luns, 20 de novembro de 2023

 

O Deparatamento de Economía do IES de Becerreá celebra o Día da muller emprendedora, cunha charla coloquio no Salón de Actos do centro


Pilar Iglesia Muinelo, profesora de economía do centro, presentando o acto.


      O pasado 19 de novembro foi o día da muller emprendedora e, desde o IES de Becerreá, quixemos conmemorar esta data da mellor forma posible: dándolle voz  a dúas mulleres moi relacionadas co emprendemento na comarca: Fe Álvarez e Yolanda Gómez. Ambas se achegaron ao instituto este luns para contarlle ao alumnado de Economía de 4° da ESO, 1° e 2° de BAC as súas experiencias no rural. Tamén o animaron a ver o emprendemento coma unha opción de futuro.

 

        Fe Álvarez é enxeñeira forestal e a actual xerente do GDR da montaña de Lugo. Ela contounos todos os apoios facilidades que se brindan para emprender desde o seu traballo, a través  das axudas Leader. Explicounos como funcionan e quen pode acollerse a elas, amais de mostrarnos exemplos de proxectos de éxito que saíron adiante grazas ás mesmas.

 




        Pola súa parte, Yolanda Gómez, tamén enxeñeira forestal, compaxina o traballo como técnico forestal coa xestión dunha granxa caprina que puxo en marcha en Becerreá xunto co seu marido. Explicounos como lle xurdiu a idea e de que xeito foi medrando e dando paso a outros proxectos colaborativos.

 



        As nosas dúas invitadas remataron falándonos das vantaxes e inconvenientes que ten dirixir unha empresa propia e, ademais, puxeron en valor o noso rural e todas as oportunidades de negocio que se poden levar a cabo dende el.

         Ademais dous  alumnos representantes do alumnado de Economía de 1º de BAC tiveron a oportunidade e entrevistar a estas dúas mulleres emprendedoras, para coñecer de primeira man e con detalle a súa experiencia. O resultado desta entrevista publicarase na revista do centro.




O noso máis sincero agradecemento a Fe e Yolanda pola súa colaboración desinteresada co centro.




domingo, 12 de novembro de 2023

Comeza no IES de Becerreá, o proxecto de fusión entre danza urbana e tradicional da man de Rubén Hamade Longarela, Director da escola de baile e espectáculos Gravitty de Lugo 



    Unha clase de HipHop serviu como marco inaugural para o proxecto  “Fusión  e movemento”, que se desenvolverá ao longo do curso no IES de Becerreá. O proxecto que ten varias fases, pretende dar a coñecer a danza tradicional galega e a danza urbana, a súa riqueza e elementos estilísticos. O obxectivo principal deste proxecto é visibilizar o noso patrimonio artístico a través da danza, fusionando os dous estilos e achegando ao alumnado a idea de que ambas expresións artísticas poden enriquecerse mutuamente. A mestura da danza galega cunha disciplina máis próxima á xuventude como é o HipHop, facilita o achegamento do alumnado á tradición do baile galego e o descubrimento de toda a súa riqueza.

 Rubén Hamade Longarela profesor e Director da Escola de Danza, Ximnasia e Espectáculos  de Lugo, foi   recibido con gran entusiasmo  polos asistentes. Comezou a súa intervención cunha pequena clase sobre a orixe, evolución e elementos estilísticos e formais que conforman este xénero. A parte práctica da clase consistiu na aprendizaxe dunha coreografía, na que o alumnado, todo sexa dito, deuno todo. O resultado foi moi gratificante, e interesante para o alumnado.

Queremos agradecer a colaboración de Rubén Hamade co noso centro, pola súa profesionalidade, amabilidade e carisma.

 





Magosto 2023 

Actuación de Cé Orquestra Pantasma, en colaboración coa Deputación de Lugo para celebrar o Magosto no centro  




    Coma todos os anos, boísimas castañas feitas pola nosa cociñeira Ana,  fixeron posible a a tradicional castañada do ano, no patio do centro, todo iso coa colaboración do alumnado de 4º da ESO, e participación de todo o alumnado e profesorado.

