xoves, 20 de outubro de 2022

Alumnado de 3º da ESO colabora b¡na limpeza de vertedoiros e treitos do río Ser en Vilela 


Alumnado de 3º da ESO con Jesús Folgueira e Fernando Cerecedo.


    O alumnado de 3º da ESO completou unha xornada de traballo cooperativo e solidario en Vilela (Navia de Suarna), nunha actividade organizada pola Asociación Ser, consistente na limpeza de dous antigos vertedoiros utilizados polas xentes que no seu día vivían nesta aldea ancaresa; na valoración das calidade das augas do Río Ser por medio da análise dos macroinvertebrados que se desenvolven no río e que son perfectos bioindicadores da calidade da auga (actividade levada a cabo por Ramsés e Lucía, membros de Adega); e, finalmente, na retirada de plásticos nun treito do río, que foron utilizados en tempos para a construción e mantemento de regas (PREME AQUÍ) para ver algunhas imaxes da xornada). Para o cumprimento destas actividades, tivemos a colaboración de veciños e membros da asociación (Pepé, Oliver, Ida, Suso, Mara, Mª Carmen, ...) a quen agradecemos a súa acollida, colaboración e ensinanzas, nunha xornada que resultou ser moi enriquecedora e na que o noso alumnado amosou un encomiable compromiso coa actividade durante toda a xornada e a pesar desa chuvia que nos visitou durante o descanso da comida (nunca uns bocadillos de tortilla e unhas castañas asadas foron tan saborosos).

venres, 14 de outubro de 2022

O IES de Becerreá conmemora o Día da muller no rural 2022, coa celebración dun coloquio no salón de actos do centro


Como invitadas acudiron  Andrea Valle e María Osorio, que colaboraron desintaresadamente co instituto






    O alumnado de 1º de Bac asistíu ao coloquio organizado en dúas mesas, unha de experiencias formada por Andrea Valle, escritora exalumna do centro, que cursa o grao de Lingua e Literatura Galega e aplicacións teórico-comparadas na Universidade de Santiago de Compostela, María Osorio graduada en Filoloxía Clásica na USC e que desenvolve un proxecto agrogandeiro no concello de Becerreá,  e Elba Cordero Gómez alumna de 1º de Bac que participa no proxecto agrogandeiro que  leva a cabo a súa familia, por outra banda, a  mesa de espectativas formada por alumnas de 1º de Bac Zaira Alba Novo, Maitane López Navia, Daniela Novo López e Lucia Rodríguez Díaz. 
 
        O tema do coloquio foi “A muller no rural, servizos e autoestima”, xa que visibilizar a importancia que merece a achega económica, social e cultural que desenvolven as mulleres en áreas rurais, as dificultades que atopan á hora de conciliar a súa vida profesional e familiar no mundo rural con crecente despoboamento e envellecemento poboacional, require mellorar os servizos públicos e as medidas de apoio social.
 
       No acto, o alumnado de Antropoloxía de 1º de Bac presentou un estudo sobre a poboación galega segundo tamaño dos concellos  de residencia, que resultou revelador, xa que  se aprecia  que a poboación activa no rural é maioritariamente masculina entre  a  franxa de idade dos 25 ata os 54 anos, esta situación revírtese a partir  dos  55 anos, nos que a    poboación activa é  maioritariamente feminina.

     Queremos  agradecer  aos asistentes e colaboradoras o seu traballo e participación.









      

domingo, 9 de outubro de 2022

O alumnado de 3º da ESO participou na inauguración da exposición temporal "50 anos da Casa de Rosalía", na praza do Concello Becerreá


O alumnado de Lingua Galega ofreceu un recital poético  para conmemorar a apertura da exposición.



        O sete de outubro, o presidente da  FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO,  Anxo Angueira Viturro
presentou na praza do Concello de Becerreá a mostra a ceo aberto, que se pode visitar entre os días 4 e 17de outubro, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Muse, e fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle frontá vontade popular de recuperar esta Casa.

    Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.


    O alumnado de Lingua Galega do IES de Becerreá partricipou no acto de inauguración    asistindo coma convidados á charla de Anxo Angueira, e ofreceron aos asistentes un pequeno recitado de poemas de Rosalía. Velaí a súa actuación.

PREME PARA VER A SÚA ACTUACIÓN