luns, 22 de maio de 2023

 A Festa das Letras no IES de Becerreá

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, o Equipo da  Biblioteca  o Departamento de Lingua Galega e o Departamento de Debuxo,  prepararon a exposición no vestíbulo do centro para conmemorar o Día das Letras.


Exposición no vestíbulo do IES de Becerreá.

Neste traballo interdisciplinar, recóllense a todos e todas as autoras desde a primeira data na que se conmemora o Día das Letras Galegas.  O 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a Real Academia Galega a celebración do Día das Letras Galegas.

No IES de Becerreá recordamos aos autores e autoras premiados  nas sesenta pasadas edicións coa realización desta exposición conmemorativa.

 O traballo tamén inclúe os gravados creados polo alumnado  que participou no Obradoiro de ilustración  desenvolto na Biblioteca do centro pola ilustradora Laura Romero, onde o collage e a figura de Rosalía inspiraron o proceso creativo. Foron utilizados diversos materiais como periódicos, textos e imaxes de Rosalía de Castro, papeis de cores e estampados, etc. A aportación estética do Departamento  de Educación Plástica   e visual consistiu en dúas pinturas de Rosalía realizadas polo alumnado que fan desta exposición unha mostra verdadeiramente orixinal e única.

 

mércores, 17 de maio de 2023

LETRAS GALEGAS NO IES DE BECERREÁ

No IES de Becerrá pódese visitar a exposición de Fancisco fernández del Riego, figura homenaxeada deste ano.



Exposición Francisco Fernández del Riego IES de Becerreá

Profesor de Dereito Penal, comezou a militar nas filas do galeguismo na II República e foi un dos fundadores da Editorial Galaxia (1950). É autor dunha amplísima obra que abrangue case todos os xéneros.  Entre os seus traballos escritos cómpre subliñar, ao longo dun labor de máis de setenta anos, o Índice cultural e artístico do renacemento galego (1931), Presencia de Galicia nos vieiros do arte novo (1933), Cos ollos do noso espírito (Bos Aires, 1949), Escolma da poesía galega: os contemporáneos (1955), Escolma da poesía galega: o século XIX (1957), Manual de Historia da literatura galega (1971), Vocabulario castellano-gallego (1979), O río do tempo, unha historia vivida (1990), Un epistolario de Ramón Piñeiro (2000), e Camiño andado (2003), entre outras."


Durante varios días celébranse diversas actividades no IES de Becerreá para conmemorar O Día das Letras, data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua arredor da cal se celebran no noso país, e no estranxeiro, numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida. O 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a Real Academia Galega a celebración do Día das Letras Galegas.


Para facer a nosa persoal homenaxe non só a Francisco Fernández del Riego, senón a todos e todas as figuras galardoadas, o Equipo de Dinamización e Normalización Lingúística do IES de Becerreá realizou este vídeo divulgativo, no que se recorda as anteriores edicións da festa das nosas letras.





Concerto "MÚSICA E MEMES" no IES de Becerreá

O ciclo Música e Memes da Deputación de Lugo achega a música clásica ao alumnado do IES de Becerreá






Este luns tivo lugar o concerto  no centro  dentro do ciclo Música e Memes, impulsado pola Deputación de Lugo. 

A cita, que achega a música clásica ao alumnado, estivo destinada nesta ocasión  aos alumnos e alumnas de segundo, terceiro e cuarto de educación secundaria. O estudantado  disfrutou da música clásica dun xeito diferente con esta iniciativa que xira en torno ao Trío K. 498 Kegelstatt para clarinete, viola e piano, de W.A. Mozart. 



PREME PARA VER O VÍDEO




CORRELINGUA 2023

O alumnado de 3º da ESO do IES de Becerreá acode ao concerto da Mekánica Rolling Band en Lugo

Alumnado e 3º da ESO coa pancarta do IES de Becerreá.



