Iº PREMIO IES BECERREÁ
POLA
PROMOCIÓN DA LINGUA E CULTURA GALEGAS
NA COMARCA DOS ANCARES
BASES DO PREMIO DO
IES DE BECERREÁ AO EMPREGO E DIFUSIÓN DA NOSA LINGUA E CULTURA
O PREMIO “IES de BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E A CULTURA GALEGAS NA COMARCA
DOS ANCARES” é un proxecto do Equipo de Dinamización Lingüística destinado a recoñecer iniciativas, traballos
recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades
comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio
lingüístico e cultural pertencentes á comarca de influencia do Instituto.
Entregaranse dous premios que incidirán en 2 ámbitos,
un o do labor relacionado directamente coa lingua e cultura propia por parte de
persoas, asociación ou colectivos culturais e outro, o de iniciativas privadas
relacionadas co tecido produtivo, empresarial, comercial, etc., asentadas na
comarca dos Ancares.
O Premio quere contribuír a ese
obxectivo e implicar o conxunto da comunidade educativa na súa consecución.
Para isto, o Premio IES de BECERREÁ outorgarase de acordo coas seguintes
BASES
1. Concederanse dous premios de
promoción da nosa lingua e cultura na comarca diferenciando estes dous
ámbitos de actuación:
a)
Persoas,
asociacións, entidades ou colectivos involucrados ou que traballen directamente
no labor cultural.
b)
A iniciativas
privadas, empresariais ou comerciais relacionadas co tecido económico,
produtivo ou doutra índole desta comarca que se distingan polo uso do idioma e
no apoio e dignificación da nosa cultura.
2. Para conceder os
premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:
- tarefa continuada desenvolvida
en favor da promoción da lingua e cultura galegas
- actuacións concretas en
favor da dignificación social da lingua e cultura galegas
- uso habitual e digno do
galego nas súas actividades e nos seus servizos
- campañas de información
e/ou publicitarias en galego
- contribución á
galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural
O xurado poderá valorar
outros méritos, que dará a coñecer, das persoas, colectivos ou entidades que se
propoñan.
3. As candidaturas para o Premio poden
presentarse de calquera das seguintes formas:
- Os membros do xurado poden propoñer unha ou varias.
- Calquera persoa, entidade ou colectivo poderá presentar
unha ou varias candidaturas enviando ao IES de Becerreá (Castelo s/n/) ou por
correo electrónico (ies.becerrea@edu.xunta.es) unha proposta que inclúa o nome
e datos de contacto xunto cunha explicación das candidaturas na cal se incida
no uso do galego que se fai desde a proposta candidatada.
4. O prazo para a presentación de
candidaturas remata o día 14 DE MAIO DE 2014.
5. O xurado do Premio estará conformado polo director do Instituto,
os compoñentes do EDL do IES de Becerreá, o representante de nais e pais do
Consello Escolar e a Comisión de Alumnos/as conformada para elaborar propostas
e o desenvolvemento do Premio.
6. O xurado seleccionará
a entidade ou persoa premiada tendo en conta os obxectivos e finalidade do
premio, e pode optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelable.
7. Os premios serán entregados nun acto público ao cal se dará difusión polos
medios que determine o IES de Becerreá.
8. O premio, ademais de no seu carácter simbólico, será difundido na revista A Rebola e na páxina web do IES de
Becerreá así como nos outros soportes que o centro decida.
9. Quen obteña o Premio
poderá mencionar na súa comunicación externa e interna a posesión deste premio.