BLOG DO Equipo de Dinamización Lingüística do
IES DE BECERREÁ
"A REBOLA"
luns, 9 de outubro de 2023
Obradoiro de
escrita a prol do galego, con Ana Carreira para o alumnado de 2º da ESO no IES
de Becerreá
No marco das actividades do Correlingua cara ao
2024, o IES de Becerreá participou no obradoiro de escrita “Desata a Lingua” impartido por Ana Carreira. Xenio e figura,
chegou, veu e venceu. A rapazada entregada desde o primeiro momento: actividade
creativa a partir dunhas imaxes e dunhas frases poderosas.
Esta muller luguesa, actriz, dramaturga,
narradora, contacontos, monitora de teatro, etc, etc, deixou claro, unha vez
máis, que a creación, a imaxinación, a sensibilidade combinan moi ben coa xente
nova.
Os obradoiros de escrita son unha proposta de carácter lúdico-educativo que
pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar na reivindicación
do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como
galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu
futuro.
sábado, 17 de xuño de 2023
CELEBRACIÓN DA VII ENTREGA DO PREMIO IES DE BECERREÁ AO EMPREGO E A DIFUSIÓN DA CULTURA E A LINGUA GALEGA NA COMARCA DOS ANCARES
O pasado 16 de xuño no
salón de actos do centro ás 12 da mañá celebrouse a VII edición da entrega PREMIO
DO IES DE BECERREÁ AO EMPREGO E DIFUSIÓN DA LINGUA E CULTURA GALEGA NA COMARCA
DOS ANCARES, asistiron ao acto a Coordinadora territorial dos EDLG da provincia
de Lugo Pilar TeiJeiro, os premiados/as, e toda a comunidade educativa.
Este ano ten un valor especial xa que por mor
da pandemia deixamos de desenvolver este proxecto no que se recoñece aos
premiados/as pola promoción da lingua e a cultura galega na nosa comarca. Nesta
VII edición o galardón foi para a actriz
barallesa Carmen Méndez e o grupo cervantego Os Xardois.
O acto conducido por
dúas alumnas de 1º da ESO e 1º de BAC contou coa actuación do alumnado de 4º da
ESO que recitou “Letanía” de Uxío Novoneyra, tamén interviron o Director do
centro Fernando Cerecedo e Pilar Teijeiro, así coma os premiados e a premiada.
A
Asociación Cultural Os Xardois nace
no ano 2008 en Doiras (Cervantes) entre os pais e nais de un grupo de nenos/as
escolarizados nos colexios de Doiras e San Román de Cervantes co obxecto de que
os seus fillos/as aprendera tocar un instrumento, socializaran e co tempo
chegaran a formar un grupo de música tradicional.
Comezaron sendo naquel momento uns 35 socios
aproximadamente e nunha das primeiras reunións decidiron que a denominación do
grupo sería a palabra típica da zona da zona; o nome de algo cuxo termo só se
empregara na montaña de Cervantes. De ese pensamento naceron: “Os Xardois”. Todos
os sábados do calendario escolar pola mañá dende o 2008, ese grupo de nenos/as
ían a clases de música tradicional e baile rexional ata chegar a formar una agrupación
que actualmente ten como socios/as a son maiores de idade.
Na actualidade, somos 22 membros no grupo musical:
Manuel, Tania, Noelia, Adrián, Lorena, Nerea, Silvia, Miriam, Eva, Lucía,
Andrea, Cynthia, Gloria, Claudia, Migue Laura, Borja, Celtia e as nosas dúas
nenas menores de idade: Aldara e Leyre (novasintegrantes). Os Xardois seguimos
dende os inicios conservando os mesmos fins: difund musical da zona naqueles
pequenos eventos e festexos dos que nos chaman para animar unha zona moi
marcada polo despoboamento e a poboación envellecida, así como recuperar e
poñer en valor as costumes da comarca dos Ancares a través do eido da música
organizando actividades como o entroido ou o magosto.
Carmen Méndez exalumna
do IES de Becerreá estudou Enxeñaría Química na Universidade de
Santiago de Compostela de Lugo. Estudou interpretación na escola
Réplika Teatro e tamén se formou con Fernando Piernas, Montxo
Armendáriz e Fernando Franco. Tamén estudou violín no Conservatorio
Profesional de Música de Lugo.
