luns, 2 de novembro de 2026

 

O Samaín enche de misterio o IES de Becerreá!

 

Cando chega o Samaín, algo estraño comeza a acontecer no IES de Becerreá… Os corredores énchense de segredos, aparecen criaturas arrepiantes e ata os zombis parecen espertar do seu sono! Este ano, no noso centro non faltaron as ganas de celebrar unha das épocas máis máxicas e terroríficas do calendario.

No hall do instituto instalouse unha exposición dedicada a diferentes lendas populares dos Ancares, como «A corza branca», «O Demo nos Ancares» ou a lenda da «Ponte de Gatín». O alumnado tivo a oportunidade de achegarse a estas historias e descubrir parte do noso imaxinario popular durante a hora de ler, unha actividade da que xa vos falamos con máis detalle nunha publicación anterior.

Pero o misterio non quedou aí! Tamén puidemos contemplar os fantásticos traballos realizados polo alumnado de Plástica: pequenas escenas de terror que recreaban cemiterios, casas embruxadas e outros recunchos dignos da noite máis arrepiante do ano. E todo iso elaborado con caixas de zapatos e moita, moitísima creatividade!

Os corredores do instituto tampouco escaparon á transformación. Co noso concurso de decoración de portas de Samaín, os diferentes grupos puxéronse mans á obra para converter as súas aulas en auténticos escenarios de medo. Arañeiras, criaturas misteriosas e decoración terrorífica tomaron os corredores nunha proposta na que, ademais de botar a imaxinación a voar, se apostou pola reutilización de materiais de refugallo. O grupo gañador levou como premio unhas entradas de cine. Parabéns a todos e todas polo traballo!

E, como o medo tamén pode escribirse, en colaboración coa Biblioteca organizamos un concurso de microrrelatos de terror. A creatividade e a imaxinación do noso alumnado deron lugar a historias capaces de poñer os pelos de punta. Moi pronto poderedes descubrir neste mesmo blog o relato gañador… Se vos atrevedes a lelo!

Por se todo isto fose pouco, o noso Club de Ciencias tamén quixo achegar o seu particular toque terrorífico cun experimento moi especial: conseguiremos espertar un zombi? A resposta e todos os detalles desta experiencia están no blog do Club de Ciencias, así que non deixedes de visitalo!

Entre lendas, historias de medo, portas terroríficas, relatos arrepiantes e experimentos sorprendentes, despedimos un Samaín cheo de actividade, imaxinación e participación.

A noite máis terrorífica do ano xa quedou atrás… pero non vos relaxedes demasiado. Que será o seguinte que andamos argallando?

Ningún comentario:

Publicar un comentario