mércores, 7 de decembro de 2022

 CAMBIO CLIMÁTICO E SISTEMA ALIMENTARIO


  Todos os anos, no IES de Becerreá os Departamentos de Ciencias dedican varias xornadas para conmemorar  o Día da ciencia en Galego e reivindicar o uso da nosa lingua.

Luis Díaz Allegue é enxeñeiro químico pola USC e doutor pola URJC. Actualmente traballa en ANFACO como responsable de proxectos no eido da economía circular e a sustentabilidade. 
O cambio climático supón importantes retos para a seguridade alimentaria mundial. Os cambios a longo prazo de temperatura, humidade, patróns de precipitacións e a frecuencia dos fenómenos meteorolóxicos extremos xa están afectando ás prácticas agrícolas, á produción e á calidade nutricional dos cultivos. A sensibilidade dos xermes, microorganismos potencialmente produtores de toxinas e outras pragas aos factores climáticos suxire que o cambio climático pode afectar a aparición e intensidade dalgunhas enfermidades transmitidas por alimentos. Por iso hai que buscar medidas de mitigación ao mesmo tempo que se investigan fontes de proteínas alternativas, que poden converterse nos alimentos do futuro.

PREME PARA VER A CHARLA
   



O Día da Ciencia en Galego celebrou a súa primeira edición en 2010, promovido por sindicatos e asociacións de profesorado de ensino medio, como parte da contestación ao Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que obrigaba a impartir nas clases de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química en castelán. Así, no encontro "Sumemos en galego" celebrado en xuño de 2010 en Compostela, no que participou profesorado destas materias convocados pola CIG-Ensino e a Plataforma Queremos Galego, tomouse, entre outros, o acordo de promover "unha semana da ciencia galega e un día da ciencia galega".

Ningún comentario:

Publicar un comentario