mércores, 29 de abril de 2026

OTERO PEDRAYO 2026

 ANO OTERO PEDRAYO 2026

Con motivo da conmemoración do Ano Oteriano, no noso centro quixemos dar visibilidade ao recoñecido autor das nosas letras facendo unha exposición nos paneis da entrada principal. Neles, describimos a súa traxectoria de vida, a súa formación e o seu traballo a favor da cultura galega: como integrante do Grupo Nós, a súa labor na Editorial Galaxia... e, en conxunto, a súa postura galeguista que defendía a valía de Galicia e dos seus trazos distintivos. 
Para achegar ó alumnado ás súas obras, amosáronse nos puntos de lectura e tamén se leron en alto algúns dos seus libros, por exemplo, o coñecido Arredor de si e Contos de santos e Nadal






DÍA DO LIBRO 2026

 RECOMENDACIÓNS LECTORAS E CITA A CEGAS CUN LIBRO 

Para conmemorar o Día do Libro 2026, no IES de Becerreá fixemos unha exposición de recomendacións de lecturas no que participou todo o alumnado. Escribindo nunhas tarxetiñas os libros que querían recomendar, foise creando un panel cheo de novos libros por descubrir. Esta actividade está á vista de todos na entrada principal do centro, de maneira que todo aquel que pase por alí poderá achegarse para coller ideas de novas lecturas. 
Por outro lado, aproveitando un magnífico traballo desenvolto dentro do proxecto "Monte Vivo", que dirixe o profesor Miguel, colgáronse dunha das árbores máis recomendacións: libros de Otero Pedrayo con motivo do Ano Oteriano 2026, os lidos nos clubes de lectura do centro, e outros textos que poden ser de interese. 
Ademais, cunha iniciativa que parte do Equipo da Biblioteca, o alumnado pode levar prestado un libro pero... ollo! A graza da actividade está en que non se saberá que libro é ata que se abra. Desta maneira, os rapaces e rapazas poden descubrir novas lecturas dun xeito distinto e (quen sabe!) quizais namorar do libro que lles tocou! 






EQUIPO DE REDACCIÓN DA REBOLA 2026

XA SE PUXO EN MARCHA DA REDACCIÓN DA NOSA REVISTA DE CENTRO: A REBOLA 

O equipo de redacción da Rebola do curso 2025-2026 xa está formado e está traballando nos contidos da próxima revista. Os voluntarios, Abel, Lucas e Juan Diego (1º da ESO), Ana, Elena e Andrey (3º da ESO), Belén, Alejandra, Laura e Cristina (1º de BAC) e Tatiana (2º de BAC) idearon as seccións que tería a revista neste curso e organizáronse en equipos para sacar adiante o traballo. Ademais, Miguel, profesor de Debuxo, deseñará co alumnado de 3º da ESO a nova portada. 
Coma sempre, sairá do prelo a finais de xuño. Estamos desexando vela! 



NUNO, DE GRANDE AMORE, VISITA O CENTRO

CO GALEGO CHÉGASE MOI LONXE

No marco das actividades promovidas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Becerreá, o noso centro tivo recentemente a sorte de recibir a visita de Nuno Pico, líder do grupo galego Grande Amore, quen compartiu unha xornada moi especial co alumnado de Bacharelato e cos integrantes do EDL.

Durante o encontro, Nuno falou con moita proximidade sobre a súa experiencia persoal e profesional, explicando como conseguiu compaxinar os estudos coa súa paixón pola música. O artista tamén afondou no seu proceso creativo, contando como nacen as letras das súas cancións e como foi evolucionando ao longo dos anos ata converterse nunha das voces máis recoñecibles da escena musical actual.

A charla resultou especialmente enriquecedora para o alumnado, que puido coñecer de primeira man as dificultades, aprendizaxes e ilusións que acompañan o camiño artístico. Ademais, Nuno transmitiu unha mensaxe moi valiosa: que a creación en galego pode traspasar fronteiras e chegar moi lonxe. A traxectoria de Grande Amore, con concertos e xiras por distintos puntos de España e mesmo recentemente por México, é unha mostra clara da forza e da proxección da nosa lingua tamén no ámbito musical.

O alumnado participou activamente facendo preguntas, compartindo impresións e atopando nas palabras e na experiencia de Nuno unha referencia próxima e inspiradora. Sen dúbida, foi unha experiencia moi significativa que permitiu achegar ao alumnado á realidade da creación artística contemporánea en galego desde unha perspectiva auténtica e cercana.


Desde o IES de Becerreá queremos agradecer sinceramente a Nuno Pico a súa visita, a súa xenerosidade e a cercanía coa que compartiu a súa experiencia co noso alumnado. Foi un verdadeiro pracer contar coa súa presenza no centro e agardamos poder seguir desenvolvendo iniciativas que acheguen ao alumnado referentes culturais comprometidos coa lingua e coa creación galega.






DÍA DA LINGUA MATERNA 2026

 AS PALABRAS FAVORITAS NA NOSA LINGUA MATERNA

Seguindo a estela dos últimos anos, no marco das actividades promovidas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, preguntamos ao alumnado cal era a súa palabra preferida. No noso centro temos a enorme vantaxe de contar con rapaces e rapazas de diferentes procedencias, feito que, sen dúbida, aporta unha riqueza cultural considerable. Entre o alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de BAC, realizouse este vídeo onde quedan reflectidas as súas palabras favoritas en cadansúa lingua. Como non, o galego ocupa un lugar destacado no noso contexto e pódese observar nos particulares aportes dos nosos alumnos: algunhas son palabras cheas de sonoridade, outras evocan momentos da súa infancia, outras teñen particularidades léxicas e semánticas que non se atopan en ningún outro lugar. Desde o centro queremos dar visibilidade á diversidade lingüística da nosa contorna e poñer de relevo os rasgos distintivos da nosa lingua. 


Agardamos que vos guste!