venres, 31 de maio de 2024

 

MARÍA REIMÓNDEZ NO IES DE BECERREÁ


    Este venres 24 de maio, a escritora María Reimóndez compartiu co alumnado de 2º e 3º da ESO do noso instituto unha hora de confidencias arredor da súa obra, do seu constante activismo e, como non, das súas orixes en Becerreá e como o noso concello aparece reflectido na súa obra.
 



    O coloquio entre maría e o alumnado tratou, en primeira instancia, da novela Corredora lida polo alumnado de 3º. A preguntas destes, María foi desvelando a inspiración, as experiencias e os porqués desa historia. Como ela viviu un tempo en Etiopía, como quería visualizar as mulleres que trunfan no deporte e tamén a dura vida en países que teñen serias dificultades para sobrevivir e non contan coa suficiente axuda do mundo chamado “rico”, ao contrario, seguen sendo tratados como colonias das que aproveitarse sen dar nada a cambio.
 
    Preguntada sobre o seu amplo activismo, ela devolveu a pregunta ao alumnado: “por que non sodes vós activistas con todo o que está ocorrendo ao voso redor e no mundo”.
 
    Tamén explicou que as súas raíces en Becerreá son profundas, que volve con frecuencia e que en varios dos seus libros aparece reflectida esta historia súa.
 
    María Reimóndez Meilán, nada en Lugo en 1975, é unha escritora galega, doutora en tradución e interpretación pola Universidade de Vigo. Cultiva tanto a narrativa e a poesía coma o ensaio e o teatro.
Leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realizou a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, todos na India, fundou a Organización Non Gobernamental de Cooperación ao Desenvolvemento Implicadas no Desenvolvemento que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral.
Como narradora, no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora. No ano 2005 quedou finalista do Premio Xerais con O club da calceta, que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano por Attilio Casteluci e o castelán por María José Vázquez Paz, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. A partir de aí publicou as novelas Pirata e En vías de extinción. Esta última dá inicio ao Ciclo dos elementos , unha serie de novelas independentes pero interconectadas, á que tamén pertencen A música dos seres vivos e o Premio Xerais 2014 Dende o conflito, ademais de As cousas que non queremos oír . En 2020 recibe o Premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero do Concello de Pontevedra por Cobiza.
    Tamén ten publicados numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil. No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha , personaxe ao que retornou con Volvo! O regreso de Usha. Ademais, publicou  seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest, Lía e as zapatillas de deporte -Premio Frei Martín Sarmiento 2010- e O Monstro das palabras . Para o público infantil publica tamén O xeito das froitas. Premio Frei Martín Sarmiento 2019 e A formiga destemida. En 2017 publica Corredora , dirixida ao público xuvenil e gaña o I Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade por Fóra do normal.

 

 

 

 Dúas alumnas do IES de Becerreá gañan o III Certame Escolar de IlustrarNÖS da Deputación de Lugo







As gañadoras Noa Digón Uría de 3º da ESO  e Noa López Villares de 1º de Bac asistiron ao acto que a Vicepresidencia da Deputación convocou e que tivo lugar no Pazo de San Marcos, 22 de maio.

    Co obxectivo de promover entre o alumnado a creatividade artística e plástica e achegarlle o gusto pola arte de ilustrar, o Departamento de Plástica do IES de Becerreá sumouse a esta iniciativa presentando varios traballos realizados polo alumnado, o resultado foi moi satisfactorio acadando dous traballos premiados neste III Certame.

Cada 30 de xaneiro, desde 2014 a área de cultura da Deputación de Lugo celebra o Día da Ilustración como xeito de impulsar esta arte, popularizar a obra de diferentes profesionais e animar á creación artística como punto de partida para novos valores da ilustración galega. Esta efeméride coincide co aniversario do nacemento de Castelao. O que outrora fora membro do Seminario de Estudos Galegos e do grupo Nós, creativo e divulgador a través de múltiples formas de expresión, deixou a súa pegada plasmada en numerosas ilustracións, caricaturas e escritos que o converten na cabeceira dunha grande lista de artistas que a nosa ilustración foi dando ao longo do tempo e que este 2024 lembra a figura do humorista gráfico, xornalista e publicista, Chichi Campos.

Parabéns ao alumnado pola participación e polo traballo desenvolto. Aquí podesdes ver os traballos premiados.



xoves, 30 de maio de 2024

O autor viveirense Primitivo Marcos imparte unha charla para o alumnado da ESO do centro





No marco de actividades programadas no centro para a participación  no proxecto da Deputación de Lugo Ilustrar-nós o autor viveirense Primitivo Marcos achegou o proceso creativo da banda ilustrada ao IES de Becerreá co ciclo “A aventura de ilustrar”.

