xoves, 15 de xaneiro de 2026

ENCONTRO POÉTICO CON NIEVES NEIRA E LUÍS VALLE

 LUÍS VALLE E NIEVES NEIRA NO IES DE BECERREÁ


O pasado venres 5 tivo lugar no IES de Becerreá un emotivo encontro poético co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, protagonizado polos poetas lugueses Nieves Neira, xornalista, e Luís Valle, xestor cultural e pintor. A actividade serviu tamén para estrear a sala recentemente reformada, un espazo pensado para acoller actos culturais e favorecer a creación literaria.

Ao longo da sesión, ambos os dous autores achegaron ao alumnado ao seu universo creativo a través da lectura e comentario dos seus poemas. O diálogo centrouse especialmente en Neve de agosto, o primeiro libro poético de Nieves Neira, un poemario intimista, cheo de referencias á paisaxe como vehículo de emocións e instantes;  en Alianza, de Luís Valle, un libro tamén intimista e amoroso, unha “anomalía” temática dentro da súa extensa traxectoria literaria, tal e como o propio autor subliñou e en Somos, o seu último poemario publicado este mesmo ano de temática social, para “experimentar e sentir”. 

A lectura de textos, acompañada de reflexións sobre a creación poética e a relación cos lectores, deu lugar a un encontro intenso, próximo e inspirador, que o alumnado acolleu con grande interese. Un magnífico inicio para este novo espazo cultural do centro.