domingo, 29 de maio de 2022

ACTOS CONMEMORATICOS 

LETRAS GALEGAS 2022 


                O Día das Letras Galegas é unha celebración para homenaxear a persoas que destacaron polo aporte literario e reivindicativo do  noso idioma . Desde 1963, cada 17 de maio a Real Academia Galega dedica esta celebración a unha personalidade diferente.

                A data de celebración deste evento, o 17 de maio, débese a que en tal día como ese, en 1863, publicouse en Vigo o primeiro exemplar da obra Cantares galegos, de Rosalía de Castro, que marcaría o inicio do "Rexurdimento" ou renacemento cultural de Galicia.

            A celebración do Día dás Letras non é un acto rutinario, é unha xornada de orgullo colectivo, celebración da lingua galega e de reivindicación dos nosos dereitos lingüísticos, porque o dereito a falar en todos os espazos da nosa vida non está garantido, garantir o dereito a falar é garantir o dereito de saber.


Exposición Florencio Delgado

     Este ano a Real Academia Galega decidiu honrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán,  militante galeguista a todo o exilio republicano en México, onde viviu entre a fin da Guerra Civil e a súa morte en 1987. Poeta, tradutor ou impulsor de iniciativas como a fundamental revista Vieiros, a Academia salienta o seu “labor literario e activismo político e cultural, un dos capítulos máis destacados das letras galegas na diáspora”.

Alumnado e profesorado pertencente ao EDl do centro presentaron unha exposición no vestíbulo do centro para dar a coñecer a Florencio Delgado.


    No IES de Becerreá  non só quixemos homenaxear a Florencio Delgado, para o EDL do centro esta festividade é máis ca un personaxe, trátase de reivindicar a nosa lingua e a persoas que senten  orgullo e paixón por ela. A nosa identidade empeza pola lingua, por iso este ano no IES de Becerreá quixemos dar visibilidade a escritoras galegas que usan o galego con vangloria. 

    O noso particular homenaxe a estas mulleres foi a realización dunha exposición no vestíbulo do centro, que recollía figuras femininas relevantes da literatura galega do século XX e XI. Ademais o alumnado pertencente ao EDL fixo unha presentación no salón de actos para todo o alumnado da ESO.





 O grupo de teatro do instituto actuou  coa estrea da obra "As meigas sempre atinan" para conmemorar o día da letras. A representación estaba baseada  no conto de Ánxel Fole, e o guión realizouno a alumna de 4º da ESO Daniela Novo.

 Parabéns aos actores e actrices por levar a cabo este divertido proxecto.


PARA VER COMO FORON OS ACTOS PREME PARA VER O VÍDEO







Alumnado de 3º da ESO participa no 

IV CONGRESO CIENTÍFICO DA MONTAÑA

Jesús, Laura e Fernanda co alumnado de 3º da ESO.



    O 28 de abril de 2022 celebrouse o IV Congreso Científico da Montaña. Este ano participaron finalmente cinco centros de ensino, o centro anfitrión que foi o CPI de Cervantes, o CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita, o CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel, o IES Plurilingüe San Lourenzo de Mondoñedo e o noso centro, o IES Becerreá.

     Por fin, despois de dúas edicións online, foi posible celebrar o congreso de xeito presencial. Temos que agradecer ao CPI de Cervantes o seu traballo para organizar unha xornada perfecta para todos os que tivemos a sorte de poder asistir. En total presentáronse vinte dous traballos. A charla inaugural titulábase  “As montañas de Galicia, unha historia de 500 millóns de anos” e foi impartida polo xeólogo Francisco Canosa quen de xeito sinxelo, procedeu a relatar os principais procesos que orixinaron as rochas e o relevo actual de Galicia.

    O noso traballo levaba por título “Investigación sobre o almorzo do alumnado da ESO no IES de Becerreá”. Foi realizado polo alumnado de 3º ESO e coordinado polos profesores de Inglés (Yolanda), de Educación Física (Fernanda), de Matemáticas (Laura) e de Bioloxía (Xesús). Sospeitabamos que moitos alumnos almorzaban mal ou incluso non almorzaban e fixemos unha enquisa para descubrilo. Para que o traballo fose máis interdisciplinar as enquisas realizáronse en inglés,  as respostas obtidas procesáronse na clase de matemáticas onde se elaboraron unhas gráficas para visualizar mellor os resultados. 

    E para presentar o traballo no congreso decidimos facer un vídeo expoñendo todo o proceso de investigación e as nosas conclusións. 

VELAÍ O NOSO VÍDEO






sábado, 28 de maio de 2022

DÍA  DA MULLER 2022 

Exposición "Mulleres en Becerreá"



                Foron varios os traballos desenvoltos no centro para conmemorar esta efeméride.

                A implicación correu a cargo da Dirección do centro, departamentos didácticos, Equipo de Dinamización Lingüística, Equipo da Biblioteca, do alumnado e Concello do de Becerreá.

                En colaboración co Concello, presentouse a exposición "Mulleres en Becerreá", na que as protagonistas eran mulleres traballadoras da vila, antigas alumnas do centro, nais de alumnas e alumnos, moitas das cales residen na comarca ou traballan nela.



