luns, 20 de novembro de 2023

 

O Deparatamento de Economía do IES de Becerreá celebra o Día da muller emprendedora, cunha charla coloquio no Salón de Actos do centro


Pilar Iglesia Muinelo, profesora de economía do centro, presentando o acto.


      O pasado 19 de novembro foi o día da muller emprendedora e, desde o IES de Becerreá, quixemos conmemorar esta data da mellor forma posible: dándolle voz  a dúas mulleres moi relacionadas co emprendemento na comarca: Fe Álvarez e Yolanda Gómez. Ambas se achegaron ao instituto este luns para contarlle ao alumnado de Economía de 4° da ESO, 1° e 2° de BAC as súas experiencias no rural. Tamén o animaron a ver o emprendemento coma unha opción de futuro.

 

        Fe Álvarez é enxeñeira forestal e a actual xerente do GDR da montaña de Lugo. Ela contounos todos os apoios facilidades que se brindan para emprender desde o seu traballo, a través  das axudas Leader. Explicounos como funcionan e quen pode acollerse a elas, amais de mostrarnos exemplos de proxectos de éxito que saíron adiante grazas ás mesmas.

 




        Pola súa parte, Yolanda Gómez, tamén enxeñeira forestal, compaxina o traballo como técnico forestal coa xestión dunha granxa caprina que puxo en marcha en Becerreá xunto co seu marido. Explicounos como lle xurdiu a idea e de que xeito foi medrando e dando paso a outros proxectos colaborativos.

 



        As nosas dúas invitadas remataron falándonos das vantaxes e inconvenientes que ten dirixir unha empresa propia e, ademais, puxeron en valor o noso rural e todas as oportunidades de negocio que se poden levar a cabo dende el.

         Ademais dous  alumnos representantes do alumnado de Economía de 1º de BAC tiveron a oportunidade e entrevistar a estas dúas mulleres emprendedoras, para coñecer de primeira man e con detalle a súa experiencia. O resultado desta entrevista publicarase na revista do centro.




O noso máis sincero agradecemento a Fe e Yolanda pola súa colaboración desinteresada co centro.




domingo, 12 de novembro de 2023

Comeza no IES de Becerreá, o proxecto de fusión entre danza urbana e tradicional da man de Rubén Hamade Longarela, Director da escola de baile e espectáculos Gravitty de Lugo 



    Unha clase de HipHop serviu como marco inaugural para o proxecto  “Fusión  e movemento”, que se desenvolverá ao longo do curso no IES de Becerreá. O proxecto que ten varias fases, pretende dar a coñecer a danza tradicional galega e a danza urbana, a súa riqueza e elementos estilísticos. O obxectivo principal deste proxecto é visibilizar o noso patrimonio artístico a través da danza, fusionando os dous estilos e achegando ao alumnado a idea de que ambas expresións artísticas poden enriquecerse mutuamente. A mestura da danza galega cunha disciplina máis próxima á xuventude como é o HipHop, facilita o achegamento do alumnado á tradición do baile galego e o descubrimento de toda a súa riqueza.

 Rubén Hamade Longarela profesor e Director da Escola de Danza, Ximnasia e Espectáculos  de Lugo, foi   recibido con gran entusiasmo  polos asistentes. Comezou a súa intervención cunha pequena clase sobre a orixe, evolución e elementos estilísticos e formais que conforman este xénero. A parte práctica da clase consistiu na aprendizaxe dunha coreografía, na que o alumnado, todo sexa dito, deuno todo. O resultado foi moi gratificante, e interesante para o alumnado.

Queremos agradecer a colaboración de Rubén Hamade co noso centro, pola súa profesionalidade, amabilidade e carisma.

 





Magosto 2023 

Actuación de Cé Orquestra Pantasma, en colaboración coa Deputación de Lugo para celebrar o Magosto no centro  




    Coma todos os anos, boísimas castañas feitas pola nosa cociñeira Ana,  fixeron posible a a tradicional castañada do ano, no patio do centro, todo iso coa colaboración do alumnado de 4º da ESO, e participación de todo o alumnado e profesorado.

    Aínda que o tempo non acompañaba, a Orquestra Pantasma transformou a xornada, sen importar a climatoloxía,  e transportarnos aos tempos en que nas nosas festas mais arraigadas todos eran partícipes e creadores do divertimento, quedando a pasividade practicamente desterrada do campo da festa. Baixo o nome de Cé Orquestra Pantasma ocúltase o vigués César Fritiría, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais. Comezou a súa andaina ao oito anos na música tradicional, e navega por variados estilos chegando a formar parte de grupos tan dispares como A Roda ou a banda de punk Oxtiax De Che Pariu. Desde 2008 leva percorrida toda a xeografía galega con Cé Orquestra Pantasma, un proxecto musical, unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, no que se conxuga á perfección toda unha vida musical

     O alumnado e profesorado participou e gozou moito entre rimas, música e baile  engaiolándonos cara un mundo marabilloso, o das festas tradicionais de toda a vida.