En cine traballou na
longametraxe Bad Investigate, da produtora portuguesa Lightbox Filmes e
protagonizou Pelerinaxes, longametraxe documental dirixida por Simone
Saibene que gañou ex-aequo o primeiro no Festival de Cinema de Avança
(Portugal).
En televisión traballou na
serie da TVG Pazo de familia, personaxe pola que foi proposta dúas veces
ós Premios Mestre Mateo como mellor actriz secundaria. Tamén
participou en Serramoura e formou parte do elenco da serie Auga
seca, de Portocabo e Spi e de Élite. Actualmente é un dos personaxes
principais da serie da TVG Saudade de ti. En 2019 entrou na
xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual.
PREME PARA VER COMO FOI O ACTO
mércores, 14 de xuño de 2023
QUE OPINAS DO GALEGO?
É o segunda vez que o Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega realiza esta enquisa para medir o uso do galego, e facer un estudo do uso do mesmo ao longo do tempo. As conclusións obtidas foron as seguintes:
• Os alumnos utilizan o galego maioritariamente para relacionárense cos seus compañeiros do Instituto, tanto na expresión oral coma na escrita. Este nivel de uso é moito maior có que teñen os rapaces da súa idade da provincia de Lugo. Se os comparamos co do resto de Galicia, a diferenza é aínda maior.
• Noutros ámbitos sociais, con excepción da familia, a utilización do galego é menor ca no Instituto.
• O alumnado percíbese cun nivel de competencia oral semellante nas dúas linguas.
• Que utilicen o galego ou o castelán no IES, vén condicionado en gran medida pola lingua que se utilice na familia.
• Cando os nosos alumnos cursaron Primaria o uso do castelán entre eles era moito maior có empregado no ámbito familiar.
• Tendo en conta todo o anterior podemos concluír que tanto o ambiente social coma a Ensinanza Primaria son desgaleguizadores con respecto ás familias.
• É galeguizador o Instituto?
Poderíase pensar que unha forma de medilo sería ver como varía o uso do galego ó longo dos catro cursos da ESO. Sen embargo ó ser grupos tan reducidos, as conclusións que se poderían tirar a partir destes datos serían moi pouco fiables.
No IES, hai cunha considerable presenza do galego tanto nas clases —segundo as enquisas impártense o dobre de materias en galego ca en castelán— coma no resto das actividades lectivas. O alumnado recoñece o centro como unha entidade promotora do galego.
Con todo o anterior conséguese chegar a un nivel de uso do galego no Instituto semellante ó do ámbito familiar. Sen embargo non se logra trascender do ámbito educativo e noutros ámbitos sociais o uso do galego é minoritario.
Preguntados sobre o
nivel de uso do galego nos vindeiros 5 anos, os alumnos do Instituto teñen unha
visión máis pesimista que os datos do IGE.
Alumnas de 2º da ESO participaron no V Congreso Científico da Montaña
Noa, Cristina e Lucía, alumnas de segundo da ESO do IES de Becerreá, participaron no V Congreso Científico da Montaña
Como cada ano o IES de Becerreá participa neste Congreso Científico, este acto celebrouse no CPI Poeta Uxío Novoneyra, en Folgoso do Courel, o día 15 de xuño. As alumnas de segundo curso do noso centro expuxeron o seu traballo e falaron dalgúns restos arquitectónicos, e especialmente das fontes das que podemos obter información sobre eles. Concretamente estudaron construcións propias da nosa zona. As fontes poden ser primarias ou secundarias, poden ser documentos escritos ou restos arqueolóxicos. Entre eses monumentos, analizaron o miliario de As Pontes de Gatín, o agger de O Comeal, o baixo relevo de Vilarín e outros restos.
O traballo coordinado polo profesorado de Xeografía e Historia expúxose no vestíbulo do centro, para toda a comunidade educativa.
Exposición no vestíbulo do traballo presentado ao V Congreso Científico da montaña.
O CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel acolleu o V Congreso científico da
Montaña, onde se presentaron ao longo de dúas xornadas 26 traballos de
investigación realizados polo alumnado de primaria e secundaria de nove cetros
educativos, tanto dos concellos da montaña como convidados doutras comarcas.