 O alumnado de 3º da ESO do IES de Becerreá, sumouse a esta carreira pola lingua, en defensa do galego, baixo o lema "Na casa na escola bota a lingua fóra".

  O Correlingua non é só un acto puntual que coincide coa celebración do das Letras Galegas, senón unha actividade extensa no tempo que serve de pretexto para a normalización lingüística nos centros de ensino. De aí a importancia que lle concedemos á xornada, que transcurreu acopañada dun día soleado para percorrer, a Muralla de Lugo, entre risas, cancións, e animadas charlas. A chegada á praza da Catedral, estivo marcada pola defensa da lingua coa lectura do  Manifesto, e polo concerto da banda Mekánica Rolling Band

O vindeiro ano volveremos coa nosa pancanra en defensa do galego, participando na festa pola lingua.









xoves, 20 de abril de 2023

ANDAINA POLO CAMIÑO DE SANTIAGO



A actividade contou coa participación do alumnado de 3º d 4º da ESO, e desenvolveuse entre a localidade de Peruscallo e a de Portomarín, cuns 14 kms de percorrido. O noso alumnado tivo a oportunidade non só de coñecer o tramo e as paisaxes polas que transcorre esta etapa do Camiño de Santiago, senón que moitos e moitas tamén aproveitaron para compartir tramos de marcha e conversas, algunhas en inglés cando a situación o requiría, con outros peregrinos/as que ese día realizaban a ruta. Despois dun descanso en Mercadoiro, chegamos ao destino para comer e descansar, antes de ser atendidos con moita amabilidade por Mario e Jesús, dous bos coñecedores da historia da súa vila que nos acompañaron para explicarnos a historia, e tamén a intrahistoria, máis recente da antiga vila anegada e do actual Portomarín, despois do seu traslado por mor da construción do embalse de Belesar. O noso agradecemento a eles polas atencións prestadas e os parabéns para o alumnado participante pola súa actitude responsable durante toda a xornada.  

luns, 27 de marzo de 2023

Alumnado de 2º e 3º da ESO acode á estrea do documemtal "Muller no Rural", na Casa da Cultura de Becerreá





A visita a esta actividade, desenvolta na Casa da Cultura de Becerreá, foi organizada dende as titorías destes cursos e o Departamento de Orientación do centro, en colaboración con Servizos Sociais do Concello de Becerreá. O documental está protagonizado por veciñas do concello de diferentes xeracións que contan a súa historia persoal sobre a conciliación da súa vida persoal coa laboral: facerse cargo do coidado de fillas/os e maiores, afrontar á vez traballos en diferentes sectores como a gandería ou a hostelería, e sen esquecer a xestión e organización da casa.

 O documental pon de manifesto os cambios sociais acontecidos nos últimos anos, ao tempo que resalta a necesidade de desenvolver avances aínda pendentes cara a unha igualdade real no referenta ás responsabilidades cotiás e a conciliación. Con anterioridade á asistencia ao documental, o alumnado coñeceu o concepto de "conciliación" e algunhas alumnas prepararon preguntas e comentarios sobre o tema para participar activamente nun foro-conversa coas mulleres participantes e as traballadoras sociais do concello despois do visionado. Sen dúbida unha experiencia formativa para todos e todas, baseada na realidade da nosa contorna.

mércores, 22 de marzo de 2023

 Concurso de esopías en galego e francés no IES no IES de Becerreá

Alumnado fronte a exposición de esopías, no vestíbulo do centro.


