venres, 31 de maio de 2024

 

MARÍA REIMÓNDEZ NO IES DE BECERREÁ


    Este venres 24 de maio, a escritora María Reimóndez compartiu co alumnado de 2º e 3º da ESO do noso instituto unha hora de confidencias arredor da súa obra, do seu constante activismo e, como non, das súas orixes en Becerreá e como o noso concello aparece reflectido na súa obra.
 



    O coloquio entre maría e o alumnado tratou, en primeira instancia, da novela Corredora lida polo alumnado de 3º. A preguntas destes, María foi desvelando a inspiración, as experiencias e os porqués desa historia. Como ela viviu un tempo en Etiopía, como quería visualizar as mulleres que trunfan no deporte e tamén a dura vida en países que teñen serias dificultades para sobrevivir e non contan coa suficiente axuda do mundo chamado “rico”, ao contrario, seguen sendo tratados como colonias das que aproveitarse sen dar nada a cambio.
 
    Preguntada sobre o seu amplo activismo, ela devolveu a pregunta ao alumnado: “por que non sodes vós activistas con todo o que está ocorrendo ao voso redor e no mundo”.
 
    Tamén explicou que as súas raíces en Becerreá son profundas, que volve con frecuencia e que en varios dos seus libros aparece reflectida esta historia súa.
 
    María Reimóndez Meilán, nada en Lugo en 1975, é unha escritora galega, doutora en tradución e interpretación pola Universidade de Vigo. Cultiva tanto a narrativa e a poesía coma o ensaio e o teatro.
Leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realizou a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, todos na India, fundou a Organización Non Gobernamental de Cooperación ao Desenvolvemento Implicadas no Desenvolvemento que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral.
Como narradora, no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora. No ano 2005 quedou finalista do Premio Xerais con O club da calceta, que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano por Attilio Casteluci e o castelán por María José Vázquez Paz, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. A partir de aí publicou as novelas Pirata e En vías de extinción. Esta última dá inicio ao Ciclo dos elementos , unha serie de novelas independentes pero interconectadas, á que tamén pertencen A música dos seres vivos e o Premio Xerais 2014 Dende o conflito, ademais de As cousas que non queremos oír . En 2020 recibe o Premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero do Concello de Pontevedra por Cobiza.
    Tamén ten publicados numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil. No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha , personaxe ao que retornou con Volvo! O regreso de Usha. Ademais, publicou  seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest, Lía e as zapatillas de deporte -Premio Frei Martín Sarmiento 2010- e O Monstro das palabras . Para o público infantil publica tamén O xeito das froitas. Premio Frei Martín Sarmiento 2019 e A formiga destemida. En 2017 publica Corredora , dirixida ao público xuvenil e gaña o I Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade por Fóra do normal.

 

 

 

 Dúas alumnas do IES de Becerreá gañan o III Certame Escolar de IlustrarNÖS da Deputación de Lugo







As gañadoras Noa Digón Uría de 3º da ESO  e Noa López Villares de 1º de Bac asistiron ao acto que a Vicepresidencia da Deputación convocou e que tivo lugar no Pazo de San Marcos, 22 de maio.

    Co obxectivo de promover entre o alumnado a creatividade artística e plástica e achegarlle o gusto pola arte de ilustrar, o Departamento de Plástica do IES de Becerreá sumouse a esta iniciativa presentando varios traballos realizados polo alumnado, o resultado foi moi satisfactorio acadando dous traballos premiados neste III Certame.

Cada 30 de xaneiro, desde 2014 a área de cultura da Deputación de Lugo celebra o Día da Ilustración como xeito de impulsar esta arte, popularizar a obra de diferentes profesionais e animar á creación artística como punto de partida para novos valores da ilustración galega. Esta efeméride coincide co aniversario do nacemento de Castelao. O que outrora fora membro do Seminario de Estudos Galegos e do grupo Nós, creativo e divulgador a través de múltiples formas de expresión, deixou a súa pegada plasmada en numerosas ilustracións, caricaturas e escritos que o converten na cabeceira dunha grande lista de artistas que a nosa ilustración foi dando ao longo do tempo e que este 2024 lembra a figura do humorista gráfico, xornalista e publicista, Chichi Campos.

Parabéns ao alumnado pola participación e polo traballo desenvolto. Aquí podesdes ver os traballos premiados.



xoves, 30 de maio de 2024

O autor viveirense Primitivo Marcos imparte unha charla para o alumnado da ESO do centro





No marco de actividades programadas no centro para a participación  no proxecto da Deputación de Lugo Ilustrar-nós o autor viveirense Primitivo Marcos achegou o proceso creativo da banda ilustrada ao IES de Becerreá co ciclo “A aventura de ilustrar”.

A proposta inclúe unha exposición baseada no último traballo do debuxante viveirense, a adaptación a banda deseñada da novela “O paso do Noroeste”, de Xavier Queipo. A través de cadros orixinais e paneis explicativos, a mostra explica, cun carácter pedagóxico e divulgativo,  cada unha das etapa creativa do proceso de ilustración, dende a creación en bosquexos sinxelos da idea inicial ao remate a cor dun debuxo xa finalizado.

A exposición compleméntase cunha conferencia na que Primitivo Marcos explica ao alumnado o proceso de ilustrar un texto, os pasos que este implica e as súas dificultades, incidindo nas posibilidades que ofrece a imaxe para narrar contextos históricos. Na charla, tamén aborda a  figura de Castelao como referente da ilustración en Galiza e  a súa obra, na que destaca a capacidade de crear imaxes sinxelas pero cargadas de simbolismo.

Con esta iniciativa ofrécese ao alumnado a posibilidade de achegarse á tarefa de ilustrar un texto, que, mais aló da banda deseñada, se aplica noutros ámbitos como o da creación publicitaria,  o da animación ou o deseño de moda.

Así, ademais de fomentar a creatividade e achegar ao alumnado á lectura de banda deseñada, a proposta ofrece recursos para  valoración e o fomento da mirada crítica das ilustracións que adoitan acompañar os textos.