A proposta inclúe unha exposición baseada no último traballo do debuxante viveirense, a adaptación a banda deseñada da novela “O paso do Noroeste”, de Xavier Queipo. A través de cadros orixinais e paneis explicativos, a mostra explica, cun carácter pedagóxico e divulgativo,  cada unha das etapa creativa do proceso de ilustración, dende a creación en bosquexos sinxelos da idea inicial ao remate a cor dun debuxo xa finalizado.

A exposición compleméntase cunha conferencia na que Primitivo Marcos explica ao alumnado o proceso de ilustrar un texto, os pasos que este implica e as súas dificultades, incidindo nas posibilidades que ofrece a imaxe para narrar contextos históricos. Na charla, tamén aborda a  figura de Castelao como referente da ilustración en Galiza e  a súa obra, na que destaca a capacidade de crear imaxes sinxelas pero cargadas de simbolismo.

Con esta iniciativa ofrécese ao alumnado a posibilidade de achegarse á tarefa de ilustrar un texto, que, mais aló da banda deseñada, se aplica noutros ámbitos como o da creación publicitaria,  o da animación ou o deseño de moda.

Así, ademais de fomentar a creatividade e achegar ao alumnado á lectura de banda deseñada, a proposta ofrece recursos para  valoración e o fomento da mirada crítica das ilustracións que adoitan acompañar os textos.

 

 



martes, 23 de abril de 2024

 Rebeca Losada visita o IES de Becerreá



    A actividade na que participaron o alumnado de 3º, 4º ESO e dúas alumnas de 2º de BAC parte do programa IlustrarNÓS da área de Cultural da Deputación de Lugo, unha actividade coa que achegar a ilustración aos centros escolares de primaria e secundaria da provincia a través do fomento da  creatividade. A idea é achegar ás xeracións máis novas o traballo de creadoras e creadores galegos neste eido.

    O estudantado formouse coa charla a cargo da ilustradora Rebeca Losada, que visitou o centro o 9 de abril.

    Rebeca naceu en  Lugo en 1982 é ilustradora e deseñadora. Actualmente reside en Madrid.

    Bióloga de profesión, con 26 anos cambia o mundo científico polo das artes apostando pola súa gran paixón: debuxar. Centra a súa actividade no mundo textil e editorial pero o seu amor pola música a leva a realizar numerosas portadas de discos e cartaces para diferentes artistas (Xoel López, Love os Lesbian, Rozalén, Vetusta Morla, Wilco...) ou locais de referencia como O Náutico de O Grove.

    Da música da o salto ilustrando múltiples eventos como festas populares ou festivais (festas de Maria Pita 2022 en A Coruña ou festas de Nadal 2022 de Santiago de Compostela), campañas publicitarias (Ecologistas en Acción), colaboracións con ongs internacionais (Save a Girl ou IMBALA) ou campañas en colaboración co consulado de España en Jerusalem ou Israel. Isto acabará por convertela nun referente no deseño gráfico de pósters e a realizar numerosos talleres e exposicións polo ámbito nacional. Unha das últimas este pasado verán na Casa Museo de María Pita de A Coruña.

    Recentemente é seleccionada por Meta como gañadora da campaña #apoiamosasboasideas.


luns, 26 de febreiro de 2024

 Celebración do "Día de Rosalía de Castro no IES de Becerreá"


Exposición dos traballos realizados polo alumnado de 3º ESO de EPV e 4º ESO de expresión artística.


Somos dos poucos pobos do mundo que temos unha muller referente, porque temos a Rosalía de Castro. O 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía, coincidindo coa data na que naceu no ano 1837; con flores e poemas dela celebramos o seu día, que é o que merecemos os galegos e galegas que falamos no idioma no que compuxo os poemas máis bonitos do mundo. Por iso, o Equipo de Dinamización da Lingua e o departamento de Lingua Galega do IES de Becerreá, agasallaron a todo o centro cun caravel e un libro editado e deseñado polo Departamento de Plástica, con orixinais portadas creadas polo alumnado.

O acto de celebración consistiu nun recitado con fondos de piano que interpretou o alumnado de música de 4º da ESO, no que se puxo de manifesto o afortunados  que somos de ter a Rosalía de Castro.

    PREME PARA VER O VÍDEO DO ACTO













martes, 20 de febreiro de 2024

 DÍA DA NENA NA CIENCIA

Dende o ano 2016, o 11 de febreiro celébrase o Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data establecida pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas para promover a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia


Exposición de infografías realizada polo alumnado de 2º,4º da ESO e 2º de BAC.

  


Durante séculos moitas mulleres científicas foron privadas de estudos, discriminadas, invisibilizadas e, incluso, sufriron a negación das súas aportacións e descubrimentos, dándolle a autoría dos mesmos aos seus compañeiros de investigación, ou a outros científicos homes que fixeron o mesmo descubrimento tempo despois.