PREME AQUÍ PAR AVER O VÍDEO

 


ALGUNHAS DAS IMAXES DA FESTA










luns, 6 de novembro de 2023

 CONTOS DE MEDO NO IES DE BECERREÁ PARA CELEBRAR SAMAÍN 




       Para conmemorar a noite de Samaín, as alumnas de Oratoria crearon o conto de medo definitivo, no que cada unha aportou os seus pesadelos máis terroríficos para unilos nun conto. Tratábase de advertir dos perigos desta noite na que a liña que separa o mundo dos vivos e o dos mortos se dilúe permitindo que se poida cruzar.

       Seguindo o modelo de Stephen King, quen tamén confesou inspirarse nos seus pesadelos para escribir as súas obras de terror, cada alumna aportou unha parte da historia, que entre todas teceron para contala @s súas compañeir@s.

        A historia ten lugar no contexto dunha actividade extraescolar ficticia de oratoria, na que faciamos unha saída á Lugo que quedaría interrumpida por unha serie de sucesos terroríficos. Enfrontáronse á historia tan só co recurso das súas palabras, tratando de meternos no relato recurrindo únicamente a exposición oral.

       Para rematar, acabamos facendo unha viaxe a través do terror clásico da cultura de masas, repasando as orixes e explicación simbólica dos vampiros, do Frankenstein clásico, do doutor Jekyll e mr. Hide, do home invisible e dos zombis. Figuras todas que nos levan a facer unha crítica da actual sociedade de masas e da razón instrumental ó servicio dunha ciencia á que ás veces esiximos solucións que superan ás súas posibilidades. Ó mesmo tempo, tales figuras terroríficas, critican a desaparición do pensamento crítico.

PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO



EXPOSICIÓN DE SAMAÍN 2023

Exposición Samaín 2023


              No IES de Becerreá realizamos unha terrorífica exposición de Samaín baseada en dúas temáticas, personaxes de terror na cultura e mitoloxía galega, e a recreación da noveliña “Un ollo de vidro”, de Castelao.

         O traballo da selección de personaxes de terror realizouno o alumnado do EDL, buscando en gravados e ilustracións nos contos de medo e terror na literatura galega.

              O alumnado de Plástica e Debuxo do centro, despois de ler “Un ollo de vidro” realizou utilizando a intelixencia artificial unhas recreacións do que podería ser a portada do libro, o cal foi o primeiro traballo de ficción narrativa publicado polo autor, e que se achega a unha sorte de expresionismo arraigado no popular.  Varios dos relatos que fan de Castelao un mestre da prosa galega moderna atópanse nestes Retrincos, anacos autobiográficos convertidos en contos tan sinxelos como ben construídos.

 

PODES VER OS TRABALLOS PUBLICADOS EN CALAMEO, NOS SEGUINTES ENLACES

RECREACIÓNS POR INTELIXENCIA ARTIFICIAL "UN OLLO DE VIDRO"



luns, 30 de outubro de 2023

O grupo de teatro Down Lugo representou no IES de Becerreá a obra 21/3. 

Grupo de teatro Down Lugo.



     O alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO, e o profesorado do centro tiveron a sorte de disfrutar da actuación desta compañía de teatro o pasado 27 de outubro. A obra que interpretaron  "21/3",  trata sobre cada un dos membros deste grupo, sobre as súas inquedanzas: como nos ven?, como nos gustaría que nos visen?, somos aceptados?, porque temos que ser aceptados?, non somos como os demais? ou somos como Segismundo buscando o motivo do seu castigo?

      Os textos creados no taller de teatro, son eses retazos que unha vez cosidos cobraron vida. Xógase coa numeroloxía: 21 escenas en tres actos, 21 de marzo e o triple cromosoma 21. As imaxes, as atmósferas e os corpos son primordiais na posta en escena. Unha obra para enternecer, rir e chorar. Como a vida mesma.

      O  grupo formouse en decembro de 2004 a partir dun obradoiro de achegamento ao teatro que de inicio contaba con 7 participantes. No 2007 o grupo ampliou o seu número de membros consolidándose como tal. Na actualidade está formado por 16 actrices e actores afeccionados, todos eles con capacidades diferentes, de idades comprendidas entre os 22 e os 55 anos.

     Ao longo da súa traxectoria, o Grupo de teatro Down Lugo representou obras como “Eu respecto as normas, e ti?”, “A viaxe da vida”, “Down Up”, “Sono dun día”, “O circo dos doce puntos”, “Amor”, “Montaxe de terror”, “Gritos”, “O clube da comedia viaria”, “O bar da esquina”, “Televisión”, “Dimes e diretes”, “Conto de Nadal”, “Ti te me deixas querer”, “Ó redor dunha camilla”, “Soños”, “Performance Soño” e “Soño dunha noite de verán”.

