mércores, 24 de xuño de 2020

Fernando Cerecedo, Director do IES de Becerreá, presenta a  "A REBOLA 2020" 


A revista do IES de Becerreá cumpre 25 anos, desde a súa primeira edición. A pesar da crise polo COVID 19, publicouse e entregouse  a alumnado e profesorado do centro.


Fernando Cerecedo, Director do IES de Becerreá.

     Despedímonos agora dun curso que nos quedará gravado na memoria con letras fondas de máis. Se a vida transcorrese con normalidade desde o día 13 de marzo, todos e todas teriamos estado no centro durante o terceiro trimestre, convivindo, desenvolvendo proxectos comúns, realizando as tarefas académicas cotiás, Se a realidade coñecida ata daquela fose a norma, non perderíamos un 17 de maio celebrado desde o instituto, teríamos entregado un novo premio pola defensa da cultura e lingua galegas na comarca dos Ancares, realizaríanse actividades complementarias con alumnado doutros centros veciños, ... Se todo fose como era, non nos terían roubado o mes de abril. Nin maio, nin xuño.

     Por iso agora, máis ca en ningunha outra ocasión, agradecemos encarecidamente o esforzo do Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro por resistirse a perder a nova edición da Rebola que agora temos nas mans e darnos, con isto, unha saudable e emotiva referencia de normalidade en tempos estraños e incertos. Esta Rebola 19-20 xa é histórica. Sería perfectamente comprensible que tamén con ela tivésemos que establecer unha paréntese na súa liña do tempo, como con tantas outras cuestións neste momento, pero o empeño de moitos e moitas dentro da nosa comunidade educativa permítenos manter aberta esta xanela, desde a que nos podemos asomar e desde a que nos poden ver.

Virán mellores primaveras e A Rebola, coma sempre, chegará con elas!

Saúdos, saúde e sentidiño.