                   O  Departamento de Física e Química propuxo unha actividade para o alumnado de 2º da ESO, "A actividade científica impulsada por mulleres". Tratouse de involucrar ao alumnado traballando sobre a vida e obra de distintas científicas ao longo da historia, mulleres  que non figuran  en case ningún libro de texto da etapa.

                A idea era dar visibilidade ao seu labor, traballo, investigacións, e como non, á súa figura,   que é tan importante coma a dos seus homólogos, coa diferencia de que elas nin sequera aparecen, quedando silenciadas.

 



             Ademais o Departamento de Orientación xunto co EDL do centro renderon homenaxe ás mulleres coa realización dun photocall inspirado na  famosa imaxe realizada por J. Howard Miller para unha empresa americana que, durante a Segunda Guerra Mundial, buscaba motivar e levantar o ánimo das traballadoras e unirse ao esforzo da guerra. Hoxe en día, esta imaxe transformouse nun  símbolo da loita feminista dada a mensaxe (We can do it- Podemos facelo) e a actitude  e postura de empoderamento da muller que aparece no cartel.

Aquí queda unha pequena mostra do resultado do traballo.

  

















martes, 24 de maio de 2022

 POR FIN CHEGOU O ENTROIDO AO  IES DE BECERREÁ 

Exposición Cantigas de Escarnio 2022.



    Máis desexado que nunca, por fin puidemos celebrar esta festividade que tanto nos gusta no noso centro. Tal vez polas ganas que tiñamos todas e todos de celebrar o entroido, este ano caracterizouse pola alta participación nas comparsas, no concurso de cantigas e na elaboración do noso tradicional espantallo, que este ano non foi outro que o  COVID.

    Os actos comezaron coa entrega de premios aos participantes do concurso de cantigas de escarnio organizado polo Departamento de Lingua Galega, os agraciados co premio leron as súas composicións para todo o centro, ademais expuxéronse no vestíbulo do instituto.


PREME AQUÍ PARA LER AS CANTIGAS COMPOSTAS POLO ALUMNADO


    A continuación tivo lugar o concurso de comparsas, no que participaron a meirande parte do alumnado e profesorado do centro. Aquí queda unha pequena mostra das comparsas participantes, e a queima do tradicional espantallo.
















  






PERO PARA VER COMO FOI O NOSO ENTROIDO, FERNANDO CERCECEDO, DIRECTOR DO CENTRO, ELABOROU ESTE VÍDEO DE RECORDO PARA QUE NON NOS ESQUEZAMOS DESTA CELEBRACIÓN TAN ESPECIAL PARA TODAS E TODOS.













luns, 23 de maio de 2022

CELEBRAMOS A SEGUNDA EDICIÓN DO CERTAME LITARARIO CANTIGAS PARA A PAZ


Exposición das cantigas no vestíbulo do centro.


O Departamento de Lingua Galega inspirado pola lírica trobadoresca medieval, na que a nosa lingua viviu unha etapa de esplendor, tivo a iniciativa de celebrar o Día da Paz con este certame literario, que se celebra por segundo ano.

O alumnado tiña que escribir cantigas, aínda que a temática non foi o lamento pola ausencia do amado, a alegría polo reencontro, ou a paixón, senón a PAZ . As cantigas compostas polo alumnado seguían tanto os recursos formais das mesmas, tales coma o paralelismo, leixaprén ou o refrán, ademais das variedades temáticas propias das cantigas e a introdución de temáticas novas, creadas polo alumnado.

O resultado en conxunto foi excelente, xa que se creou un   libro 24 cantigas . Este traballo atopouse exposto no vestíbulo do centro para que todo o mundo se puidera achegar a desfrutalo, ademais podedes acceder a el online en calameo.

 

O alumnado premiado recitou as cantigas para conmemorar o Día da Paz











domingo, 22 de maio de 2022

 

FELICITACIÓN DE NADAL 2022


Decoración de Nadal 2022 no vestíbulo do centro.

    Pese a ser outro ano "especial", debido á que a situación sanitaria nos impediu celebrar nestas datas os actos que eran habituais no noso centro, non quixemos deixar de pasar a oportunidade de desexarlles boas festas á nosa comunidade educativa no seu conxunto. E fixémolo coa elaboración dun e sinxelo vídeo elaborado polo alumnado que forma parte do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, co desexo de que o ano 2022 fora favorable a tod@s. A música do vídeo está interpretada por alumnado e profesorado do centro, e as cantigas populares  foron adaptadas polo alumnado e recitadas polo mesmo.Todas as imaxes son das hortas, leiras e casas do noso alumnado.

VELAÍ A NOSA POSTAL





Charla sobre a loita polos dereitos laborais en Galiza durante a ditadura



    Rafel Pillado visitou o IES de Becerreá para ofrecer ao alumnado de Bac o relato sobre as loitas obreiras polos dereitos laborais en Galicia durante a ditadura franquista. En particular,  a súa intervención centrouse na análise das mobilizacións e protestas obreiras na comarca de Ferrol que acaeceron durante os anos 60 e 70 do pasado século. Rafael Pillado foi detido e enviado ao cárcere en varias ocasións por terse involucrado nesa loita política por dereitos agora irrenunciables no mundo laboral e na súa regulación.