BLOG DO Equipo de Dinamización Lingüística do
IES DE BECERREÁ
"A REBOLA"
domingo, 11 de marzo de 2018
IES de Becerreá a prol da IGUALDADE
"Se as mulleres paramos para o mundo" foi o lema que seguimos dende o EDL do centro para reivindicar a igualdade
Os actos conmemorativos comenzaron o pasado xoves día 8 de marzo cando profesoras e alumnas secundaron o paro convocado para o día 8 de marzo, concentráronse á entrada do centro por unha causa común .
Exposición alumnado Lingua Galega e Biblioteca
O Dertamento de Lingua Galega, o EDL do IES do centro, o Equipo da Biblioteca e o Departamento de música, traballaron coordinados para o acto de celebración do Día da Muller, o venres 9, no que se expuxeron as actividades realizadas para fomentar a igualdade entre xéneros.
As alumnas de Afondameto de Lingua Galega, Celia Pardo, Esther López e Paula Álvarez, de 1º de BAC, presentaron o acto, e realizaron un traballo de análise de cancións de marcada mensaxe feminista que elas mesmas traduciron ao galego, e que resultou moi interesante. Dende o Equipo da Biblioteca traballouse co alumnado de 1º da ESO que aportou imaxes daquelas mulleres (anónimas) ás que máis admiran (xustificando a súa elección nun breve texto que leron máis tarde). O Departamento de Música clausurou o acto ca interpretación musical de todas as alumnas, persoal non docente e profesoras, que fixeron valer a súa voz para expresar e reivindicar a igualdade. Foi un acto emotivo no que todas; alumnas e profesoras participamos, e do que toda a comunidade educativa quixo formar parte, para sumarse a esta causa. Aquí podes ver as fotos e debaixo, o vídeo.
VIDEO DO ACTO
martes, 27 de febreiro de 2018
ROSALÍA VIVE EN NÓS
"Rosalía vive en nós" foi o acto organizado polo alumnado de Afondamento en Lingua Galega de 1º de BAC para lembrar a Rosalía un ano máis.
Esther, Miguel, Celia, Xoel, Paula, Marcos e Nico leron o manifesto de María Reimóndez, ademais realizaron un video titulado "Rosalía vine en Nós", dirixiron a poxa literaria que resultou moi animada, cunha gran participacipación de alumn@s e profesor@s. Como novidade Bilal Khoursa recitou en árabe o poema de Rosalía "Airiños, airiños aires", que el mesmo traduciu.
Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que
as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis
pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade,
emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces
das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e
abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado,
a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se
nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das
montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro. Ela é o refacho que busca
abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do
futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa
forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de
xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de
todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e
transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da
nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila
para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes
do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa
clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da
xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos
os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que
cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a
lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa
contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o
termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de
eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela
utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a
sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende
o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que
sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista,
contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a
fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das
que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos
mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada
dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a
fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo
de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a
fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se
abre se o abrimos.
María
Reimóndez
domingo, 18 de febreiro de 2018
ENTROIDO 2018 IES DE BECERREÁ
Como cada ano o IES de Becerreá celebra o Entroido dunha maneira especial, a decoración para esta ocasión consistiu na realización de máscaras de Peliqueiro, na que cada alumno de 4º da ESO reflictiu a súa personalidade elixindo un animal co que se sentían identificados. Ademais o alumnado de 4º organizou os actos de celebración do Entroido (concurso de disfraces, quiema do espantallo e concurso de doces), nos que participamos tod@s de moi de moi boa gana.
Este ano o alumnado escolleuse como espantallo aos membros de "La manada" , espantallo que eles mesmos elaboraron.
Aquí deixamos o vídeo para que vexades como foi todo, e quixeramos salientar, polo seu significado especial, a parte na que Fran (4º da ESO) fai referencia ao espantallo deste ano e ao significado especial da súa queima nesta ocasión.
