Como era o mapa de Galicia hai 100 anos, charla da man de Rubén Castro Redondo
Dentro do programa “A Ponte” da
USC, Rubén Castro Redondo, profesor de Historia Moderna da facultade de
Humanidades de Lugo, estivo falando no IES Becerreá co alumnado de 2º de BAC de
“como era o mapa de Galicia hai 100 anos”.
Comentou que a organización territorial de Galicia
está baseada nas parroquias ou freguesías dende hai séculos: no catastro de
Ensenada de 1750 xa se recollían 3.700 parroquias, as mesmas ca hoxe; porén
mudaron as provincias, de sete a catro,
e os concellos, de 660 a 313.
O
alumnado procurou na rede documentos do mencionado catrastro de Ensenada no que
aparecían cuestións curiosas como que as xurisdicións das parroquias non lle
corrrepondía ao rei, como acontecía noutros territorios, por exemplo, Castela,
senón a nobres, mosteiros, señores… Así mesmo outras relativas a “quen mandaba”,
número de veciños, profesións, cultivos, etc.
O pasado 20 de decembro celebráronse unha serie de actividades no centro para festexar a chegada do Nadal e dar comezo a un breve periodo de descanso despois de tanto esforzo nos primeiros meses deste curso. E que mellor maneira de festexar estas datas que compartindo momentos xuntos!
Así pois, a xornada deu comezo coa representación da obra teatral titulada 'Atraco no banco', na que o alumnado de 2º da ESO se metía no papel duns atracadores para dar vida a unha divertida comedia dirixida e adaptada polo profesorado do Departamento de Lingua Galega. Foi posta en escena no salón de actos do centro, onde os alumnos e alumnas da ESO, o profesorado e o persoal de administración e servizos que así o desexaran acudiron a vela.
Tras a obra, tanto os estudantes da ESO como de BAC reuníronse no hall do edificio acompañados de antigos alumnos, profesorado e outros membros da comunidade educativa. Neste espazo compartiron amenos momentos, como comer os doce lacasitos (en lugar das tradicionais 12 uvas) e os roscóns de Reis acompañados de chocolate quente. Foi un momento ideal no que o grupo de pandereteiras amenizou a festa tocando algunha peza. Tamén se fixo un bingo con agasallos para os gañadores.
Dentro do programa A Ponte da USC, visitounos Miguel González Pereira, profesor contratado doutor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), adscrito ao Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral.
Para o alumnado de 1º e 2º de BAC falou da diversidade lingüística e comunicación intercultural, González Pereira destacou a importancia de recoñecer a variedade de linguas no mundo, tanto orais como de signos, e comprender como o entorno cultural inflúe na configuración das linguas. Falounos de variedades lingüísticas dentro das comunidades humanas e non de linguas entendidas ao xeito tradicional. No caso do Estado Español, a diversidade lingüística reflicte non só a coexistencia de varias linguas oficiais (galego, catalán, eúscaro, aranés e castelán), senón tamén dunha rica variedade de dialectos e sociolectos dentro de cada unha delas.
Este enfoque busca promover a comprensión mutua e o respecto entre culturas, esencial nun mundo globalizado. A preservación das linguas minoritarias e a educación plurilingüe son aspectos clave nas súas reflexións, co obxectivo de fomentar a interculturalidade e evitar a homoxeneización cultural.
Carlos Callón (Ribeira, 1978. Profesor no instituto San Clemente de Santiago de San Clemente de Compostela, doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios do Galego e do Portugués e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística) veu presentar O libro negro da lingua galega que documenta cinco séculos de represión e silenciamento do galego, desde 1480 ata 1986. A través de máis de 700 páxinas, o autor recompila testemuños e documentos, moitos deles descoñecidos ata agora, que evidencian as diversas formas de persecución sufridas pola lingua galega. Callón destaca a sorprendente resistencia do galego a pesar destes ataques, subliñando a importancia de coñecer o pasado para comprender o presente e traballar na súa recuperación.