    Con motivo desta data o alumnado da ESO e BAC realizou infografías de científicas que deixaron unha grande pegada na ciencia, cada grupo en relación coa materia do primeiro trimestre e en colaboración cos departamentos de Ciencias Naturais e Física e Química. Así o alumnado de segundo de BAC realizouna sobre coñecidas bioquímicas, o alumnado de segundo de ESO sobre físicas importantes e por último, o de cuarto de ESO sobre grandes xeólogas.

Así mesmo, desexamos que as alumnas esperten co seu exemplo de perseveranza, os seus descubrimentos e aportacións, a vocación científica de todas esas mulleres, adolescentes e nenas ás que, ata o de agora, se lles fixo pensar que a ciencia era cousa de homes. Porque o talento non ten xénero e a ciencia e a igualdade son vitais para conseguir o avance da sociedade dunha maneira sostible, consciente e democrática.


PARABÉNS POLO TRABALLO REALIZADO, E POLA CONCIENCIACIÓN COA CAUSA

luns, 12 de febreiro de 2024

 ENTROIDO 2024 IES DE BECERREÁ

O Departamento de Latín e Grego, e o EDL do centro realizaron un estudo das similitudes entre  as Lupercais romanas e ao Entroido Galego


Exposición Entroido 2024 Departamento de Latín, Grego e EDL.


  As 'Lupercalia' eran unhas festas que se celebaban o 15 de febreiro na Antiga Roma en honor a Luperco (divindade protectora dos rebaños). Reciben ese nome porque se facían nunha caverna do monte Palatino, onde, segundo a lenda, a loba Luperca amamantou a Rómulo e Remo (fundadores da cidade). Esta festividade tiña como obxecto promover a fertilidade das mulleres e purificar a sociedade. Estaba oficiada por uns sacerdotes especiais tamén chamados lupercos, dirixidos por un xefe chamado magister.

    As Lupercais contaban cun ritual ben definido: comezaba cun sacrificio dunha cabra ou dun can. A continuación, presentábanse no altar dous rapaces ós que se lles manchaba a fronte da sangue dos animais, e logo debían rir. Mentras tanto, os lupercos arrican a pel dos animais a tiras con forma de látegos e confeccionaban os seus taparrabos á vez que os asistentes entoaban cantos festivos. Logo, comezaba unha carreira pola cidade na que as mulleres se ofrecían a ser azoutadas cos látegos para favorecer a súa fertilidade. Finalmente, procedíase á celebración dun banquete dos sacerdotes coa carne dos animais sacrificados, e cada familia tamén celebraba nas súa casa con abundante comida.

Traballos alumnado latín e grego.

 

  Igual que nas Lupercais romanas, en Galicia os roles sociais están ben establecidos e en cada zona aparecen personaxes pinntorescos con características ben recoñecibles. Así pois, convén ir disfrazado e con ganas de divertirse. Sen disfrace córrese o risco de sufrir algún golpe de fusta, quedar cheo de fariña ou de formigas vivas ou a pagar unha ronda de viños. É a l e i !

  Estas festas teñen carácter propio, sobre todo na actualidade na que perderon significación relixiosa en relación cos ritos agrarios. Foi recuperada e mantida malia que en moitas ocasións se prohibiu polo seu carácter libertario.

  Ó igual que outras festividades, as divindades e festas pagás foron adaptadas ó Cristianismo. Así sucedeu coas Lupercais, que foron adaptadas na Candelaria, celebrada o 2 de febreiro, patrón de Becerreá, e relacionada tamén coa purificación.

  Por outro lado, a palabra 'entroido' deriva do termo latino "introitus", é  dicir,  "comezo",  facendo  referencia  á  entrada  na  primavera.  Este momento coincidía xusto antes da Coresma, momento no que está prohibido o consumo de carne.



  Neste  punto  é  onde  se  relaciona  co  termo  'carnaval',  que  tamén procede do latín "carnem levare", ousexa, "quitar a carne". 

Nun ambiente de festa, a xente disfrazábase para escorrentar ós espíritos malignos que podían estragar as colleitas que estaban por vir.


PREME AQUÍ PARA VER O TRABALLO EN CALAMEO

   Pero o Entroido no IES de Becerreá, forma parte da programación do EDL no empeño de celebrar as festas tradicionais, propias da  identidade cultural de Galiza. O alumnado de 4º da ESO, todos os anos organiza o Entroido con unha semana chea de actividades colectivas para toda a comunidade educativa, e ademais  dinamizan e dirixen o concurso de comparsas, queima do espantallo e degustación de doces feitos polo alumnado. Queremos agradecer o seu traballo e dedicación!

PARABÉNS AO ALUMNADO DE 4º DA ESO POLO SEU TRABALLO


PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO DO NOSO ENTROIDO



AQUÍ PODEDES VER AS COMPARSAS GAÑADORAS, O XURADO E AS PRESENTADORAS.