    


 

Estrea do documental "LAR" no IES de Becerreá para alumnado e profesorado do centro

O IES de Becerreá acolleu a estrea do traballo auduovisual realizado pola Asociación Galega do Cambio Social 




     Lar é un documental social co obxectivo de previr a discriminación por motivos de idade. Foi rodado nos concellos galegos de Becerreá (Lugo) e Zas (A Coruña) e está protagonizado por tres avós e os seu netos. Nel pódense ver as súas historias de vida e cómo o vínculo existente entre eles fixo que tiveran unha vida mellor. O rural galego, os vínculos familiares e o paso do tempo son os tres eixes sobre os que vertebra. Pasado, presente e futuro, o lar é o lugar ao que sempre queremos volver. Este é un documental de Agareso financiado por a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dentro da convocatoria de axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do IRPF. Está protagonizado por: Adrián Otero e Ovidio Otero, Claudia Lema e Balbina Rial, Laura Núñez alumna do IES de Becerreá e José Núñez.

 



           A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), é unha organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais do mundo da comunicación en Galicia que cren no poder da comunicación como ferramenta de transformación social. O seu principal obxectivo é utilizar as ferramentas de comunicación para conseguir a esa transformación social positiva a través de proxectos de Cooperación Internacional, Educación para o Cambio e Acción Social.

ESTAS SON ALGUNHAS DAS IMAXES DA ESTREA NO IES DE BECERREÁ.













O IES de Becerreá acolle a charla "Toponimízate" a cargo de Vicente Feijoo

O alumnado do IES de Becerreá colaborará no proxecto Galicia Nomeada

Vicente Feijoo, no Salón de Actos do IES de Becerreá.


         O día 19 de outubro tivo lugar no noso centro unha charla organizada polo Concello de Becerreá e desenvolta polo filólogo da Real Academia Galega (RAG) Vicente Feijoo, dentro do programa de promoción da lingua galega  "Toponimízate", que está coordinado desde a RAG en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O alumnado de 2º, 3º da ESO e 1º de Bac tivo a oportunidade de coñecer os rasgos xerais da toponimia galega en xeral e do seu valor como patrimonio inmaterial, ademais de obter información clarificadora da orixe dalgún dos topónimos do propio concello de Becerreá. A partir desta experiencia, o alumnado do centro, coordinado polo departamento de Lingua Galega, colaborará activamente no coñecemento e pervivencia da microtoponimia local a través da plataforma Galicia Nomeada
















luns, 9 de outubro de 2023

Obradoiro de escrita a prol do galego, con Ana Carreira para o alumnado de 2º da ESO no IES de Becerreá
 



No marco das actividades do Correlingua cara ao 2024, o IES de Becerreá participou no obradoiro de escrita “Desata a Lingua”  impartido por Ana Carreira. Xenio e figura, chegou, veu e venceu. A rapazada entregada desde o primeiro momento: actividade creativa a partir dunhas imaxes e dunhas frases poderosas.


Esta muller luguesa, actriz, dramaturga, narradora, contacontos, monitora de teatro, etc, etc, deixou claro, unha vez máis, que a creación, a imaxinación, a sensibilidade combinan moi ben coa xente nova.

Os obradoiros de escrita son  unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar na reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

 





   




sábado, 17 de xuño de 2023

 CELEBRACIÓN DA VII ENTREGA DO PREMIO IES DE BECERREÁ AO EMPREGO E A DIFUSIÓN DA CULTURA E A LINGUA GALEGA NA COMARCA DOS ANCARES




       O pasado 16 de xuño no salón de actos do centro ás 12 da mañá celebrouse a VII edición da entrega PREMIO DO IES DE BECERREÁ AO EMPREGO E DIFUSIÓN DA LINGUA E CULTURA GALEGA NA COMARCA DOS ANCARES, asistiron ao acto a Coordinadora territorial dos EDLG da provincia de Lugo Pilar TeiJeiro,  os premiados/as, e toda a comunidade educativa.








            Este ano ten un valor especial xa que por mor da pandemia deixamos de desenvolver este proxecto no que se recoñece aos premiados/as pola promoción da lingua e a cultura galega na nosa comarca. Nesta VII edición  o galardón foi para a actriz barallesa Carmen Méndez e o grupo cervantego Os Xardois.

              O acto conducido por dúas alumnas de 1º da ESO e 1º de BAC contou coa actuación do alumnado de 4º da ESO que recitou “Letanía” de Uxío Novoneyra, tamén interviron o Director do centro Fernando Cerecedo e Pilar Teijeiro, así coma os premiados e a premiada.