O acto durou aproximadamente hora e media e espertou o interese e curiosidade do alumado asistente de 4º da ESO e 1º e 2º de BAC tanto polo extenso labor de documentación que require a obra como por algúns feitos que se relatan: castigos escolares, multas polo uso do galego en público ou queimas de libros.
Foto do alumnado coas autoridades e as traballadoras sociais.
Con motivo da conmemoración do Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, no IES de Becerreá celebráronse unha serie de actividades para solidarizarse con todas as vítimas da violencia de xénero e reivindicar a non violencia. Todo o alumnado, profesorado e demais membros da comunidade educativa participantes na iniciativa se amosaron concienciados sobre o feito de que a violencia machista debe ser erradicada da nosa sociedade en prol da igualdade entre homes e mulleres.
O ENDL e os distintos departamentos colaboraron para levar a cabo as seguintes iniciativas ó longo da semana:
O luns realizouse unha carreira deportiva para solidarizarse coas vítimas da violencia. Diferentes membros do Concello de Becerreá tamén amosaron o seu apoio a esta proposta sumándose á concentración silenciosa na praza do Concello e á lectura do manifesto en galego.
O martes fíxose unha exposición en galego sobre o papel da muller nos diferentres mitos clásicos abordada dende unha perspectiva de xénero, por iniciativa do Departamento de Latín e Grego en colaboración co EDL. O alumnado foi capaz de observar que certas situacións actuais xa tiñan os seus precedentes na mitoloxía grecolatina, como sucede con moitos outros ámbitos. Coa información actual e os avances en materia de igualdade, pódense cuestionar actitudes en mitos, contos e lendas que ata o momento quizais pasaban desapercibidas.
Sobre isto realizouse un pódcast que figura no perfil de instagram de dito departamento que ten como tema "Mitoloxía clásica e violencia de xénero. Unha reflexión crítica sobre os mitos": son unha serie de audiogramas con revisións dos mitos grecolatinos feitos polo alumnado de Latín e Grego.
O mércores, na Casa da Cultura e por iniciativa do Centro Social, gozouse da representación dunha obra teatral titulada "Becerreá en Negro", tamén en galego, que invita a reflexionar sobre este tema.
O xoves léronse poemas e cancións en galego, que foron expostos no hall, realizadas polo alumnado e profesorado do centro que denotan o grao de implicación de todo o instituto.
Por último, durante toda a semana, a entrada do edificio principal do centro vestiuse de violeta para solidarizarse coas vítimas baixo o lema "Somos a túa luz. O IES de Becerreá coas mulleres vítimas de violencia".
AQUÍ está o enlace á páxina do instagram onde está o pódcast sobre mitoloxía clásica e a muller.
Preme para ver o vídeo onde se ven as imaxes do reparto das dorsais, a carreira, o encontro coas autoridades locais do Concello e a lectura do manifesto en contra da violencia.
Finais do mes de novembro. Pleno outono na montaña. Bosques verdes tinguidos con todo tipo de tonalidades laranxas e amarelas. Hai un plan mellor que facer un roteiro polos Grobos e rematar cunha merenda?
Pois precisamente isto é que fixeron un grupo de dez sendeiristas, entre alumnado e profesorado, que emprenderon a aventura para apreciar esta beleza dos Ancares en todo o seu esplendor.
Os Grobos son unha paraxe natural localizada entre os concellos de Becerreá e As Nogais. Destacan as descomunais pedras calizas que compoñen esta espectacular paisaxe que está atravesada polo regueiro de Fontaos. O desgaste da pedra caliza, mineral soluble á auga, orixina formas cársticas que en ocasións simulan as estalactitas do xeo e ocos imposibles que aparecen entre castiñeiros.
Esta actividade desenvólvese no marco do noso programa de hábitos saudables e da posta en valor dos elementos que conforman a nosa prezada contorna. De seguro que gran parte do alumnado, sobre todo extranxeiro, e mesmo os propios habitantes das vilas, descoñecen o excepcional que é poder gozar dunha paisaxe así ó lado da casa. Así pois, esta iniciativa tamén cumpría coa finalidade de difundir a súa existencia e invitar a visitar os Grobos dun xeito respectuoso.