luns, 19 de xaneiro de 2026

INAUGURACIÓN DO ESPAZO CREATIVO "MARÍA DO CEBREIRO"

 ACOLLEMOS Á POETA E INVESTIGADORA MARÍA DO CEBREIRO COMO PROTAGONISTA DA INAUGURACIÓN DO NOVO ESPAZO CREATIVO DO IES DE BECERREÁ


Na mañá do 15 de decembro, o IES de Becerreá viviu un acto moi especial coa inauguración dun dos seus novos espazos creativos, que desde agora leva o nome de “María do Cebreiro”. Con este motivo, o centro recibiu a visita da protagonista, destacada poeta e ensaísta, ademais de profesora da Universidade de Santiago de Compostela, fortemente vencellada á comarca de Becerreá. Así, preténdese visibilizar a traxectoria de mulleres da zona, celebralas e dar a coñecer o seu labor ó alumnado do centro.


María do Cebreiro converteuse así na primeira persoa homenaxeada dentro deste proxecto, cun emotivo acto no que se descubriu unha placa na súa honra nun dos novos espazos do centro. A homenaxe contou coa presenza do alumnado que forma parte do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDL), da súa coordinadora Iria Braña, do profesor de Lingua Galega Xosé María González e do profesor do centro e escritor Abraham Pérez.




LACASITOS NO IES DE BECERREÁ, COMO É TRADICIÓN, NO NADAL

ACTIVIDADES DE NADAL NO NOSO CENTRO

O remate do ano é sempre un momento propicio para mirar atrás con agradecemento e cara adiante con esperanza. No noso centro despedimos o ano dun xeito moi especial, compartindo momentos que fortalecen os lazos que nos unen como comunidade. Por iso, nesta publicación compartimos un vídeo no que se recolle como celebramos no IES de Becerreá o fin de ano, mantendo a tradición dos 12 lacasitos e gozando xuntos da nosa querida chocolatada de Nadal  nun ambiente de convivencia, alegría e colaboración que se vive no centro, así como unha mostra dos traballos realizados polo alumnado e polo profesorado, froito do esforzo diario, da creatividade e do compromiso compartido: un belén moi especial, onde aparecen estruturas da comarca e construcións características da nosa zona, unha árbore da Nadal con iluminación propia feita polo alumnado FP, os puntos de lectura, con libros da nosa tradición para entreternos nestas datas, a decoración das aulas e da biblioteca... 




xoves, 15 de xaneiro de 2026

ENCONTRO POÉTICO CON NIEVES NEIRA E LUÍS VALLE

 LUÍS VALLE E NIEVES NEIRA NO IES DE BECERREÁ


O pasado venres 5 tivo lugar no IES de Becerreá un emotivo encontro poético co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, protagonizado polos poetas lugueses Nieves Neira, xornalista, e Luís Valle, xestor cultural e pintor. A actividade serviu tamén para estrear a sala recentemente reformada, un espazo pensado para acoller actos culturais e favorecer a creación literaria.

Ao longo da sesión, ambos os dous autores achegaron ao alumnado ao seu universo creativo a través da lectura e comentario dos seus poemas. O diálogo centrouse especialmente en Neve de agosto, o primeiro libro poético de Nieves Neira, un poemario intimista, cheo de referencias á paisaxe como vehículo de emocións e instantes;  en Alianza, de Luís Valle, un libro tamén intimista e amoroso, unha “anomalía” temática dentro da súa extensa traxectoria literaria, tal e como o propio autor subliñou e en Somos, o seu último poemario publicado este mesmo ano de temática social, para “experimentar e sentir”. 

A lectura de textos, acompañada de reflexións sobre a creación poética e a relación cos lectores, deu lugar a un encontro intenso, próximo e inspirador, que o alumnado acolleu con grande interese. Un magnífico inicio para este novo espazo cultural do centro.