luns, 24 de novembro de 2025

MAGOSTO 2025 CON XOGOS TRADICIONAIS

 XOGOS TRADICIONAIS POLO MAGOSTO NO IES DE BECERREÁ 

O IES de Becerreá celebrou un ano máis o seu xa habitual magosto, unha cita moi especial na que alumnado, profesorado e demais membros da comunidade educativa gozaron dunha tarde cargada de tradición, sabor e bo ambiente.

Nesta edición contamos coa participación da empresa XOTRAMU, procedente de Muimenta, que trouxo unha fantástica selección de xogos tradicionais galegos. Grazas á boa labor de Pepe e Quico, o patio encheuse de actividade, ledicia e colaboración, ofrecendo ao alumnado a ocasión perfecta para redescubrir e practicar xogos que forman parte do noso patrimonio cultural.

As castañas asadas, protagonistas da festa, fixeron as delicias de todas e todos os presentes, acompañadas por unha ampla variedade de doces típicos preparados polo alumnado de 4º da ESO. O seu traballo e implicación foron fundamentais para crear un ambiente cálido e festivo.

A música tamén tivo presenza destacada, envolvéndoo todo nun aire de celebración que reforzou o espírito de convivencia e participación.

Como é tradición, o IES de Becerreá e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizaron este encontro co propósito de fortalecer o vínculo do alumnado coa cultura e coas tradicións galegas, mantendo viva unha práctica que forma parte esencial da nosa identidade.

Para ver como se desenvolveu a actividade, preme aquí

Alumnas de 4º da ESO vendendo doces. 




TEATRO POLO SAMAÍN 2025

A SOMBRA QUE FALA

O alumnado de 4° da ESO deu vida a un conxunto de personaxes moi curioso: unha meiga galega, unhas bruxas romanas do século I, un cura, un espírito do bosque... Non vos perdades a representación dunhas peciñas teatrais nas que os alumnos e alumnas trataron de darlle visibilidade á orixe latina da lingua galega, e a valorar o galego como a lingua propia de Galicia. Podedes velas premendo aquí
Parabéns a todos os participantes polo esforzo e a creatividade!  


Adrián, Estela e Laura, despois da obra.

mércores, 5 de novembro de 2025

SAMAÍN 2025: PERSONAXES DE TERROR FEMININOS NA CULTURA GALEGA E NA CULTURA CLÁSICA

 SAMAÍN 2025: PERSONAXES MISTERIOSOS FEMININOS NA CULTURA GALEGA E NA CULTURA CLÁSICA 

CELEBRACIÓNS DE SAMAÍN NO IES DE BECERREÁ


A semana do Samaín no centro estivo repleta de actividades! Aquí vos deixamos unha mostra dunha delas: a exposición de personaxes de terror e misterio da cultura galega e da cultura romana e grega, feita en colaboración o EDL e o departamento de Latín, coa axuda do resto do profesorado e alumnado. 


Todo o mundo sabe xa que o Samaín é unha tradición ben antiga en Galicia, de orixe celta. Coincide coa noite de defuntos, aínda que en realidade era, antigamente, a data do final das colleitas e o comezo do inverno. A crenza era que o vivos e os mortos se xuntaban e facían certos rituais para pedir protección ante as almas malvadas. As cabazas (que tamén traballaron no noso centro os alumnos coa axuda do profesor de Debuxo, Miguel) usábanse baleiras con luces dentro, e as familias xuntábanse arredor dunha fogueira. 

Na época romana, salvando as diferenzas, existía a festividade do Mundus Patet, que conmemoraba o paso aberto do mundo dos vivos ó dos mortos a través dun gran buraco no centro da cidade de Roma. As familias tamén se xuntaban para celebrar e pedir protección e saúde. 

Así, o Samaín galego e as festas romanas comparten unha mesma esencia: o respecto pola natureza, polos ciclos do tempo e pola memoria dos que xa non están. Porén, cada un deles teñen os seus propios personaxes e divindades. Aquí podedes premer para saber máis sobre isto!