HOMENAXEAMOS AS CANTAREIRAS E RECOÑECEMEOS O LABOR DOS MAIORES QUE PRESERVARON A TRADICIÓN Ó LONGO DO TEMPO
O pasado 17 de maio celebramos un pequeno acto de conmemoración polo Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e á poesía popular.
Quixemos tamén poñerlle nome e rostro a algunhas desas persoas anónimas que foron, durante séculos, a memoria viva do noso pobo.
O alumnado do IES de Becerreá que recolleu cantigas das súas casas (Álvaro Gómez de 1º ESO, Cristina e Lucía de 4º, Daniel García e Laura Nuñez de 1º BAC). Sabemos que esa tradición non é algo do pasado, senón algo que latexa, que se canta e se lembra nos camiños, nas cociñas, nos seráns dos avós ou nos faladoiros ao pé da lareira. Carmen Digón, José Núñez, María Méndez, Iludina Martínez… e tantos outros nomes que nos emocionan porque son da nosa xente, xente brava, arroutada, que non calou cando había que cantar. Xente con sabedoría, con memoria, coa intelixencia de gardar e transmitir aquilo que hoxe é parte da nosa identidade. Eles e elas, sen saber quizais, alimentaron a Rosalía, a Curros, a Cunqueiro, a Fole... E tamén están nas músicas novas: nas voces das Fillas de Cassandra, da Banda da Loba, das Tanxugueiras.
Nese día quixemos dicirlles grazas, con todo o corazón. Grazas por manter viva a palabra cantada. A tradición oral non está nos libros. Está nas voces.
Para ver e escoitar como os nosos maiores cantan cancións populares, preme no seguinte vídeo:
Ademais, completamos o acto coa actuación dun grupo de alumnado e da Asociación Son de Cores, que ademais de deleitarnos con mostras de música tradicional, concedéronnos unha pequena entrevista coa que puidemos coñecer mellor a estas mulleres comprometidas e amantes da tradición.
Rematamos proxectando unha serie de vídeos que resaltan a lingua e a cultura galegas, no que os protagonistas son os membros da comunidade educativa do IES: o vídeo da nosa palabra favorita na nosa lingua materna, unha versión do "Dígocho eu!" (TVG) feita polo alumnado de Lingua Galega...
Para ver un resumo do acto do Día das Letras Galegas, preme no seguinte vídeo:
Os días 22 e 23 de abril o alumnado tivo a oportunidade de participar no Campus de emprendemento sostible promovido pola Deputación de Lugo.
Durante a xornada do día 22, o alumnado de 3º da ESO e de 1º de BAC participaron nunha formación sobre a sostibilidade, a innovación, o emprendemento e a economía circular. Nestes días coñeceron o concepto de economía circular e puideron observar de primeira man varios exemplos desta maneira de proceder. Debateron sobre a importancia e a necesidade da sostibilidade para o noso entorno, e a importancia de atoparnos nunha reserva da biosfera.
Remataron esta xornada fomentando a creatividade e a innovación mediante a procura de formas alternativas para facer os produtos que consumimos (un tetrabrick, unha estantaría modular, un paraugas ou un libro).
O día 23, o alumnado de 1º de BAC tamén se desprazou a Casa Quiñones en Navia de Suarna para participar nun taller de elaboración de fieltro. Alí Pedro, o xerente, contounos como xurdiu a idea de crear un espazo de coliving e coworking no rural, e como o compaxina con outras actividades. De seguido, Balazs explicounos e ensinounos o proceso de obter o fío e o fieltro a partir da lá das ovellas, amosándonos como realizar o cardado e rematando coa elaboración de varios obxectos de fieltro por equipos baixo as súas indicacións.
Dende o EDL apoiamos todas as iniciativas que poñan de relevo a concienciación ó alumnado e o fomento da perspectiva crítica ante os cuestións actuais. E, ademais, respaldamos e damos voz ás actividades desenvoltas na contorna do noso centro, de maneira que así, alumnas e alumnos, poden ver que as problemáticas do mundo actual están preto deles e que poden contribuír a poñerlles remedio na súa propia comarca.
O alumnado de 2º da ESO meteuse unha vez máis no papel duns atracadores para dar vida a unha divertida comedia dirixida profesorado do Departamento de Lingua Galega, e adaptada da obra orixinal do mesmo nome, do autor Manuel Núñez Singala. Un dúo de ladróns sen vocación, un director de banco máis delincuente que os propios atracadores, unha secretaria que parece inxenua pero que non o é tanto. Personaxes que fían unha disparatada trama na que a risa está máis que garantida. E tamén, como é norma do autor, unha obra que nos vai facer pensar, entre gargallada e gargallada, aínda que só sexa un pouquiño.
Esta vez, foi posta en escena no CEIP Plurilingüe San Xoán, de Becerreá, onde os alumnos e alumnas de primaria, familias e profesorado acudiron a vela o pasado mes de abril.
Este ano, como o Día do Libro coincideu co aniversario do pasamento de Castelao, o alumnado elaborou un material gráfico para conmemorar a obra e a figura do autor. O alumnado de 3º e 4º da ESO, na materia de Plástica, deseñou unhas imaxes a toda cor de 'Castelao pop', tomando como referencia as súas ilustracións. Ademais, completaron a exposición cunhas figuras que encheron cos seus textos.
Debuxante, caricaturista, ilustrador, escritor, historiador,... a súa obra amosa un profundo compromiso ético, social e político que se reflicte nos seus case dous centenares de obras.
Ademais, o grupiño de rapaces e rapazas que colabora nas iniciativas do EDL e da Biblitoeca, as Curuxas da Rebola, idearon uns marcapáxinas para agasallar o 23 de abril a todo o centro.
Finalmente, complementouse a exposición de Castalao coa mostra de todas as revistas do centro feitas ata o momento, dende os seus comezos ata o presente curso, para celebrar os 30 anos da publicación da Rebola. Dita exposición estará á vista na entrada ata final de curso.