Por primeira vez celebramos no IES de Becerreá a festividade das Candelas.
Os alumnos de 1º da ESO do centro fixeron un excelente traballo para amosarnos a orixe e tradición desta festividade da vila de Becerreá.
A festa das Candela celébrase en Becerreá o 2 de febreiro, unha festa que se está a perder, e que queremos recuperar. Por iso o traballo dos nosos alumnos de 1º da ESO lévanos a reflexionar sobre a súa orixe e a celebración, que marca a metade do inverno, e a chegada dos días claros da primavera.
sábado, 30 de decembro de 2017
CELEBRACIÓN DO NADAL
O Nadal no IES de Becerreá é máis cun simple festexo.
O Equipo de
Dinamización Lingüística coa Dirección do centro coordinan esta festividade, na
que participa toda a comunidade educativa, como manda a tradición no noso
instituto, comida e música mesturáronse na xornada de festa do xoves 21 de
decembro. Entrañable
xornada festiva para dar comezo a unhas vacacións e poder desexarvos boas
festas, esperando que o 2018 sexa o máis afortunado posible. Grazas pola
planificación e pola participación de tod@s vós.
Chocolatada Grupo musical do IES "Obertura Galega
Comenzan
as celebracións ás 12:00, despedida do ano 2017 coas badaladas de
rigor e os 12 "Lacasitos". A continuación, Chocolatada e Roscón de
Reis.
Polo serán deu
comezo o Concerto de Nadal organizado polo departamento de Música. O grupo de músical do centro “Obertura Galega" foi o encargado de abrir o acto. Finalizadas as actuacións dos distintos grupos, deuse paso a un
participativo concurso de Karaoke.
Concerto de Nadal
Concurso de Karaoke
Bo Nadal a tod@s
domingo, 10 de decembro de 2017
CHEGA O NADAL
Os preparativos das celebracións de Nadal están aquí
Coordinado polo equipo de Dinamiación Lingüística do centro, os alumnos das titorías de 3º e 4º da ESO participaron nunha xornada de convivencia fora do horario lectivo. Nesta tarde de venres os alumnos traballaron na decoración de Nadal e desfrutaron dunha chocolatada e doces. Ademais como novidade o alumnado de Tecnoloxía de 4º, usando vasos de plástico e outros elementos (como un detector de presenza para que se ilumine) realizou un boneco de Neve.
Alumnos de 4º de Tecnoloxía fabricando o Boneco
martes, 28 de novembro de 2017
BECERREÁ EN NEGRO EN NEGRO VIOLENCIA
Con grande implicación do alumnado do centro, na semana do 20 ao 24 de novembro tiveron lugar as distintas actividades programadas para denunciar e sensibilizar sobre as situacións de violencia física e psíquica que viven moitas mulleres a diario
Das xanelas e doutras partes do instituto colgaban prendas e teas negras, en sinal de loito polas mulleres que están a vivir esta traxedia; o alumnado acudiu tamén vestido de negro; da nosa "árbore dos dereitos humanos", e doutros paneis e portas, penduraban carteis reivindicativos e de denuncia; os alumnos e alumnas de 1º da ESO realizaron un mural con "post-it" debuxados, invitándonos a rebelarnos contra os maltratadores cando recoñezamos a un deles; alumnado de 3º confeccionou e repartiu lazos entre o alumnado e profesorado do centro; e un grupo de alumnas e alumnos de 1º de BAC elaboraron e executaron unha emotiva Haka coa que representaron o seu desafío aos violentos, ao tempo que salientaban a forza solidaria da mobilización do colectivo feminino.
O venres día 24, estes mesmos alumnos e alumnas de 1º de BAC acudiron ao acto organizado polo Concello de Becerreá, no que tres alumnas (Blanca, Gabriela e Paula) leron un manifesto orixinal no que expresaron o seu rexeitamento absoluto ao machismo e a violencia exercidos sobre as mulleres.