         










               A Asociación Cultural Os Xardois nace no ano 2008 en Doiras (Cervantes) entre os pais e nais de un grupo de nenos/as escolarizados nos colexios de Doiras e San Román de Cervantes co obxecto de que os seus fillos/as aprendera tocar un instrumento, socializaran e co tempo chegaran a formar un grupo de música tradicional.


Comezaron sendo naquel momento uns 35 socios aproximadamente e nunha das primeiras reunións decidiron que a denominación do grupo sería a palabra típica da zona da zona; o nome de algo cuxo termo só se empregara na montaña de Cervantes. De ese pensamento naceron: “Os Xardois”. Todos os sábados do calendario escolar pola mañá dende o 2008, ese grupo de nenos/as ían a clases de música tradicional e baile rexional ata chegar a formar una agrupación que actualmente ten como socios/as a son maiores de idade.

Na actualidade, somos 22 membros no grupo musical: Manuel, Tania, Noelia, Adrián, Lorena, Nerea, Silvia, Miriam, Eva, Lucía, Andrea, Cynthia, Gloria, Claudia, Migue Laura, Borja, Celtia e as nosas dúas nenas menores de idade: Aldara e Leyre (novasintegrantes). Os Xardois seguimos dende os inicios conservando os mesmos fins: difund musical da zona naqueles pequenos eventos e festexos dos que nos chaman para animar unha zona moi marcada polo despoboamento e a poboación envellecida, así como recuperar e poñer en valor as costumes da comarca dos Ancares a través do eido da música organizando actividades como o entroido ou o magosto.

Carmen Méndez exalumna do IES de Becerreá estudou Enxeñaría Química na Universidade de Santiago de Compostela de Lugo. Estudou interpretación na escola Réplika Teatro e tamén se formou con Fernando Piernas, Montxo Armendáriz e Fernando Franco. Tamén estudou violín no Conservatorio Profesional de Música de Lugo.


En cine traballou na longametraxe Bad Investigate, da produtora portuguesa Lightbox Filmes e protagonizou Pelerinaxes, longametraxe documental dirixida por Simone Saibene que gañou ex-aequo o primeiro no Festival de Cinema de Avança (Portugal).

En televisión traballou na serie da TVG Pazo de familia, personaxe pola que foi proposta dúas veces ós Premios Mestre Mateo como mellor actriz secundaria. Tamén participou en Serramoura e formou parte do elenco da serie Auga seca, de Portocabo e Spi e de Élite. Actualmente é un dos personaxes principais da serie da TVG Saudade de ti. En 2019 entrou na xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual.


  PREME PARA VER COMO FOI O ACTO



mércores, 14 de xuño de 2023

 QUE OPINAS DO GALEGO?



É o segunda vez que o Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega realiza esta enquisa para medir o uso do galego, e facer un estudo do uso do mesmo ao longo do tempo. As conclusións obtidas foron as seguintes:


• Os alumnos utilizan o galego maioritariamente para relacionárense cos seus compañeiros do Instituto, tanto na expresión oral coma na escrita. Este nivel de uso é moito maior có que teñen os rapaces da súa idade da provincia de Lugo. Se os comparamos co do resto de Galicia, a diferenza é aínda maior.















• Noutros ámbitos sociais, con excepción da familia, a utilización do galego é menor ca no Instituto.
                           









• O alumnado percíbese cun nivel de competencia oral semellante nas dúas linguas.

• Que utilicen o galego ou o castelán no IES, vén condicionado en gran medida pola lingua que se utilice na familia.
• Cando os nosos alumnos cursaron Primaria o uso do castelán entre eles era moito maior có empregado no ámbito familiar.
• Tendo en conta todo o anterior podemos concluír que tanto o ambiente social coma a Ensinanza Primaria son desgaleguizadores con respecto ás familias.







• É galeguizador o Instituto?

Poderíase pensar que unha forma de medilo sería ver como varía o uso do galego ó longo dos catro cursos da ESO. Sen embargo ó ser grupos tan reducidos, as conclusións que se poderían tirar a partir destes datos serían moi pouco fiables.
No IES, hai cunha considerable presenza do galego tanto nas clases —segundo as enquisas impártense o dobre de materias en galego ca en castelán— coma no resto das actividades lectivas. O alumnado recoñece o centro como unha entidade promotora do galego.
Con todo o anterior conséguese chegar a un nivel de uso do galego no Instituto semellante ó do ámbito familiar. Sen embargo non se logra trascender do ámbito educativo e noutros ámbitos sociais o uso do galego é minoritario.




Preguntados sobre o nivel de uso do galego nos vindeiros 5 anos, os alumnos do Instituto teñen unha visión máis pesimista que os datos do IGE.