mércores, 28 de outubro de 2026

 Samaín nos Ancares: lendas para ver, ler e compartir


Hai historias que pasan de xeración en xeración e que gardan a memoria e o misterio da nosa terra. Neste Samaín, no IES de Becerreá queremos darlles voz e convidarvos a descubrir algunhas das lendas da comarca dos Ancares.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDL), en colaboración coa biblioteca escolar, propón unha Hora de Ler especial na que se unen a lectura, a tradición oral e a creatividade. Todas as lendas desta actividade foron recompiladas polo alumnado do EDL, que tamén se encargou de realizar o vídeo.

Este venres, ás 10:00 horas, todas as clases de ESO e de 1º e 2º de FP Básica poderán gozar desta proposta nas súas aulas. A través do blog do EDL, proxectarase o vídeo no que cobran vida dúas historias da nosa comarca: A corza branca e O demo nos Ancares.

A sesión completarase coa lectura nas aulas doutras dúas lendas recompiladas polo alumnado do EDL: A lenda da Ponte de Gatín e O Coxo das Veigas. Catro relatos para achegarnos a lugares, personaxes e misterios que forman parte do noso patrimonio cultural.

Celebrar o Samaín é tamén escoitar as historias que nos contaron, compartilas e facer que sigan vivas. Con esta actividade queremos poñer en valor a riqueza da tradición oral dos Ancares e gozar do galego como lingua para contar, imaxinar e crear.

Grazas ao alumnado do EDL polo seu traballo de recompilación das lendas e de realización do vídeo, e á biblioteca escolar por compartir esta celebración arredor da lectura e das historias da nosa terra.

Este venres, na Hora de Ler, o misterio dos Ancares entra nas aulas. Bo Samaín e boas lecturas!