O IES de Becerreá contra a violencia ás mulleres
![]() |
Foto do alumnado coas autoridades e as traballadoras sociais. |
Con motivo da conmemoración do Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, no IES de Becerreá celebráronse unha serie de actividades para solidarizarse con todas as vítimas da violencia de xénero e reivindicar a non violencia. Todo o alumnado, profesorado e demais membros da comunidade educativa participantes na iniciativa se amosaron concienciados sobre o feito de que a violencia machista debe ser erradicada da nosa sociedade en prol da igualdade entre homes e mulleres.
O ENDL e os distintos departamentos colaboraron para levar a cabo as seguintes iniciativas ó longo da semana:
O luns realizouse unha carreira deportiva para solidarizarse coas vítimas da violencia. Diferentes membros do Concello de Becerreá tamén amosaron o seu apoio a esta proposta sumándose á concentración silenciosa na praza do Concello e á lectura do manifesto en galego.
O martes fíxose unha exposición en galego sobre o papel da muller nos diferentres mitos clásicos abordada dende unha perspectiva de xénero, por iniciativa do Departamento de Latín e Grego en colaboración co EDL. O alumnado foi capaz de observar que certas situacións actuais xa tiñan os seus precedentes na mitoloxía grecolatina, como sucede con moitos outros ámbitos. Coa información actual e os avances en materia de igualdade, pódense cuestionar actitudes en mitos, contos e lendas que ata o momento quizais pasaban desapercibidas.
Sobre isto realizouse un pódcast que figura no perfil de instagram de dito departamento que ten como tema "Mitoloxía clásica e violencia de xénero. Unha reflexión crítica sobre os mitos": son unha serie de audiogramas con revisións dos mitos grecolatinos feitos polo alumnado de Latín e Grego.
O mércores, na Casa da Cultura e por iniciativa do Centro Social, gozouse da representación dunha obra teatral titulada "Becerreá en Negro", tamén en galego, que invita a reflexionar sobre este tema.
O xoves léronse poemas e cancións en galego, que foron expostos no hall, realizadas polo alumnado e profesorado do centro que denotan o grao de implicación de todo o instituto.
Por último, durante toda a semana, a entrada do edificio principal do centro vestiuse de violeta para solidarizarse coas vítimas baixo o lema "Somos a túa luz. O IES de Becerreá coas mulleres vítimas de violencia".
AQUÍ está o enlace á páxina do instagram onde está o pódcast sobre mitoloxía clásica e a muller.
Preme para ver o vídeo onde se ven as imaxes do reparto das dorsais, a carreira, o encontro coas autoridades locais do Concello e a lectura do manifesto en contra da violencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario