro editado e deseñado polo Departamento de Plástica, con orixinais portadas creadas polo alumnado.

O acto de celebración consistiu nun recitado con fondos de piano que interpretou o alumnado de música de 4º da ESO, no que se puxo de manifesto o afortunados  que somos de ter a Rosalía de Castro.

    PREME PARA VER O VÍDEO DO ACTO













martes, 20 de febreiro de 2024

 DÍA DA NENA NA CIENCIA

Dende o ano 2016, o 11 de febreiro celébrase o Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data establecida pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas para promover a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia


Exposición de infografías realizada polo alumnado de 2º,4º da ESO e 2º de BAC.

  


Durante séculos moitas mulleres científicas foron privadas de estudos, discriminadas, invisibilizadas e, incluso, sufriron a negación das súas aportacións e descubrimentos, dándolle a autoría dos mesmos aos seus compañeiros de investigación, ou a outros científicos homes que fixeron o mesmo descubrimento tempo despois.

    Con motivo desta data o alumnado da ESO e BAC realizou infografías de científicas que deixaron unha grande pegada na ciencia, cada grupo en relación coa materia do primeiro trimestre e en colaboración cos departamentos de Ciencias Naturais e Física e Química. Así o alumnado de segundo de BAC realizouna sobre coñecidas bioquímicas, o alumnado de segundo de ESO sobre físicas importantes e por último, o de cuarto de ESO sobre grandes xeólogas.

Así mesmo, desexamos que as alumnas esperten co seu exemplo de perseveranza, os seus descubrimentos e aportacións, a vocación científica de todas esas mulleres, adolescentes e nenas ás que, ata o de agora, se lles fixo pensar que a ciencia era cousa de homes. Porque o talento non ten xénero e a ciencia e a igualdade son vitais para conseguir o avance da sociedade dunha maneira sostible, consciente e democrática.


PARABÉNS POLO TRABALLO REALIZADO, E POLA CONCIENCIACIÓN COA CAUSA

luns, 12 de febreiro de 2024

 ENTROIDO 2024 IES DE BECERREÁ

O Departamento de Latín e Grego, e o EDL do centro realizaron un estudo das similitudes entre  as Lupercais romanas e ao Entroido Galego


Exposición Entroido 2024 Departamento de Latín, Grego e EDL.


  As 'Lupercalia' eran unhas festas que se celebaban o 15 de febreiro na Antiga Roma en honor a Luperco (divindade protectora dos rebaños). Reciben ese nome porque se facían nunha caverna do monte Palatino, onde, segundo a lenda, a loba Luperca amamantou a Rómulo e Remo (fundadores da cidade). Esta festividade tiña como obxecto promover a fertilidade das mulleres e purificar a sociedade. Estaba oficiada por uns sacerdotes especiais tamén chamados lupercos, dirixidos por un xefe chamado magister.

    As Lupercais contaban cun ritual ben definido: comezaba cun sacrificio dunha cabra ou dun can. A continuación, presentábanse no altar dous rapaces ós que se lles manchaba a fronte da sangue dos animais, e logo debían rir. Mentras tanto, os lupercos arrican a pel dos animais a tiras con forma de látegos e confeccionaban os seus taparrabos á vez que os asistentes entoaban cantos festivos. Logo, comezaba unha carreira pola cidade na que as mulleres se ofrecían a ser azoutadas cos látegos para favorecer a súa fertilidade. Finalmente, procedíase á celebración dun banquete dos sacerdotes coa carne dos animais sacrificados, e cada familia tamén celebraba nas súa casa con abundante comida.

Traballos alumnado latín e grego.

 

  Igual que nas Lupercais romanas, en Galicia os roles sociais están ben establecidos e en cada zona aparecen personaxes pinntorescos con características ben recoñecibles. Así pois, convén ir disfrazado e con ganas de divertirse. Sen disfrace córrese o risco de sufrir algún golpe de fusta, quedar cheo de fariña ou de formigas vivas ou a pagar unha ronda de viños. É a l e i !

  Estas festas teñen carácter propio, sobre todo na actualidade na que perderon significación relixiosa en relación cos ritos agrarios. Foi recuperada e mantida malia que en moitas ocasións se prohibiu polo seu carácter libertario.

  Ó igual que outras festividades, as divindades e festas pagás foron adaptadas ó Cristianismo. Así sucedeu coas Lupercais, que foron adaptadas na Candelaria, celebrada o 2 de febreiro, patrón de Becerreá, e relacionada tamén coa purificación.

