luns, 26 de febreiro de 2024

 Celebración do "Día de Rosalía de Castro no IES de Becerreá"


Exposición dos traballos realizados polo alumnado de 3º ESO de EPV e 4º ESO de expresión artística.


Somos dos poucos pobos do mundo que temos unha muller referente, porque temos a Rosalía de Castro. O 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía, coincidindo coa data na que naceu no ano 1837; con flores e poemas dela celebramos o seu día, que é o que merecemos os galegos e galegas que falamos no idioma no que compuxo os poemas máis bonitos do mundo. Por iso, o Equipo de Dinamización da Lingua e o departamento de Lingua Galega do IES de Becerreá, agasallaron a todo o centro cun caravel e un libro editado e deseñado polo Departamento de Plástica, con orixinais portadas creadas polo alumnado.

O acto de celebración consistiu nun recitado con fondos de piano que interpretou o alumnado de música de 4º da ESO, no que se puxo de manifesto o afortunados  que somos de ter a Rosalía de Castro.

    PREME PARA VER O VÍDEO DO ACTO













martes, 20 de febreiro de 2024

 DÍA DA NENA NA CIENCIA

Dende o ano 2016, o 11 de febreiro celébrase o Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data establecida pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas para promover a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia


Exposición de infografías realizada polo alumnado de 2º,4º da ESO e 2º de BAC.

  


Durante séculos moitas mulleres científicas foron privadas de estudos, discriminadas, invisibilizadas e, incluso, sufriron a negación das súas aportacións e descubrimentos, dándolle a autoría dos mesmos aos seus compañeiros de investigación, ou a outros científicos homes que fixeron o mesmo descubrimento tempo despois.

    Con motivo desta data o alumnado da ESO e BAC realizou infografías de científicas que deixaron unha grande pegada na ciencia, cada grupo en relación coa materia do primeiro trimestre e en colaboración cos departamentos de Ciencias Naturais e Física e Química. Así o alumnado de segundo de BAC realizouna sobre coñecidas bioquímicas, o alumnado de segundo de ESO sobre físicas importantes e por último, o de cuarto de ESO sobre grandes xeólogas.

Así mesmo, desexamos que as alumnas esperten co seu exemplo de perseveranza, os seus descubrimentos e aportacións, a vocación científica de todas esas mulleres, adolescentes e nenas ás que, ata o de agora, se lles fixo pensar que a ciencia era cousa de homes. Porque o talento non ten xénero e a ciencia e a igualdade son vitais para conseguir o avance da sociedade dunha maneira sostible, consciente e democrática.


PARABÉNS POLO TRABALLO REALIZADO, E POLA CONCIENCIACIÓN COA CAUSA

luns, 12 de febreiro de 2024

 ENTROIDO 2024 IES DE BECERREÁ

O Departamento de Latín e Grego, e o EDL do centro realizaron un estudo das similitudes entre  as Lupercais romanas e ao Entroido Galego


Exposición Entroido 2024 Departamento de Latín, Grego e EDL.


  As 'Lupercalia' eran unhas festas que se celebaban o 15 de febreiro na Antiga Roma en honor a Luperco (divindade protectora dos rebaños). Reciben ese nome porque se facían nunha caverna do monte Palatino, onde, segundo a lenda, a loba Luperca amamantou a Rómulo e Remo (fundadores da cidade). Esta festividade tiña como obxecto promover a fertilidade das mulleres e purificar a sociedade. Estaba oficiada por uns sacerdotes especiais tamén chamados lupercos, dirixidos por un xefe chamado magister.

    As Lupercais contaban cun ritual ben definido: comezaba cun sacrificio dunha cabra ou dun can. A continuación, presentábanse no altar dous rapaces ós que se lles manchaba a fronte da sangue dos animais, e logo debían rir. Mentras tanto, os lupercos arrican a pel dos animais a tiras con forma de látegos e confeccionaban os seus taparrabos á vez que os asistentes entoaban cantos festivos. Logo, comezaba unha carreira pola cidade na que as mulleres se ofrecían a ser azoutadas cos látegos para favorecer a súa fertilidade. Finalmente, procedíase á celebración dun banquete dos sacerdotes coa carne dos animais sacrificados, e cada familia tamén celebraba nas súa casa con abundante comida.

Traballos alumnado latín e grego.

 

  Igual que nas Lupercais romanas, en Galicia os roles sociais están ben establecidos e en cada zona aparecen personaxes pinntorescos con características ben recoñecibles. Así pois, convén ir disfrazado e con ganas de divertirse. Sen disfrace córrese o risco de sufrir algún golpe de fusta, quedar cheo de fariña ou de formigas vivas ou a pagar unha ronda de viños. É a l e i !

  Estas festas teñen carácter propio, sobre todo na actualidade na que perderon significación relixiosa en relación cos ritos agrarios. Foi recuperada e mantida malia que en moitas ocasións se prohibiu polo seu carácter libertario.

  Ó igual que outras festividades, as divindades e festas pagás foron adaptadas ó Cristianismo. Así sucedeu coas Lupercais, que foron adaptadas na Candelaria, celebrada o 2 de febreiro, patrón de Becerreá, e relacionada tamén coa purificación.

  Por outro lado, a palabra 'entroido' deriva do termo latino "introitus", é  dicir,  "comezo",  facendo  referencia  á  entrada  na  primavera.  Este momento coincidía xusto antes da Coresma, momento no que está prohibido o consumo de carne.



  Neste  punto  é  onde  se  relaciona  co  termo  'carnaval',  que  tamén procede do latín "carnem levare", ousexa, "quitar a carne". 

Nun ambiente de festa, a xente disfrazábase para escorrentar ós espíritos malignos que podían estragar as colleitas que estaban por vir.


PREME AQUÍ PARA VER O TRABALLO EN CALAMEO

   Pero o Entroido no IES de Becerreá, forma parte da programación do EDL no empeño de celebrar as festas tradicionais, propias da  identidade cultural de Galiza. O alumnado de 4º da ESO, todos os anos organiza o Entroido con unha semana chea de actividades colectivas para toda a comunidade educativa, e ademais  dinamizan e dirixen o concurso de comparsas, queima do espantallo e degustación de doces feitos polo alumnado. Queremos agradecer o seu traballo e dedicación!

PARABÉNS AO ALUMNADO DE 4º DA ESO POLO SEU TRABALLO


PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO DO NOSO ENTROIDO



AQUÍ PODEDES VER AS COMPARSAS GAÑADORAS, O XURADO E AS PRESENTADORAS.











xoves, 1 de febreiro de 2024

Charla no IES de Becerreá sobre nomes de lugar e identidade galega



O alumnado de Latín e Grego do IES de Becerreá asistiu o venres 1 de febreiro a unha charla divulgativa sobre "Nomes de lugar e identidade galega" impartida no centro, ata onde se desprazou o profesor da Universidade da Coruña, Xosé Manuel Sánchez Rei. Os estudantes descubriron que a toponimia é capaz de transmitir abraiante información sobre a cultura e a historia doutros tempos e que constitúe unha valiosa ferramenta para sabermos máis de nós mesmos como pobo. Ademais, decatáronse da innegable relación entre o latín e os nomes de lugar de Galicia e da súa propia contorna.