venres, 10 de marzo de 2023

 Celebracións do 8 de marzo no IES de Becerreá


Exposición mulleres nas letras, na música e na ciencia no IES de Becerreá



Foron varias as actividades realizadas polo 8 de marzo no IES de Becerreá, a primeira a  exposición do vestíbulo coordinada polo EDL do IES de Becerreá na que se recollían figuras femininas da literatura galega, no mundo da música e no da ciencia, ademais da exposición dos traballos realizados polo alumnado de Física e Química de 2º da ESO.

 



Desde o Equipo da Biblioteca , un grupo de alumnas voluntarias levou a cabo un bibliopicnic titulado "Anónimo era unha muller" .Invocando á primavera, con cestas de vimbio e flores, levaron parte da biblioteca polas aulas da ESO homenaxeando a escritoras de todos os xéneros, tanto de Galicia como de fóra.


No seu paso polas aulas, ademais de realizar lecturas en voz alta de fragmentos que elas mesmas escolleron e presentacións de obras, reivindicaron a visibilidade das mulleres no eido literario a través dun manifesto, no cal se referiron á dificultade no pasado das mulleres para ser publicadas, razón pola cal recorrían ao anonimato ou a pseudónimos. Tamén mencionaron o estereotipo que segue vixente na sociedade sobre a “literatura para mulleres” segundo o cal as mulleres só escriben para mulleres e sobre “cousas de mulleres” (unha literatura máis emocional, sobre temas como o amor romántico, a maternidade, etc) cando en realidade as escritoras levan abordando todo tipo de xéneros e dende hai moito tempo. Libros como Frankestein ou Harry Potter foron escritos por mulleres, e coñecelo para grande parte do alumnado resultou sorprendente.

Alumnas de ESO no bibliopicnic.


Para rematar as actividades realizouse un acto no que alumnas pertencentes ao EDL leron un emotivo manifesto pola igualdade, e o alumnado de 2º da ESO expuxo os traballos realizados  na materia de Física e Química. 


PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO DO ACTO

Ningún comentario:

Publicar un comentario