  Por outro lado, a palabra 'entroido' deriva do termo latino "introitus", é  dicir,  "comezo",  facendo  referencia  á  entrada  na  primavera.  Este momento coincidía xusto antes da Coresma, momento no que está prohibido o consumo de carne.



  Neste  punto  é  onde  se  relaciona  co  termo  'carnaval',  que  tamén procede do latín "carnem levare", ousexa, "quitar a carne". 

Nun ambiente de festa, a xente disfrazábase para escorrentar ós espíritos malignos que podían estragar as colleitas que estaban por vir.


PREME AQUÍ PARA VER O TRABALLO EN CALAMEO

   Pero o Entroido no IES de Becerreá, forma parte da programación do EDL no empeño de celebrar as festas tradicionais, propias da  identidade cultural de Galiza. O alumnado de 4º da ESO, todos os anos organiza o Entroido con unha semana chea de actividades colectivas para toda a comunidade educativa, e ademais  dinamizan e dirixen o concurso de comparsas, queima do espantallo e degustación de doces feitos polo alumnado. Queremos agradecer o seu traballo e dedicación!

PARABÉNS AO ALUMNADO DE 4º DA ESO POLO SEU TRABALLO


PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO DO NOSO ENTROIDO



AQUÍ PODEDES VER AS COMPARSAS GAÑADORAS, O XURADO E AS PRESENTADORAS.











xoves, 1 de febreiro de 2024

Charla no IES de Becerreá sobre nomes de lugar e identidade galega



O alumnado de Latín e Grego do IES de Becerreá asistiu o venres 1 de febreiro a unha charla divulgativa sobre "Nomes de lugar e identidade galega" impartida no centro, ata onde se desprazou o profesor da Universidade da Coruña, Xosé Manuel Sánchez Rei. Os estudantes descubriron que a toponimia é capaz de transmitir abraiante información sobre a cultura e a historia doutros tempos e que constitúe unha valiosa ferramenta para sabermos máis de nós mesmos como pobo. Ademais, decatáronse da innegable relación entre o latín e os nomes de lugar de Galicia e da súa propia contorna.




martes, 30 de xaneiro de 2024

RECITADO POÉTICO DO ALUMNADO DE 3º DA ESO  DE LINGUA GALEGA, PARA CONMEMORAR O DÍA DA PAZ 

“Non hai camiño para a paz: a paz é o camiño"





O 30 de xaneiro celébrase este día, dedicado a conmemorar nos centros educativos unha cultura de non violencia e paz. A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro.


No Día da Paz, os centros educativos comprométense como defensores da Paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar. Nese día celébrase o aniversario da morte do Gandhi, líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza. Foi asasinado por defender estas ideas. O Día da Paz, pola súa temática xeral de non violencia, resolución de conflitos e convivencia, ocupa un lugar fundamental na educación de todos e todas.

Desde fai catro anos o departamento de lingua galega inspirado pola lírica trobadoresca medieval, na que a nosa lingua viviu unha etapa de esplendor, colabora coa celebración do Día da Paz cun recitado literario.

O alumnado ten que escribir cantigas, aínda que a temática non é o lamento pola ausencia do amado, a alegría polo reencontro, ou a paixón, senón a PAZ.

As cantigas compostas polo alumnado de 3º da ESO seguen tanto os recursos formais das mesmas, tales coma o paralelismo, leixaprén ou o refrán, como a temática pacifista.

Todo o alumnado de 3º da ESO participou no concurso de cantigas organizado polo centro, no que resultaron premiados/as: Lucía Freijo, cristina Fernández e David González.

        PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO











luns, 8 de xaneiro de 2024

 NADAL 2024


O EDL do IES de Becerreá desexa un BO NABAL a toda a comunidade educativa



 



  O alumnado do EDL, que se inspirou na tradición galega, levou a cabo a decoración do vestíbulo do centro. 

PREME NO VÍDEO PARA VER COMO FORON AS CELEBRACIÓNS DESTE ANO




NON MÁIS VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES








EXPOSICIÓN 2024 NON MÁIS VIOLENCIA CONTRA  AS MULLERES




           Durante a semana do 25-N celebramos no noso centro unha exposición de fotografías realizadas por alumnas con mensaxes alusivas a esta realidade.  Tamén se desenvolveu un obradoiro, orientado a alumnas e alumnos de 2º e 4º, centrado sobre o tema da violencia de xénero en contornas virtuais. Noutra charla, realizada dentro do Plan Director para a Convivencia e desenvolta polo formador da Garda Civil Héctor Méndez, para o alumnado de 3º da ESO, abordáronse as causas da mesma, as variantes que esta violencia presenta e os datos estatísticos máis reveladores deste tráxico fenómeno.