Xustiza Poética polo día da Poesía
A celebración do día 21 de Marzo, Día Internacional da Poesía, na biblioteca do IES de Becerreá, estivo chea de sentido da xustiza poética.
As Sufraxustas visitaron as aulas do IES de Becerreá reivindicando xustiza poética a través do dereito ao verso. Explicaron que a través dun só verso podemos explicar todo un mundo, reivindicar o que nos pete, expresar os nosos sentimentos, berrar aquilo que nos doe ou preocupa. E convidaron a todo o alumnado da ESO a escribir un ou varios versos e reunirse en torno a unha urna no recreo na biblioteca.
O alumnado exerceu dito dereito de xeito solemne, responsable, libre e gratuito. Tamén grande parte do profesorado e do PAS. Foi toda unha celebración. Nas sesións seguintes cada grupo-clase na biblioteca realizou unha actividade de escrutinio, valorando en pequenos grupos os versos emitidos e combinándoos para crear poemas. Tamén se lle proporcionaron poemarios de autores e autoras galegas para escoller versos que mesturar cos da urna.
As creacións resultantes foron ben suxerentes e sorprendentes e estiveron expostas na biblioteca e nas redes sociais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario