luns, 6 de outubro de 2025

PROXECTO: TAMÉN EN GALEGO EN BECERREÁ

 TAMÉN EN GALEGO EN BECERREÁ

UN PROXECTO INNOVADOR E MULTIDISCIPLINAR QUE PRETENDE AUMENTAR A PRESENZA DO GALEGO EN BECERREÁ E A CONTORNA


O proxecto “Tamén en galego” ten como finalidade fomentar o uso do galego e darlle visibilidade tanto a nivel formal como escrito en todos os ámbitos públicos e privados, empresariais e comerciais.

O primeiro obxectivo céntrase en fomentar o uso do galego e promover o seu uso destacado en establecementos e lugares. Para conseguilo, propóñense identificar aqueles espazos que xa empregan o galego, facilitar a incorporación da lingua galega en materiais escritos destes ámbitos, e manter un diálogo continuo para garantir unha implantación sostible. Para medir o éxito, analizarase o número de locais que aceptan modificar ou incrementar o uso do galego, a cantidade de documentación traducida e a percepción social recollida mediante enquisas. Entre as actividades previstas atópase a elaboración dun mapa lingüístico de Becerreá no que o alumnado rexistrará o uso do galego nos establecementos, unha campaña con carteis e adhesivos para locais que se sumen á iniciativa, e charlas con empresarios para explicar os beneficios do uso do galego.

O segundo obxectivo céntrase en trasladar á práctica escrita o uso maioritario do galego na lingua oral. Para iso, realizarase a identificación e documentación dos locais onde o galego predomina oralmente pero non por escrito, concienciarase aos responsables da importancia da coherencia entre fala e escritura, e ofrecerase asesoramento lingüístico para facilitar esta transición. Como indicadores de logro, analizarase o aumento de materiais escritos en galego, a comparación do uso oral e escrito antes e despois do proxecto, e o número de consultas lingüísticas recibidas. Entre as actividades destacan un diagnóstico sociolingüístico a través de entrevistas, a elaboración polo alumnado de propostas para adaptar documentos e materiais ao galego, e a creación dun servizo de apoio lingüístico desde o EDL.

O terceiro obxectivo consiste en recoñecer os establecementos que destacan polo uso do galego na rotulación, información escrita, publicidade e redes sociais. Para iso, elaborarase unha listaxe destes locais, difundiranse mediante recoñecementos e promocións, e avaliarase o impacto para animar a máis locais a sumarse. Os indicadores inclúen o número de locais recoñecidos, o seguimento en redes sociais e testemuñas de comerciantes. As actividades serán a entrega de premios e distintivos, a difusión en medios e redes sociais, e a organización dun roteiro lingüístico para identificar e dar visibilidade aos locais comprometidos.

As áreas de actuación do proxecto divídense en dous ámbitos principais: o público e o privado. No ámbito público traballarase con institucións como o centro de saúde, concello, xulgado, correos, Garda Civil e centro social, enfocándose na documentación, formularios, informes e sinais informativos. No ámbito privado abarcaranse sectores diversos, como a hostalaría (cartas, menús, carteis, prezos), supermercados (seccións, propaganda, bolsas), tendas (textil, ferraxerías, librarías), talleres, gasolineiras, notarías, administracións de fincas, xestorías, autoescolas, actividades de culto e funerarias.

A temporización prevista comprende todo o curso 2024-2025 e cursos sucesivos. No curso pasado incidiuse principalmente nos ámbitos públicos mencionados, e no privado traballarase con 14 locais de hostalaría e dúas funerarias.

Aquí o vídeo que recolle a información compilada polo alumnado no curso anterior, coa que fixeron un diagnóstico da situación para o punto de partida sobre o que comezar a actuar: 




Ningún comentario:

Publicar un comentario