Por primeira vez organizouse no noso centro, coordinado polo Departamento de Matemáticas, un concurso de esopías, en lingua galega e francés, no que o alumnado participante tiña que elaborar un relato, comentario ou poema cun máximo de 141 carácteres, onde cada palabra leva un número de letras (non está permitido o uso de cifras) igual ás sucesivas cifras do número Pi. Estas son as primeiras cifras do número Pi:3.14159265358979323846264338327. A lonxitude de cada unha das palabras que formen a esopía será cada un destes sucesivos números, que en total suman 141 (a primeira palabra tería 3 letras, a segunda 1, a terceira 4, ...). O concurso organizouse en dúas categorías. Nunha delas participou alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO; na outra, o de 4º e 1º de Bac. Houbo tamén un premio especial para unha esopía elaborada en francés polo alumnado da materia de 3º da ESO.





martes, 21 de marzo de 2023

Xustiza Poética polo día da Poesía

A celebración do día 21 de Marzo, Día Internacional da Poesía, na biblioteca do IES de Becerreá, estivo chea de sentido da xustiza poética.

As Sufraxustas visitaron as aulas do IES de Becerreá reivindicando xustiza poética a través do dereito ao verso. Explicaron que a través dun só verso podemos explicar todo un mundo, reivindicar o que nos pete, expresar os nosos sentimentos, berrar aquilo que nos doe ou preocupa. E convidaron a todo o alumnado da ESO a escribir un ou varios versos e reunirse en torno a unha urna no recreo na biblioteca.

O alumnado exerceu dito dereito de xeito solemne, responsable, libre e gratuito. Tamén grande parte do profesorado e do PAS. Foi toda unha celebración. Nas sesións seguintes cada grupo-clase na biblioteca realizou unha actividade de escrutinio, valorando en pequenos grupos os versos emitidos e combinándoos para crear poemas. Tamén se lle proporcionaron poemarios de autores e autoras galegas para escoller versos que mesturar cos da urna.

As creacións resultantes foron ben suxerentes e sorprendentes e estiveron expostas na biblioteca e nas redes sociais.

venres, 10 de marzo de 2023

 Celebracións do 8 de marzo no IES de Becerreá


Exposición mulleres nas letras, na música e na ciencia no IES de Becerreá



Foron varias as actividades realizadas polo 8 de marzo no IES de Becerreá, a primeira a  exposición do vestíbulo coordinada polo EDL do IES de Becerreá na que se recollían figuras femininas da literatura galega, no mundo da música e no da ciencia, ademais da exposición dos traballos realizados polo alumnado de Física e Química de 2º da ESO.

 



Desde o Equipo da Biblioteca , un grupo de alumnas voluntarias levou a cabo un bibliopicnic titulado "Anónimo era unha muller" .Invocando á primavera, con cestas de vimbio e flores, levaron parte da biblioteca polas aulas da ESO homenaxeando a escritoras de todos os xéneros, tanto de Galicia como de fóra.


No seu paso polas aulas, ademais de realizar lecturas en voz alta de fragmentos que elas mesmas escolleron e presentacións de obras, reivindicaron a visibilidade das mulleres no eido literario a través dun manifesto, no cal se referiron á dificultade no pasado das mulleres para ser publicadas, razón pola cal recorrían ao anonimato ou a pseudónimos. Tamén mencionaron o estereotipo que segue vixente na sociedade sobre a “literatura para mulleres” segundo o cal as mulleres só escriben para mulleres e sobre “cousas de mulleres” (unha literatura máis emocional, sobre temas como o amor romántico, a maternidade, etc) cando en realidade as escritoras levan abordando todo tipo de xéneros e dende hai moito tempo. Libros como Frankestein ou Harry Potter foron escritos por mulleres, e coñecelo para grande parte do alumnado resultou sorprendente.

Alumnas de ESO no bibliopicnic.


Para rematar as actividades realizouse un acto no que alumnas pertencentes ao EDL leron un emotivo manifesto pola igualdade, e o alumnado de 2º da ESO expuxo os traballos realizados  na materia de Física e Química. 


PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO DO ACTO

venres, 17 de febreiro de 2023

 Antroido 2023 no IES de Becerreá


Exposición de Antroido 2023 IES de Becerreá


Como todos os anos por estas datas celebramos o Entroido con diversas actividades, entre elas a exposición de cantigas de escarnio, inspirados en diferentes temáticas, compostas nesta ocasión, polo alumnado de 1º do BAC de Lingua Galega. As cantigas presentáronse  a concurso onde o xurado, formado por profesorado do centro fixo a súa escolla en función de diferentes parámetros como a orixinalidade, sarcasmo, composición, etc. Os gañadores tiveron o pracer de recitar diante de todo o alumnado e profesorado, as súas cantigas o día da celebración do Entroido.

