xoves, 29 de setembro de 2022


Alumnado de 1º de BAC do IES de Becerreá participou no encontro poético Residencias Literarias «Ámeto Mítico»

Alessandro Burbank, Tamara Andrés e Mohamed Abdullah  foron os/as poetas que se achegaron ao centro para compartir as súas composicións, que recitaron no salón de Actos

 



    A Fundación Uxío Novoneyra desenvolve de xeito anual a convocatoria de residencias poéticas itinerantes no Camiño de Santiago  «Ámeto Mítico», un  proxecto que forma parte da programación «O teu Xacobeo» impulsada pola Xunta de Galicia.

    «Ámeto Mítico» ten como obxectivo actualizar e dialogar co legado da poesía trobadoresca galego-portuguesa, caracterizada polo influxo da lírica provenzal e doutras influencias que, coma a poesía sufí, chegaron a terras de Galicia polos camiños de peregrinación xacobea. Toma como inspiración as  rotas descritas no libro Arrodeos e Desvíos do Camiño de Santiago, último poemario de Uxío Novoneyra, quen foi tamén un recoñecido actualizador da poesía trobadoresca. «Ámeto Mítico» foi precisamente o nome co que o poeta nomeou este volume elixido para pechar a súa obra. 

     Estas residencias internacionais de escrita buscan achegármonos a ese «ámeto mítico» que imaxinou Novoneyra. Con elas a Fundación quere contribuir recuperar a temática xacobea para a poesía actual ao tempo que convidar ao recoñecemento entre a mocidade do Camiño de Santiago, primeiro Itinerario Cultural Europeo.

    «Ámeto Mítico» reactiva este legado. Acompaña a poetas interesadas/os na experiencia da peregrinación co obxectivo de divulgar o Camiño como espazo mítico sobre o que continuar a escribir poesía.

Alumnado de 1º do Bac participante do encontro poético.