    Aínda que o tempo non acompañaba, a Orquestra Pantasma transformou a xornada, sen importar a climatoloxía,  e transportarnos aos tempos en que nas nosas festas mais arraigadas todos eran partícipes e creadores do divertimento, quedando a pasividade practicamente desterrada do campo da festa. Baixo o nome de Cé Orquestra Pantasma ocúltase o vigués César Fritiría, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais. Comezou a súa andaina ao oito anos na música tradicional, e navega por variados estilos chegando a formar parte de grupos tan dispares como A Roda ou a banda de punk Oxtiax De Che Pariu. Desde 2008 leva percorrida toda a xeografía galega con Cé Orquestra Pantasma, un proxecto musical, unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, no que se conxuga á perfección toda unha vida musical

     O alumnado e profesorado participou e gozou moito entre rimas, música e baile  engaiolándonos cara un mundo marabilloso, o das festas tradicionais de toda a vida.


PREME AQUÍ PAR AVER O VÍDEO

 


ALGUNHAS DAS IMAXES DA FESTA










luns, 6 de novembro de 2023

 CONTOS DE MEDO NO IES DE BECERREÁ PARA CELEBRAR SAMAÍN 




       Para conmemorar a noite de Samaín, as alumnas de Oratoria crearon o conto de medo definitivo, no que cada unha aportou os seus pesadelos máis terroríficos para unilos nun conto. Tratábase de advertir dos perigos desta noite na que a liña que separa o mundo dos vivos e o dos mortos se dilúe permitindo que se poida cruzar.

       Seguindo o modelo de Stephen King, quen tamén confesou inspirarse nos seus pesadelos para escribir as súas obras de terror, cada alumna aportou unha parte da historia, que entre todas teceron para contala @s súas compañeir@s.

        A historia ten lugar no contexto dunha actividade extraescolar ficticia de oratoria, na que faciamos unha saída á Lugo que quedaría interrumpida por unha serie de sucesos terroríficos. Enfrontáronse á historia tan só co recurso das súas palabras, tratando de meternos no relato recurrindo únicamente a exposición oral.

       Para rematar, acabamos facendo unha viaxe a través do terror clásico da cultura de masas, repasando as orixes e explicación simbólica dos vampiros, do Frankenstein clásico, do doutor Jekyll e mr. Hide, do home invisible e dos zombis. Figuras todas que nos levan a facer unha crítica da actual sociedade de masas e da razón instrumental ó servicio dunha ciencia á que ás veces esiximos solucións que superan ás súas posibilidades. Ó mesmo tempo, tales figuras terroríficas, critican a desaparición do pensamento crítico.

PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO



EXPOSICIÓN DE SAMAÍN 2023

Exposición Samaín 2023


              No IES de Becerreá realizamos unha terrorífica exposición de Samaín baseada en dúas temáticas, personaxes de terror na cultura e mitoloxía galega, e a recreación da noveliña “Un ollo de vidro”, de Castelao.

         O traballo da selección de personaxes de terror realizouno o alumnado do EDL, buscando en gravados e ilustracións nos contos de medo e terror na literatura galega.

              O alumnado de Plástica e Debuxo do centro, despois de ler “Un ollo de vidro” realizou utilizando a intelixencia artificial unhas recreacións do que podería ser a portada do libro, o cal foi o primeiro traballo de ficción narrativa publicado polo autor, e que se achega a unha sorte de expresionismo arraigado no popular.  Varios dos relatos que fan de Castelao un mestre da prosa galega moderna atópanse nestes Retrincos, anacos autobiográficos convertidos en contos tan sinxelos como ben construídos.

 

PODES VER OS TRABALLOS PUBLICADOS EN CALAMEO, NOS SEGUINTES ENLACES

RECREACIÓNS POR INTELIXENCIA ARTIFICIAL "UN OLLO DE VIDRO"