PREME AQUÍ PARA LER AS CANTIGAS COMPOSTAS POLO ALUMNADO




O día 17 de febreiro celebramos os actos de Entroido co tradicional concurso de comparsas, parellas e máscaras individuais que resultaron do máis animado e divertido. A queima e procesión do espantallo tivo lugar no patio, como xa é típico no noso centro.
















PREME AQUÍ PARA VER COMO SE DESENVOLVERON AS ACTIVIDE




venres, 10 de febreiro de 2023

 RECITADO DE CANTIGAS PARA  CELEBRAR O DÍA DA PAZ 


Alumnado de 3º da ESO na Exposición de Cantigas  compostas polo alumnado.


O Departamento de Lingua Galega inspirado pola lírica trobadoresca medieval, na que a nosa lingua viviu unha etapa de esplendor, tivo a iniciativa de celebrar o Día da Paz con un recitado literario. O alumnado tiña que escribir cantigas, aínda que a temática non foi o lamento pola ausencia do amado, a alegría polo reencontro, ou a paixón, senón a PAZ . As cantigas compostas polo alumnado seguían tanto os recursos formais das mesmas, tales coma o paralelismo, leixaprén ou o refrán, ademais das variedades temáticas propias das cantigas e a introdución de temáticas novas, creadas polo alumnado.

O resultado en conxunto foi excelente, xa que se creou un   libro . Este traballo atopouse exposto no vestíbulo do centro para que todo o mundo se puidera achegar a desfrutalo, ademais podedes acceder a el online en calameo. 

PREME AQUÍ PARA VER I LIBRO REALIZADO POLO ALUMNADO


PREME AQUÍ PARA VER O ACTO COMPLETO.


xoves, 9 de febreiro de 2023

Obradoiro de ilustración inspirado en Rosalía de Castro para  conmemorar o seu nacemento


Ilustracións realizadas polo alumnado de 4º da ESO.

A principios de Febreiro visitou a nosa biblioteca a artista da ilustración Laura Romero. A súa rica formación académica, a súa bagaxe con proxectos como debuxante como Músicas Galegas Ilustradas ou Xela Árias, palabra á intemperie, así como a súa carreira musical como baixista de rock, e a súa mensaxe feminista presente en todas a súas actividades, fan de Laura Romero un referente interesante para o alumnado.


No obradoiro que levou a cabo na biblioteca, o collage e a figura de Rosalía inspiraron o proceso creativo. Foron utilizados diversos materiais como periódicos, textos e imaxes de Rosalía de Castro, papeis de cores e estampados, etc. O resultado foi sorprendente incluso para o propio alumnado que participou.

Aprendimos que a arte é transformadora e que podemos reivindicar aquilo no que cremos de moi diversas maneiras. E que Rosalía é eterna.

venres, 13 de xaneiro de 2023

Obradoiros de Baile galego e Danza urbana no IES de Becerreá


O profesor Rubén Amade director da escola de danza e espectáculos Gravitty de Lugo e Ismael Carcedo   profesor de Baile galego da asociación Abrente impartiron obradoiros de danza no IES de Becerreá.


Ismael Carcedo co alumnado de 4º ESO
Rubén Amade co alumnado de 1º de Bac

















Os obradoiros de danza organizáronse en distintas xornadas ao longo do curso, dous xéneros diferentes dentro do marco da danza popular hiphop, e danza tradicional, a idea é achegar este tipo de manifestación cultural en Galicia desde o eido da tradición e a modernidade. O Departamento de educación física, música e o EDL do centro participaron nesta actividade que o alumnado acolleu con gran aceptación.