O Congreso
Científico é unha iniciativa dos CPIs de Cervantes, Pedrafita, O Courel e Navia
de Suarna que pretende dar visibilidade aos proxectos que se realizan nas
distintas áreas, pero sobre todo desenvolver as habilidades de expoñer en
público entre un alumnado que normalmente realiza a súa actividade “en familia”.
A esta iniciativa
dos CPIs da Montaña, que participan con todo o alumnado, súmanse grupos do IES
de Becerreá e A Fonsagrada, e nesta ocasión como centros convidados o IES Xoán
Montes (Lugo), O IES Couto (Ourense) e o CFEA Sergude (Boqueixón). Os traballos
teñen en común utilizar o método científico, sendo moitos deles experimentais e
con propostas que chegan tamén dende as Ciencias Sociais e as Humanidades.
A Estación
Científica do Courel foi unha sé idílica para parte das exposicións, que tamén
tiveron lugar nas instalacións do colexio, onde se desenvolveron as comidas, os
tempos de lecer e a pernocta.
A rapazada dos
distintos centros tiveron ocasión de relacionarse tamén en actividades
complementarias de carácter lúdico, entre elas un fermoso roteiro pola beira do
río Lor, na que puideron disfrutar da fermosura do Courel.
martes, 6 de xuño de 2023
O alumnado de Lingua galega de 1º da ESO representa a obra teatral "Restaurante farruco"
Alumnado de 2º da ESO na representación no Salón de actos do centro
No xeitoso e
moi feituco Resturante Farruco celébrase un xantar moi especial: unha parella e
o rei son atendidos polo camareiro Farruco, pola xefa de cociña Siñá Manuela e
polo seu axudante. Restaurante Farruco é unha divertida peza teatral nun acto,
onde Chus Pereiro xoga coa rima para presentar a ritmo trepidante a xornada que
se vive nun restaurante moi especial. O ilustrador Xan López Domínguez deu vida
a cada un dos personaxes da peza.
A obra foi representada dúas veces, xa que o alumnado repartido en dous grupos fixo a unha interpretación propia. Parabéns polo seu traballo.
Velaí podes ver aos actores e actrices do reparto.
Visita do alumnado de 2º da
ESO de ciencias e tecnoloxía ao parque eólico experimental de Sotavento
Sotavento é unha
singular instalación que, ademais do obxectivo comercial común a este tipo de proxectos,
realiza outras actividades adicionais centradas en tres áreas: Investigación,
Divulgación y Formación.
O principal obxectivo
das actividades da área educativa de Sotavento é a educación enerxética nun
momento no que cobra especial interese tanto por la incerteza enerxética
derivada dos conflitos internacionais, como pola crisis climática que continúa
empeorando. O alumnado asistiu a unha charla sobre enerxía renovables, tivo a
oportunidade de visitar e ver o funcionamento dun eólico, unha casa
bioclimática e recibir todo tipo de información de como facer un consumo
responsable da enerxía no eido doméstico
luns, 22 de maio de 2023
A Festa das Letras no IES de Becerreá
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, o Equipo da Biblioteca o Departamento de Lingua Galega e o Departamento de Debuxo, prepararon a exposición no vestíbulo do centro para conmemorar o Día das Letras.
Exposición no vestíbulo do IES de Becerreá.
Neste traballo
interdisciplinar, recóllense a todos e todas as autoras desde a primeira data
na que se conmemora o Día das Letras Galegas. O 20 de marzo de 1963, coincidindo co
centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os
académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús
Ferro Couselo propuxeron a Real Academia Galega a celebración do Día das Letras
Galegas.
No IES de Becerreá recordamos aos autores e autoras premiados nas sesenta pasadas edicións coa realización
desta exposición conmemorativa.
O traballo tamén inclúe os gravados creados
polo alumnado que participou no Obradoiro
de ilustración desenvolto na Biblioteca
do centro pola ilustradora Laura Romero, onde o collage e a figura de
Rosalía inspiraron o proceso creativo. Foron utilizados diversos materiais como
periódicos, textos e imaxes de Rosalía de Castro, papeis de cores e estampados,
etc. A aportación estética do Departamento de Educación Plástica e visual consistiu en dúas pinturas de Rosalía
realizadas polo alumnado que fan desta exposición unha mostra verdadeiramente
orixinal e única.